ALFREDO GARCÍA ALÉN
García Alén, Alfredo. Pontevedra, 10.IV.1923 – Pontevedra, 16.I.1981. Arqueólogo e antropólogo cultural.
Alfredo García Alén naceu en Pontevedra o 10 de abril de 1923. Foi fillo de Alfredo García Hermida e de María Alén Solla, ambos os dous mestres. O matrimonio tivo, amais de Alfredo, nove fillos: María Rita, Inés, Luciano, Celia, Vicente, Margarita, Francisco, Carlos e Roberto. O pai ocupou posto de concelleiro en Pontevedra no 1928, Tralo golpe de Estado chegou a ser depurado de emprego e soldo. Nos anos cincuenta repetiría posto de concelleiro. Unha rúa en Pontevedra leva o seu nome.
Alfredo casou en 1954 con Matilde Adela Acosta Requeijo (falecida o 06/09/2021), na parroquia de San Vicente de Nogueira. O matrimonio tivo catro fillos: Alfredo (nado en 1955 e finado no 2000); José Luis (nado en 1956); Carlos (nado en 1957) e Francisco Javier (nado en 1958 e falecido aos tres meses do nacemento).
Lembra Filgueira Valverde, na entrada que lle dedicou na Gran Enciclopedia Galega, que Afredo García Alén foi o primeiro alumno colaborador que houbo nun museo español, pois entrou con quince anos no de Pontevedra, sendo aínda estudante do bacharelato. Acadaría a praza de auxiliar de secretaría en 1944. Máis adiante chegarían os postos de secretario e director adxunto.
Obtivo as licenciaturas en Dereito e en Filosofía e Letras, Sección de Historia. Profesou o maxisterio na Escola Normal de Pontevedra e nos institutos Sánchez Cantón e A Xunqueira. Ocupou posto de concelleiro e tamén o de tenente de alcalde e rexedor no Concello de Pontevedra por un breve período de tempo.
Entre os cargos e nomeamentos que acumulou: vicedirector da Casa Museo de Rosalía de Castro; secretario técnico de Patrimonio Artístico da Xunta de Galicia; vogal da Comisión Provincial de Monumentos e da Defensa do Patrimonio Artístico; académico correspondente da Real Academia de Belas Artes, da Real Academia da Historia e da Real Academia Galega ; colaborador do Instituto Padre Sarmiento e vogal do padroado do Museo do Pobo Galego. Recibiu premios como, por exemplo, o Ciudad de Pontevedra de 1980.
Amais de como profesor e administrativo do Museo de Pontevedra, destacou Alfredo García Alén como autor nos eidos da arqueoloxía, a etnografía e a historia. Despunta o gran traballo que realizou na catalogación artística e a defensa do patrimonio.
Na súa vertente arqueolóxica sobresaen os libros Materiales para la carta arqueológica de la provincia de Pontevedra (xunto con Xosé Filgueira Valverde, 1954), coas súas posteriores adicións e Grabados rupestres de la provincia de Pontevedra (en colaboración con Antonio de la Peña Santos, 1980). No campo da numismática publicou os seguintes artigos na revista El Museo de Pontevedra: «La moneda hispánica en el Museo de Pontevedra» (1952), «Un hallazgo de denarios romanos» (1948), «Las Monedas del Tesoro Bedoya» (1955) e «Hallazgos de monedas en El Condado e Isla de Arousa» (1956). Outros escritos sobre a prehistoria galega foron: «Una nueva necrópolis de la Baja Edad Media» (1952), «Otras excavaciones en la provincia en 1964» (1965), «Los brazaletes de Lamela (Silleda)» (1968), «Objetos arqueológicos» (1970), «Nuevo hallazgo en Taboexa» (xunto con P. Acuña, 1975), «Nueva ara (¿a Cosus?) en Santa María del Curro (Barro, Pontevedra) (1980), «Sanxenxo: inventario arqueológico y artístico» [apéndice de “La Villa de Sanxenxo”] (1981), «El hacha de Salto (Rodeiro) y las primeras hachas de tope de dos asas en Europa» (xunto con Luis Monteagudo García e J. Lois Meijomil) (1981), todos na publicación El Museo de Pontevedra; «Datos para un catálogo arqueológico de Campañó» (1956), en Campaniola; «La espada de antenas de Fozara (Puenteareas)» (1959-60), en Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Orense; «Cómo fue hallada la lápida sepulcral de Urbanilla, en Berres (La Estrada, Pontevedra)» (1959), «Dos anillos romanos del Museo de Pontevedra» (1959), «La necrópolis galaico-romana de La Lanzada. (Noalla, Pontevedra)» (xunto con Antonio Blanco Freijeiro e Miguel Fusté Ara, 1961), e «A lapa de Gargantáns» (en colaboración con Antonio Blanco Freijeiro e Caerlos Paratcha Vázquez, 1964), en Cuadernos de Estudios Gallegos; «Prehistoria y arqueología en Pontevedra. Cilenos y elenos en la Edad de Hierro» (1960), en La Noche; «Estela de Santa Comba (Coruña)» (en colaboración con Isidoro Millán, 1971), en Emérita; «Nuevos hallazgos rupestres en la península del Morrazo, Pontevedra» (xunto con Antonio Costa Iglesias, Francisco Fariña Busto, Antonio de la Peña Santos e José Suarez Mariño, 1976), «La estela funeraria romana de Sabarigo (St. María de Cela, Pontevedra)» (en colaboración con Francisco Fariña Busto, 1977-1978), en Gallaecia. Asemade, tomou parte en importantes escavacións como a dos anos cincuenta do pasado século no xacemento da Lanzada, colaborando con destacados profesionais da arqueoloxía do momento.
Traballou, tamén fondamente, na antropoloxía social e cultural de Galicia. Posuía grandes dotes para gañarse aos informantes durante as prospeccións e foi mestre e indutor de importantes investigadores neste eido da etnografía. Especializouse na cerámica tradicional, publicando a obra A alfarería na literatura popular galega (1980) e sendo partícipe directo na obra La alfarería de Galicia, que publicaría o seu irmán Luciano en dous tomos con edición da Fundación Pedro Barrié de la Maza (1983). Tamén asinou traballos en revistas como por exemplo «Vocabulario de los canteros de Pontevedra» (Recogido por la Sociedad Arqueológica), adiciones y ordenación (1956) en El Museo de Pontevedra, ou na Revista de dialectología y tradiciones populares, cun texto sobre «Un nuevo vocabulario de la jerga de los canteros pontevedreses» (1977).
García Alén foi autor de diversos artigos de temática histórica variada, entre estes podemos destacar os realizados para a revista El Museo de Pontevedra: «La familia de don Casto Sampedro» (1948), «González Zúñiga y el diccionario de Madoz» (1951), «Los Valladares, colaboradores de Madoz» (1957), «Origen y extensión del culto a la Virgen Peregrina» (1960), «Descripción y plano del castillo de Goyán» (1961), «Antonio López Basalo, alumno colaborador del Museo de Pontevedra» (1968) e «Gallego “Comboa”» (1980). Na mesma publicación encargábase de redactar a completa memoria da institución museística; tamén aportou transcricións de documentos, tales foron: «Transcripción de la Real Cédula de los Reyes Católicos Don Fernando y Doña Isabel al reino de Galicia sobre pago de repartimiento para la dote de las Infantas, 20-II-1500» (1970), «Privilegio concedido por Felipe III a la villa de Cambados» (1972), «Título de Gobernador de la villa de Bayona» (1972) e «El ejercito francés en Cangas» (1972). Para Cuadernos de Estudios Gallegos aportou «Fr. Martín Sarmiento: costumbres, ethiquetas, ceremonias…» (1972).
Á súa vez, tomou parte en mostras auspiciadas polo Museo e outros centros culturais: XXIIIª Exposición. «Iconografía Mariana». (Catálogo). Museo de Pontevedra. Pontevedra. Agosto-outubro, 1959. (En colaboración con Xosé Filgueira Valverde). Relación de los mapas, cartas e planos reunidos na 19.ª Exposición («Cartogarfía de Galicia») do Instituto P. Sarmiento de Estudios Gallegos. Santiago, 1966, pp. 16-30. Sumario da exposición «El centenario de Méndez Núñez», El Museo de Pontevedra, XXIV, 1970), pp. 161-169. «Manuel Quiroga. Su vida y sus obras», El Museo de Pontevedra, XXVII, 1973, pp. 197-213. Catálogo da Exposición do Fonograma. Museo de Pontevedra. Exposición CVI. «Historia del Fonograma». Pontevedra. 25-30 de setembro, 1978. «Benito Vázquez, pintor». Exposición, Sala de Cultura. Pontevedra, 1979.
Colaborou en diarios e xornais con títulos como «San Bartolomé el Viejo: una iglesia desaparecida» (1956), en Litoral; Romería de Nosa Señora da Lanzada (1974), en Faro de Vigo; «Alfarería popular gallega» (1977), en El Correo Gallego, ou os dedicados á Virxe Peregrina, tema recorrente nel: «La devoción a la Virgen Peregrina en la provincia de La Coruña» (1960), en El Correo Gallego e “Un nuevo tipo iconográfico de la Virgen Peregrina» (1971), no Diario de Pontevedra. A estes poderiamos engadir as colaboracións repartidas en opúsculos, voces, folletos ou programas: «Cofradía de la Veracruz y Misericordia», en Semana Santa 1953 (sen asinar, 1953); «El culto a la Virgen Peregrina» (1960), no programa Pontevedra en fiestas. Agosto 1960; «Los mariscos de Galicia» (1978), en I Trofeo Príncipe de Asturias. Travesía de la Ría de Pontevedra en K-4; «Filgueira Valverde, José», voz na Gran Enciclopedia Gallega, tomo 13.
Xunto co artista Xosé Conde Corbal publicou, aportando notas e textos, os libros Pontevedra en 50 dibujos de Conde Corbal (1965), Cruceros, petos y santos (1966) e Pontevedra monumental (1982). Realizou o prólogo para Galicia viva. Más allá de la corredoira, de J. Curt Martínez (1979). Por último cabe destacar tamén a súa faceta como conferenciante.
Afredo García Alén morreu o 16 de xaneiro de 1981, con cincuenta e sete anos. A capela ardente instalouse no Museo de Pontevedra, o funeral celebrouse na igrexa de San Bartolomeu. Os seus restos foron soterrados no cemiterio de Santa María de Mourente. A súa forte vinculación co Museo deu lugar a que o número XXXVI da revista do centro dedicáraselle á súa memoria. Creáronse premios e bolsas para estudantes que levarían o seu nome, e tamén o Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén. Amais, unha rúa en Pontevedra réndelle homenaxe.
Mateo FONTÁN COUTO
Publicado na web das Amigas e Amigos do Museo Pontevedra en
https://amupontevedra.gal/2023/05/27/alfredo-garcia-alen/
Imaxe da portada: “Alfredo García Alén, un namorado da Lanzada”, Xurxo Ayán. 18/06/2010: A Lanzada, un proxecto de recuperación e divulgación arqueolóxica en Pontevedra.
Comentarios
Publicar un comentario