O ESQUELETO NO MANTEL: DA LARVA CONVIVIALIS ROMANA Á RETRANCA DA NOSA SOBREMESA
Mateo Fontán Couto Os obxectos antigos fascínnanos! Algúns deles, ao saíren á luz tras séculos de silencio, semellan fálarnos cunha familiaridade desconcertante. Non precisan de grandes monumentos nin de epopeas bélicas para explicaren unha civilización enteira; bástalles con caber na palma da man e pousarse no medio dunha mesa ben servida. Iso mesmo ocorre coa chamada larva convivialis —ou, en plural, larvae conviviales —, aquel pequeno espectro de banquete que os romanos gustaban de sacar entre copas de viño e manxares durante as súas ceas festivas. Tratábanse de diminutos esqueletos articulados, labrados con primor en prata, bronce ou madeira —e tamén reproducidos en mosaicos e copas de bebida—, que os anfitrións facían bailar sobre o mantel ou entregaban como agasallo aos seus convidados nos convivia . A primeira vista, ao ollo contemporáneo pode antollárselle un detalle lúgubre, case macabro, impropio dunha reunión alegre. Porén, na mentalidade da antiga Roma o seu sent...







