VIRXE DO O: A PATROA QUE RESISTE

Mateo Fontán Couto

Chegado está outro 18 de decembro, e Pontevedra asume coa frialdade característica deste tempo de pre-Nadal a celebración do día da súa patroa: a Virxe do O. Poucas persoas serán as que se acheguen á igrexa de San Bartolomeu xunto á imaxe para lle render homenaxe ou, quizais, orarlle. Ou para saudaren namentres visitan os fantásticos retablos do antigo templo xesuíta que tanto tempo fai que non ven. Poida que o día –laborable– non axude, nin a atmosfera, nin os tempos víricos que vivimos. Mais, se cadra, son os tempos apropiados para nos lembrar deses costumes vellos que posuían o valor de interceder na loita contra algo.

O caso é que case nada, fóra dos ritos litúrxicos, fará que diferenciemos este doutro día calquera no almanaque. Soará algún foguete? Ao mellor algún romántico publica unha nota histórica nun xornal, ou un poema como xa se fixera algunha vez. Usuarios das redes sociais insistirán de novo en que a Peregrina non é patroa da cidade, senón que o é da provincia; o mesmo dá, a sombra poderosa desta seguirá eclipsando á daquela. Continuaremos esperando con máis ánimo os festivos da Inmaculada e a Constitución que o día da Virxe do O, e Pontevedra volverá ignorar ou confundir á súa patroa. Pero ela resiste, un ano máis, a todo isto.

A Virxe do O a carón do altar maior neste 2020
(Foto: Mateo Fontán)

Non sempre sucedeu así, pois a devoción desta cidade pola Virxe do O espertara hai moito tempo. Ao parecer foi no século XVII cando se instaura o seu padroado sobre a vila, mais o culto xa era popular na centuria anterior. Máis atrás no tempo, no século VII tralo Concilio de Toledo, deuse a institución da festa desta advocación que en termos litúrxicos recibe o nome da Expectación do Parto da Santísima Virxe ou, tamén, da Esperanza. E aínda máis ancestral é a idea e culto dunha Gran Nai benfeitora, presente en civilizacións moi remotas.

En Pontevedra esta Virxe era invocada para a mellora do tempo. Segundo M. C. Romero, perante a imaxe oficiábase misa e rezábase o Rosario cada día. Simultaneamente, na súa capela do templo de San Bartolomeu o Vello, unha lámpada con aceite proporcionado polo conde de Maceda ardía noite e día. Este investigador sitúa a referencia máis antiga á Virxe do O nun acordo do Concello pontevedrés datado o 26 de xullo de 1604 polo que se mandaba «una rogativa a Santa Clara con la Virgen de los Mercaderes». Na actualidade esta Virxe segue a ser avogada dos comerciantes e tamén de Protección Civil.

É certo que nun tempo no que se dependía tanto das condicións climatolóxicas as rogativas eran cousa frecuente. M. C. Romero tamén nos recuperou o dato dunha executoria do provisor de Santiago, con data do 2 de xullo de 1740, na que se acordaba a celebración de rogativas portando a imaxe da Nosa Señora do O «en ocasiones de temporales contrarios a los frutos». Estas consistían na celebración dunha procesión desde a igrexa, hoxe desaparecida, de San Bartolomeu o Vello até o convento das clarisas, onde a imaxe podía pasar varios días. O Concello xunto cos párrocos de San Bartolomeu e Santa María tomaba parte da rogativa dando lugar, en varias ocasións, a disputas e mutuos reproches. Ao tempo, tamén se pregoaba a rogativa nas rúas para a participación dos gremios e de, polo menos, unha persoa de cada casa. Máis adiante esta medida converteuse nunha obriga que de non cumprirse tomaríanse as debidas «providencias por tratarse de algo que atañe al bien común». Pontevedra seguiu mirando cara súa patroa no decurso dos anos. Mesmo será cantada polo Padre Amoedo dende o seu exilio en Bolonia, composición vertida ao galego por Xoan Manuel Pintos moito tempo despois. A última rogativa da que temos noticia produciríase en 1826.

Pouco a pouco a cidade irá perdendo a memoria con respecto á Virxe do O, chegando un momento no que os festexos reduciríanse a uns mínimos actos de índole eclesiástica. Atrás quedaban os tempos onde os xornais locais non se publicaban no día da patroa. Aínda en 1958 El Pueblo Gallego saca unha carta do alcalde adepto ao réxime franquista, Prudencio Landín Carrasco, dirixida ao presidente da Cámara de Comercio onde se congratula da iniciativa e gran desenrolo, dentro dos actos no día da Virxe do O, do Primer Escaparate de la Industria Local. José Manuel Brea describiu no Diario de Pontevevedra os intentos levados a cabo en 1987 pola recuperación da festividade. A idea era algo semellante a unha romaría popular urbana con bombas, pasarúas, concertos... Chegaríase a editar un cartel publicitario a cargo de Juan Gómez Cuerpo. O infortunio provocou que as actuacións programadas na praza da Verdura fosen limitadas por mor do mal tempo.

Xa na década dos noventa a Area Comercial Zona Monumental, xunto algúns fieis, promove a recuperación da saída en procesión da imaxe. Nos dous primeiros anos a patroa volve percorrer as rúas pontevedresas adobiada coas flores que a florería Pétalos cedía gratuitamente; no 1993 a chuvia impídeo e no 1994 será a falta de subvencións a que condene a non saír en procesión con esta advocación, ademais de frustrar o estreo dos hábitos dos portadores. Dende aquela a imaxe non volveu saír do templo. A pesar disto, nese ano aínda se puido seguir cara adiante con algún acto festivo, mais tamén acabaría por se suspender as I Xornadas de Promoción dos Produtos Galegos. No 1995 aínda o programa das festas da Virxe do O recóllese na prensa. En 1999, alén dos oficios relixiosos, Protección Civil realiza varios actos pola cidade, segue a se constatar a tirada de bombas e a música polas rúas; son os estertores dunha celebración abocada á extinción. 


Un titular, foto dunha procesión e programa das festas da Virxe do O 
(Fonte: Diario de Pontevedra)

Respecto á decadencia que sufriría este padroado é significativo o feito de que durante un tempo a talla da Virxe foi retirada da veneración pública. Será recuperada polo párroco de San Bartolomeu don José Ríos Gigirey, que a restablece no retablo onde se atopa hoxe en día: primeiro entrando pola porta e do lado do Evanxeo. Un retablo anónimo, do último terzo do século XIX e reformado en 1977-1978. Está realizado en madeira dourada; fora un retablo dedicado ao Sagrado Corazón de Xesús substituíndose cara a 1886. Na restauración levada a cabo polo arquitecto Enrique Barreiro, a finais da década dos setenta, trasládase ao seu sitio actual. O conxunto do retablo dedicado á Virxe do O complétase cun magnífico san Antonio Abade, obra de Silveira, á súa dereita e un Santiago Peregrino de Pedro do Campo á esquerda.

A imaxe desta Virxe de advento, que xa observamos procede do antigo templo de San Bartolomeu, está encadrada cronoloxicamente no século XVI. Filgueira Valverde destacou a súa iconografía realista, amosando a preñez da Virxe, en consonancia co estilo predominante en Galicia. De feito, no Museo Provincial consérvase un relevo coa imaxe da Virxe da Expectación pertencente ao antigo retablo maior da basílica de Santa María, nel volvemos topar coa futura nai en avanzado estado de xestación. Dunha entrevista realizada a Gloria Orellano, quen foi camareira da Virxe, sacamos curiosos datos acerca da talla como, por exemplo, que chegou a posuír moitas xoias de diversas doazóns ás que se lles perdeu a pista. O traxe e manto actuais son froito do traballo realizado sobre os antigos, moi desfeitos, por María Ríos, irmá do devandito párroco e primeira encargada do coidado da Virxe. Usou teas procedentes de Valencia e tamén realizaría o veo. A perruca foi agasallo dunha profesional do sector. No tempo da entrevista (1994) dúas enaguas e dous veos, aos que engadimos a coroa e a auréola de prata, conforman o enxoval da patroa.

A Virxe do O, no seu retablo, nunha estampa devocional

Xa para ir rematando poderiamos recordar certos mantras arredor desta devoción que sempre se apuntan cando se fala dela. En relación co O da súa denominación popular dicir que provén das antífonas da súa festa, as cales sempre principian coa interxección Oh! Moitos quixeron ver na letra unha alusión ao embarazo que amosa a iconografía ou mesmo unha referencia ao ovo de avestruz que o Padre Sarmiento escribiu que se atopaba pendurado por riba da Virxe, seguramente a xeito de ofrenda. Filgueira teorizaría coa posibilidade de que ese ovo, apuntado polo beneditino, consérvase nos fondos do Museo.

Outro episodio coñecido en referencia a esta advocación é o que deixou escrito Cristovo Colón no seu diario, e que reforza a teoría da orixe pontevedresa do almirante. Resulta que, chegado o 18 de decembro, as embarcacións engalanáronse para honrar á Virxe do O, e con motivo do día disparáronse doce tiros de lombarda. Precisamente Filguiera Valverde, na súa época de alcalde, instaurou o costume de lanzar doce bombas de palenque o día da patroa en alusión ao histórico acontecemento. Mais esta medida tamén esmorecería co tempo.

Fontes:

- BREA VAAMONDE, J. M.: «La Patrona de la Ciudad de Pontevedra». Diario de Pontevedra, 3-12-2003; IDEM: «Mucho ruido y pocas nueces». Diario de Pontevedra, 6-1-2004.

- DE LA FUENTE, M.: «La Virgen de la O, cuya fiesta se recupera». Faro de Vigo, 20-12-1993.

- FEIJOO LAMAS, L.: «Sobre la Virgen de la O». Diario de Pontevedra, 18-12-2001; IDEM «Sobre la Virgen de la O», [citado el 17-12-2020], dispoñible en http://donfiliberto.blogspot.com/2009/12/sobre-la-virgen-de-la-o.html ; IDEM: «Una referencia a la Virgen de la O», [citado el 17-12-2020], dispoñible en http://donfiliberto.blogspot.com/2010/12/una-refererencia-la-virgen-de-la-o.html

- FILGUEIRA VALVERDE, X.: «A Virxe do Ovo». VI-Adral, Ediciós do Castro, Coruña, 1990, pp. 71-75.

- LAGE RADÍO, R. e TILVE JAR, M. A.: De templo xesuíta a parroquial de San Bartolomeu. Tricentenario da súa consagración. Catálogo da exposición, edita Museo de Pontevedra, Pontevedra, 2014, pp. 11, 14 e 15.

- RODRÍGUEZ, L.: «La patrona de Pontevedra», Diario de Pontevedra, 16-12-2001.

- VV.AA.: «La Virgen de la O, patrona de Pontevedra». Diario del Domingo (Suplemento dominical del Diario de Pontevedra), 18-12-1994.

- Xornais: 

Crónica de Pontevedra

Diario de Pontevedra 

El Pueblo Gallego 

Faro de Vigo


    (Foto: Mateo Fontán)

Comentarios

Publicacións populares