TEEUUUCRO!

Mateo Fontán Couto

A piques de rematarmos o ano, e buscando no caixón das débedas por cumprir, non podía deixar de falar un pouco sobre o 75 aniversario da Sociedad Deportiva Teucro. Pois o balonmán en Pontevedra é cousa seria e toma parte da súa mitoloxía, levando o nome dun fundador de cidades. A S.D. Teucro representa unha cima deportiva en terras do Lérez, e os pontevedreses se oufanan dunha entidade histórica que exerce de embaixadora nos mellores salóns do deporte e a competición. Cómpre non esquecermos ao Club Cisne Balonmano, compañeiro de cidade que na actualidade pasa polo seu mellor momento histórico militando na máxima categoría. Mais xa se falará del noutra ocasión.

Resúltame imposible non vincular ao Teucro coas gratas lembranzas da infancia nas que eu e meu pai, socios do club, iamos a cada encontro no Pavillón dos Deportes pola que resultou ser a mellor época deportiva do equipo. Ou cando, a cada canto, pasaban polas aulas do colexio a levarnos entradas e podía coincidir cos compañeiros durante o partido. Encontros dos que moitos de nós gardamos un doce sabor, como cando nos visitaba o poderoso El Gorriaga Bidasoa e antes do comezo lanzaban chocolates á grada. Foron tempos onde puiden ver fantásticos equipos e desfrutar dos grandes xogadores: Dujshebaev, Wenta, Garralda, Barrufet, Guijosa e tantos outros. Mais para min os mellores eran os nosos: Geni, Dominguez, Peric, Ben Modo... e sobre todo Velo Rayic, capaz de entusiasmar a todo un estadio co seu estilo de xogo e o seu letal disparo á reviravolta. Son dos que puiden ver ao, daquela, Caja Pontevedra Teucro xogar en Europa e competir o título da Asobal. Tamén vivín períodos non tan bos, aínda que para eses non teño espazo nestas liñas.


Escudo da S.D. Teucro
Fonte: https://www.facebook.com/sdteucro

Estes 75 anos de historia deron pé a moitos episodios, queremos recordar algúns deles. Para os 50 primeiros anos a mellor fonte é o libro de Tino Rascado. A este engadimos os artigos de David Acevedo e a web do equipo para chegarmos á actualidade.

A Sociedad Deportiva Teucro naceu en 1945, un 4 de maio, baixo o amparo do Frente de Juventudes. Un grupo reducido de persoas foi crucial para a súa fundación. A primeira xunta directiva estivo constituída por Rafael Díaz Ureña como presidente; Víctor Cervera Mercadillo, vicepresidente e José Covelo Neira, secretario. A de balonmán era unha sección máis das once que conformaban o Frente de Juventudes, delas a de atletismo era a de maior éxito. Os primeiros encontros da S.D. Teucro serán contra a Escola Naval Militar de Marín e o Aleta de Vigo.

En 1948 a Federación Española de Balonmán promove xogar a fase final do Campionato de España en Pontevedra, no campo de Pasarón. O bo xogo e gran traxectoria durante o torneo do equipo teucrista serán determinantes nesta decisión. O SEU de Barcelona terminaría por se levar o título. No 1952 a desesperada situación económica do Frente de Juventudes provocará a desaparición da S.D. Teucro, porén os xogadores manteñen certa actividade cunha agrupación falanxista co nome de San Fernando. A refundación do club chegaría o 2 de xaneiro de 1958 con Germán de la Iglesia Faustino e Rafael Vázquez Fernández como principais artífices; a presidencia recalaría en Manuel Corrochano Gálvez.

Unha nova etapa abriríase con Manuel Malvar á fronte da identidade. Con el estrease o polideportivo da rúa Arzobispo Malvar cun partido inaugural entre a S.D. Teucro (desvinculado xa do Frente de Juventudes) e o equipo de balonmán do Pontevedra C. F.; o 23-7 do resultado favorable aos azuis dá conta da superioridade destes. Este estadio, xunto ao Frontón de Vigo, sería sede na fase final da Copa do Generalísismo de Seleccións Provinciais en 1963. A selección pontevedresa, composta por xogadores do Teucro e do Vulcano, xogaría a final contra Madrid en Vigo. Baixo a presidencia de Malvar tamén chegaría a se formar a sección feminina do club en 1962.


Unha histórica fotografía da S.D. Teucro xogando no polideportivo de Las Cabañas
Fonte: https://teucro.com/club/historia/

En setembro de 1963 a S.D. Teucro fusiónase co Círculo de Artesanos. O equipo sufre unha crise cando o 10 de febreiro de 1965, tras non se presentar na cancha do Vulcano en Vigo, a Federación sanciona ao club baixándoo a Segunda División. A orixe do conflito, ben descrito no libro de Rascado, xurdira nun encontro fronte á Coral Viguesa que acabou por se suspender debido a chuvia. A directiva apostaría entón polo baloncesto cun equipo, militante na segunda categoría, reforzado por xogadores procedentes do balonmán; mais o experimento non resulta. A S.D. Teucro reaparecería en 1966 contra o Atlético de Madrid na disputa dun torneo por mor das Vodas de Plata do Pontevedra C. F.

Un episodio importante na historia deste club deuse o 28 de xullo de 1968 coa inauguración do Pavillón Municipal dos Deportes, deseño do insigne pontevedrés Alejandro de la Sota. De novo aparece o Atlético de Madrid, o campión español, para se enfrontar ao cadro azul ante catro mil espectadores. O resultado, moi axustado, foi de 17-18 a favor do conxunto da capital. Até recalar definitivamente nesta gran cancha a entidade deportiva tiña xogado en Pasarón, o Pazo de Campolongo, a pista El Vergel e o polideportivo de Arzobispo Malvar. Incluso, cando comezou o balonmán a sete xogadores, chegara a xogar na praza da Ferrería ou na de touros.

No terreo estritamente deportivo o Teucro posúe unha historia de altibaixos. Sería longo enumerar todos os momentos destacados. Porén, un pouco a xeito de talismán, deixamos constancia dalgunhas grandes conquistas como o primeiro ascenso a División de Honor, obtido durante a tempada 1972/73. A década dos noventa foi unha época especialmente dourada para o equipo que consegue clasificarse para a copa europea EHF na tempada 1994/95; asemade, acada o cuarto posto na Liga Asobal. No torneo da Copa do Rei as mellores tempadas foron as de 1992/93 e 2003/04 onde se alcanzan as semifinais. En tempos máis recentes podemos destacar o campionato acadado na División de Honor Prata en 2016/17. Por agora na Liga Asobal –contabilizada desde o exercicio de 1989/90– o conxunto pontevedrés xogou 18 tempadas, conseguindo 427 puntos en 522 encontros.


O equipo do Teucro cando alcanzou a clasificación para xogar a copa EHF
 Foto: Miguel Riopa

Durante a tempada 1961/62, a S.D. Teucro é recoñecida co premio, outorgado pola FEB, ao mérito á entidade con maior contribución á difusión do deporte do balonmán. Outros varios e significativos recoñecementos chegarían co decurso dos anos:

  • Premio á Mellor Afición de España no ano 1991.

  • Premio ao Mérito Deportivo na Categoría de Clubes, concedido pola R.F.E.BM. nas tempadas de 1988/89 e 1994/95.

  • Premio á Labor no Deporte Base, concedido pola F.G.BM. na tempada 2006/07.

  • Premio Campeón Copa Xunta de Galicia, concedido pola Federacion Galega de Balonmán. Setembro de 2009.

  • Premio Pontevedreses 2012

  • Premio Servir Rotary Club Pontevedra 2014.

Poderiamos seguir falando dos fitos e tamén das decepcións; dos momentos doces e dos de aceda crise; das grandes campañas e das desastrosas; de clasificacións históricas; dos xogadores de lenda; da entrega modélica dos seareiros; de curiosas anécdotas... mais quero pór o remate co desexo presente dun mellor futuro, no que as pandemias son historia e no que na División de Honor da Liga Asobal volve ter o seu sitio natural o vicedecano do balonmán español: a S.D. Teucro. Feliz 2021 a todas e todos!


Para saber máis:

- ACEVEDO, D.: «Añoranza de un tiempo pasado». Diario de Pontevedra, 8-4-2020; IDEM: «Las primeras leyendas azules». Diario de Pontevedra, 29-4-2020; IDEM: (Entrevista a Zoran Mihulic). Diario de Pontevedra, 30-4-2020; IDEM: «"Este niño nunca más podrá hacer deporte"». Diario de Pontevedra, 1-5-2020; IDEM: «Redescubriendo al apátrida azul». Diario de Pontevedra, 2-5-2020; IDEM: (Entrevista a Bozídar Vukusic). Diario de Pontevedra, 2-5-2020; IDEM: «75 años de historia azul». Diario de Pontevedra, 4-5-2020.

- RASCADO, T.: S. D. Teucro. Cincuenta años de historia 1945-1995, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 1995.

- https://teucro.com/


Comentarios

Publicacións populares