DE CANDO RUBINSTEIN TOCOU EN PONTEVEDRA

Mateo Fontán Couto

O polaco Arthur Rubinstein (1887-1982) foi para moitos o mellor pianista do século XX. Os seus dotes como músico fano merecente de figurar na eximia listaxe dos máis grandes virtuosos dentro do que damos en chamar Música Clásica. Para interpretar a Chopin ninguén coma Rubinstein, que o dota de vitalidade; calquera dos inmortais Nocturnos do seu compatriota cobraba unha redondez inusitada nas mans deste pianista. Das súas propias composicións o Reve Angelique continúa a enmeigarnos en cada escoita, peza que ten tomado parte en compilacións das mellores obras de tódolos tempos.

O egrexio músico de son inconfundible e estilo entre clásico e romántico foi un talento precoz; o seu devir levouno a unha xuventude un tanto desordenada que acabaría por endereitar. Durante a Gran Guerra o rei español Afonso XIII outórgalle un visado de residencia co que poder viaxar pola península ofrecendo concertos. Nesta época incorpora ao seu repertorio varias obras de compositores españois. Trala Segunda Guerra Mundial acada a nacionalidade estadounidense. Vítima dunha cegueira progresiva, o talentoso pianista iríase apagando até a súa morte en Xenebra no 1982.


Arthur Rubinstein / Fonte: biografiasyvidas.com

Sendo xa un afamado artista Rubinstein visitaría Pontevedra, dando lugar a unha anecdótica historia á beira do seu brillante concerto ocorrido o 28 de marzo de 1917. Batín co asunto cando lía Mi familia de Roberto Taboada Rivadulla; á súa vez este autor citaba a outro, José Luis Fernández Sieira, na fonte dos datos. Fernández Sieira escribiu acerca da Sociedad Filármónica de Pontevedra e temos que buscar nas orixes desta institución o curioso suceso que reconstruímos deseguido, tamén axudados pola prensa da época.

Contratado Rubinstein para tocar os días 23 e 24 de marzo en Vigo (nos salóns da sociedade La Tertulia) e o 27 na Coruña, un animado grupo pontevedrés de amigos amantes da música pretende traer á cidade do Lérez ao aclamado xenio. Entre eles podemos citar a Javier Pintos, Losada Diéguez, Rafael Areses ou Emilio Quiroga. Unha vez alcanzado o acordo co artista o problema estaba en que na cidade non existía ningún piano de cola, ante isto óptase por utilizar o piano vertical pertencente ás irmás Mendoza que, facendo gala da súa xenerosidade e grande afección musical, cédeno con gusto.

O acto foi anunciado na prensa como o grande acontecemento que supoñía recibir a unha figura de tanto prestixio internacional: «No necesita presentación este coloso del arte, conocido en todo el mundo, aplaudido en alcázares regios y en teatros, cuyo nombre pasará a la historia con una aureola inmortal». É curioso como nesta mesma noticia publicada no Diario de Pontevedra dise que o piano para o concerto fora prestado polo deputado Sr. Mon; isto non casa co que nos conta Fernández Sieira no seu traballo sobre a Sociedad Filarmónica.





O caso é que a expectación era absoluta. O día anterior do concerto o coñecido musicólogo e crítico Cecilio de Roda escribiu para o Diario un xuízo musical sobre a Appasionata de Beethoven, unha das pezas coa que se especulaba que ía obsequiar Rubinstein aos afortunados espectadores. O programa completo publicouse na prensa o propio día do concerto e tamén os prezos:

Proscenios con entrada 24 ptas.

Plateas con idem 20.

Butacas con idem 3.

Silla de palco principal 2.

Delantera de paraiso 1,20.

Entrada general 0,80.

Los impuestos a cargo del público.

Chegado o ansiado día 28 Rubinstein, a falta de pouco menos dunha hora para o comezo do mesmo, entra no Teatro Principal acompañado polos organizadores do evento. Cal sería a súa sorpresa cando preguntando onde estaba o piano contéstanlle que era o que estaba a ver: o famoso piano vertical das Mendoza, o mellor da cidade. O músico, contrariado, anóxase e mesmo se encara pedindo explicacións. Decidido a marcharse, os organizadores impídenlle o paso pola porta namentres Javier Pintos Fonseca trata de persuadir ao artista. Mais Rubinstein tiña claro que non ía tocar nun piano vertical, non o fixera dende cativo cando estudaba música. Co teatro abarrotado, Javier Pintos dálle explicacións peregrinas como que aquel era un concerto de carácter máis intimo e informal cós que adoitaba ofrecer o pianista, un concerto para amigos afeccionados e devotos da súa figura. Escribe Sieira recreando as verbas de Javier Pintos: «Somos solamente una panda de amigos que vamos a disfrutar con su música y luego nos iremos a cenar juntos y ya verá usted, maestro, como se come y como se bebe en Pontevedra».

No medio desta tensa situación o músico, cego e mestre de capela, Antonio Taboada Nieto comezou a tocar unha sonata de Cesar Franc no piano das Mendoza. Comprobaría Rubinstein que o instrumento soaba moi ben e estaba perfectamente afinado polo que finalmente accedeu a dar o concerto programado para «as nove e tres cuartos da noite». José Brage, segundo cóntanos El Progreso, foi o afinador que chegara dende Compostela nesa mesma mañá para exercer o seu oficio. O bo labor realizado xunto ás grandes habilidades musicais de Antonio Taboada salvaron o espectáculo.

O concerto resultou ser un rotundo éxito. Estivo dividido en tres partes: a primeira coa Appasionata de Beethoven; unha segunda con pezas de Chopin e a terceira con interpretacións de Albéniz e Liszt. Contan as entusiastas críticas, das que ningunha recolle o incidente previo, que ante a grande ovación o mestre deu propina cun vals de Chopin que lle valeu unha nova e estrondosa salva de aplausos, forzando ao insigne artista a saír en varias ocasións para agradecer a total entrega do público.

Anos despois escribiu Rubinstein nas súas memorias: «Despois de terme dedicado seriamente a dar concertos, a única vez que toquei nun piano vertical, foi na deliciosa e pequena cidade española de Pontevedra, onde hai xentes encantadoras e sumamente persuasivas». (Traducido de Fernández Sieira, 1995)

No tocante ao piano das Mendoza cóntanos Fernández Sieira que a última vez que o viu foi no Conservatorio de Pontevedra, xa vello e en mal estado de conservación. Sería interesante –se aínda non se fixo– recuperalo como peza expositiva. En outubro de 1921 o Teatro Principal acollía un concerto benéfico para recadar fondos e poder costear o primeiro piano de cola da cidade, marca Btnner. Foron aqueles homes que trouxeran a Rubinstein, e que formaron o 23 de febreiro dese ano a Sociedad Filármónica de Pontevedra, os promotores. E quen mellor que a excepcional pianista Marta Leman, esposa de Manuel Quiroga, para estrealo.


Primer piano de cola de Pontevedra / Fonte: Revista da Asociación de Veciños San Roque, nº 16

Fontes:

- FERNÁNDEZ SIEIRA, J. L.: La Sociedad Filamónica de Pontevedra. Sus primeros 75 años. Edita Sociedad Filamónica de Pontevedra, Pontevedra, 1995, pp. 17-19.

- FERNÁNDEZ SIEIRA, J. L.: «El primer piano de cola que hubo en Pontevedra». Revista da Asociación de Veciños San Roque, nº 16, 2014, pp. 13-14.

- TABOADA RIVADULLA, R.: Mi familia. Edita Roberto Taboada Rivadulla, Pontevedra, 2014, p.10.

-  Xornais:

  • Diario de Pontevedra

  • El Progreso

  • La Provincia

Comentarios

Publicacións populares