UNHA BIOGRAFÍA DE TOMÁS ABEIGÓN PAZOS

Mateo Fontán Couto

O amplo campo das biografías pontevedresas acolleu un novo título coa publicación de: Tomás Abeigón Pazos médico y político pontevedrés (1896-1975). Este traballo vén promovido, xunto a Uno Editorial, polo neto do protagonista que comparte nome ademais de gran parecido físico: Tomás Manuel Abeigón Vidal. Unha vez máis é o paciente labor dun familiar o que recupera unha vida e obra para enriquecer a historia dunha localidade a través dos seus personaxes.

Este autor é licenciado en CC Económicas e EE ademais dun destacado radioafeccionado. Escribiu numerosos artigos sobre o tema así como o libro José Blanco Novo, primer radioaficionado gallego, primera estación móvil de aficionado de España y fundador del servicio de transmisiones de la Guardia Civil (1891-1971), primeira biografía publicada sobre Blanco Novo e casemente un traballo pioneiro en Galicia acerca da radioafección.

O libro sobre Tomás Abeigón Pazos consta de máis de 460 páxinas na procura de todo canto dato puido atesourar o biógrafo. Trátase principalmente dun traballo de baleirado de prensa, unido á análise dalgúns outros documentos e aos datos extraídos das fontes orais, esencialmente de índole familiar. Con isto non só se reconstrúe, en gran parte, o devir social deste eminente urólogo e destacado personaxe, senón que tamén se tocan varios aspectos relacionados coa cidade de Pontevedra.

A obra enmárcase en oito apartados históricos que, ao tempo, actúan de guieiro cronolóxico dende a Restauración Monárquica até a etapa de desenrolo económico (1963-1975). Nos diferentes, e moi movidos, contextos políticos xorde protagonista a figura de Tomás Abeigón, iluminada principalmente no plano profesional, político e lúdico social.

O texto vai medrando xunto ao Abeigón rapaz e o universitario. Xa co grado de doutor, e consolidado na cidade que o viu nacer, van desfilando unha morea de feitos que atanguen á persoa e tamén nos falan da Pontevedra da época. O autor non desbota ningún dato, é frecuente toparse con referencias a vodas das que tomou parte Abeigón, así como referencias biográficas constantes a familiares ou persoas moi vinculadas a el. Ás veces debúxanse acontecementos destacados ou anecdóticos acontecidos na vida urbana que asemella que o autor non foi capaz de se resistir a referenciar. A listaxe de nomes que aparecen na obra é inmensa; por esta biografía paséanse moitas persoas da sociedade pontevedresa.

Deste xeito, o libro constitúese como unha especie de gran crónica onde podemos seguir o nacemento e evolución dos centros médicos da vila (Gran Hospital de Pontevedra, o Dispensario Antivenéreo, o Sanatorio Marescot, o Hospital Militar de Evacuación, consultorios e policlínicas, etc.) incluíndo os conflitos internos. Do mesmo xeito, outros centros como o Instituto Nacional de Educación Secundaria –do que Abeigón chegaría a ser profesor de Educación Física– tamén son tratados con frecuencia na obra. A vida política reflectida nos diferentes partidos ocupa, asemade, moitas páxinas ao igual cás institucións recreativas ou relixiosas das que Tomás Abeigón formou parte desempeñando diversos cargos (Juventud Antoniana, Club Karepas, Sociedad Filarmónica de Pontevedra, Sociedad Recreo de Artesanos,  Liceo Casino, Congregación de San Roque...).

Home activo e comprometido, Tomás Abeigón desenvolveu varios cargos na administración local chegando a ser incluso alcalde por un breve período de tempo. Obtivo gran consideración  social como médico e foi, sen dúbida, unha figura relevante da Pontevedra que lle tocou vivir. Esta é a súa historia rescatada de moitas páxinas esquecidas do noso pasado.




Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares