ICONOGRAFÍAS DO APÓSTOLO SANTIAGO NA CIDADE DE PONTEVEDRA

Mateo Fontán Couto

Dentro da iconografía cristiá a representación do apóstolo Santiago o Maior foi incorporando diferentes aspectos ao longo do tempo, tales como o de peregrino, cabaleiro ou o propiamente de apóstolo. Respondeu isto a un proceso de adaptación a diferentes épocas e momentos. Tanto en Europa coma en América a imaxe de Santiago o Maior gozaría dun gran culto dando lugar a un nutrido número de representacións. En Galicia, aínda con máis forza, a iconografía do fillo de Zebedeo estará presente ao largo e ancho do país, facendo gala do santo que adquiriría o padroado das Españas e era protagonista do camiño de peregrinación máis coñecido en Europa, desembocando inevitablemente no finis terrae. Pontevedra, na súa condición de capital do camiño portugués, atesoura, sobre todo nas súas parroquias urbanas, diferentes exemplos da iconografía de Santiago, a eles dedicaremos unhas poucas liñas.

Dos tres modelos iconográficos sinalados de Santiago o Maior o máis antigo é o de apóstolo e mártir, cos atributos da túnica, o manto, o libro e os pés espidos ou con sandalias. Adoita levar esta representación do apóstolo un filacterio en alusión á súa persoa. Trátase dunha etapa, entre os séculos XII e XIII, de auxe da peregrinación e protección do papado, o que produce unha maior actividade na feitura de representacións do apóstolo, así como de obras ao redor da basílica compostelá.

O modelo iconográfico do Santiago peregrino, o que gozaría de maior fama, nace no século XII, en época románica, moi vinculado co Camiño de Santiago e reflectindo a condición humana e protectora do santo. Prodúcese unha identificación de Santiago cos peregrinos que acoden a Compostela e a nova representación identifícao coma un camiñante con bordón, cabaza, manto, esclavina, sombreiro, zurrón e as icónicas cunchas de vieira como elementos identificadores e de adobío; importante é resaltar o atributo do libro, portado na man, que diferencia á figura do apóstolo de calquera outro peregrino da época. Cada elemento posúe seu simbolismo e o conxunto ofrece unha iconografía, a do Santiago peregrino, compartida por Europa aínda que con variacións no estilo de representación segundo o lugar de fabricación.

En Pontevedra será este modelo iconográfico do Santiago peregrino o claramente imperante. Na igrexa parroquial de Santiago do Burgo son tres as representacións deste tipo que podemos atopar: no altar maior vemos hoxe en día unha escultura en madeira policromada da autoría de Fernando Campo Sobrino (1866-1956) datada en 1920 e cunhas dimensións de 120x45x39 cm. Toma como inspiración, Fernando Campo, as trazas da escultura barroca castelá que acompaña coa guía do seu mestre José Alcoverro. Deste xeito, a imaxe posúe unhas características estilísticas achegadas ao Naturalismo que comparte con outras esculturas relixiosas que este recoñecido autor pontevedrés realizou, como por exemplo o santo Antonio de Padua ou a Nosa Señora do Sagrado Corazón para a igrexa conventual de San Francisco. O Santiago Peregrino ao que nos estamos referindo envólvese con roupaxes de pregos ríxidos, amosa certa dulcificación no rostro, posúe nimbo prateado en lugar de sombreiro, coa man dereita sostén o bordón de onde pendura a cabaza cunha cinta amosando as cores da bandeira de España e na man esquerda sostén un libro aberto. A prensa do momento sinala que a imaxe foi unha doazón anónima dunha muller e que foi exposta no comercio do Sr. Olmedo, para tempo despois ser bendicida na basílica de Santa María e trasladada á capela de Santiaguiño do Burgo.


Santiago peregrino obra de Fernando Campo Sobrino


Tamén sita neste templo é a pequena imaxe do Santiago peregrino sito sobre peaña no lado da Epístola e que se usa na emblemática procesión das “uvas e do millo” e pola súa festividade. Viste esclavina adornada con cunchas que tamén adornan en prata o sombreiro que ademais amosa o motivo de dous bordóns cruzados no medio. Coa man dereita porta o báculo de peregrino e coa esquerda un libro, desta volta, pechado. O manto cae colgando do seu brazo dereito, namentres que coa man esquerda suxeita, amais do libro, a outra extremidade da prenda que pasa polas costas do santo. Dende o exilio en Boloña o Padre Amoedo Carballo escribiu sobre esta imaxe no seu Carmen patrium sive Pontevedra, máis adiante traducido por Xoán Manuel Pintos: ¡Ai o noso Santiaguiño / que está no Burgo pequeño! ...


Santiaguiño do Burgo

En relación coa iconografía do Santiago peregrino a terceira representación nesta igrexa do barrio do Burgo atopámola no nicho da fachada da igrexa parroquial. Está realizada en pedra e, tal como indica Mario Gallego Rei, posúe unha orixinalidade exclusiva, pois trátase da representación do Santiaguiño peregrino coas uvas e o millo en alusión á lenda que fai que o apóstolo premie a hospitalidade dunha casa do barrio, no lugar da Santiña, facendo que cada ano as uvas e o millo maduraran alí antes que en ningún outro lugar. A escultura foi doada pola Asociación do camiño Portugués de Pontevedra no ano 1994, tal e como reza na iscrición da peaña. Posúe varios dos atributos da iconografía do Santiago peregrino, mais no lado dereito obsérvase unha espiga coa primeira mazaroca de millo e a figura do santo sostén entre as súas mans un acio de uvas.


Imaxe en pedra  do santiaguiño coas uvas e o millo 

Se continuamos o noso percorrido na procura de máis representacións do Santiago peregrino en Pontevedra temos que asomarnos á igrexa de San Bartolomeu onde topamos con dúas imaxes de fermosa feitura. Unha delas, no lado do Evanxeo e ao carón esquerdo do retablo da Virxe do O, estivo atribuído, como reza na cartela que aínda conserva, a José Gambino. No entanto, a raíz da mostra levada a cabo en 2014 con motivo do tricentenario da consagración da igrexa do Colexio da Compañía dos Xesuítas precisouse que a autoría desta talla en madeira policromada pertence ao escultor galego Pedro do Campo realizándose cara a finais do século XVII. A escultura posúe os típicos atributos da esclavina, o bordón, sombreiro e libro pechado apoiado no cadril esquerdo. Na esclavina observamos o elemento decorativo da venera, unha a cada lado, sobre dous bordóns en aspa; no sombreiro a cuncha atópase no centro e catro bordóns, cruzados dous a cada lado, completan esta iconografía con botas e carente de manto.


Santiago peregrino de Pedro do Campo

No mesmo templo e situada no retablo maior atopamos a outra imaxe do Santiago peregrino conservada nesta igrexa. Esta vez si da autoría do afamado escultor José Gambino (1719-1775). Trátase dun logrado exemplo do barroco pleno compostelá. A escultura de pequenas dimensións está realizada en madeira policromada, entre os atributos recorrentes poderiamos salientar a ausencia de sombreiro e cunchas de vieira, o zurrón pendurado ao lado dereito e o escorzo do libro pechado no esquerdo; á súa vez amosa sandalias por calzado, porta bordón e, baixo a esclavina, túnica cinguida.


Santiago peregrino obra de José Gambino

Na contraportada occidental da basílica de Santa María a Maior, acompañando ás singulares imaxes gravadas en pedra que fan alusión a escenas emblemáticas e historiadas, observamos un san Pedro, no lado da Epístola e, no outro lado da porta de entrada, un Santiago peregrino realizado en pedra que viu substituír ao san Sebastián hoxe en día exposto no Museo de Pontevedra. Foi realizada no ano 1998 por Granitos Rosales a expensas do por entón párroco Jaime Vaamonde Souto para cubrir ese oco e aproveitando que na propia contraportada existen referencias ao homo viator (“home viaxeiro” ou “peregrino” en latín), tópico literario que fala da vida coma un camiño ao que non volveremos e que nos leva por unha viaxe de aprendizaxe.


Santiago peregrino na contraportada de Santa María

No segundo corpo da fachada do santuario da Virxe Peregrina, obra de Antonio Souto coa colaboración de Bernardo José de Mier, están situadas en tres nichos con arco de medio punto e cuncha e separadas por columnas as estatuas da patroa da provincia, no centro, á súa dereita san Roque (ás veces identificado como san Xosé) e Santiago peregrino, á súa esquerda. As tres imaxes visten de peregrino en clara alusión ao Camiño Portugués. A escultura do apóstolo sostén un bordón prateado, amais amosa sombreiro e esclavina decorados, zurrón e libro pechado amosando unha icona estándar e coidada do Santiago peregrino nun dos monumentos máis emblemáticos da cidade.


Imaxe do Santiago peregrino na fachada do santuario da Virxe Peregrina

No Ano Santo Compostelá de 2021 a igrexa parroquial da Virxe do camiño realizara algún acto coa iconografía do Santiago peregrino, acollendo unha imaxe na parroquia e máis adiante facendo unha fotografía da mesma para poñela ao culto durante ese ano. Xa no 2022 instalouse unha escultura en pedra xusto detras do templo, no que hoxe serve de aparcadoiro. A imaxe sitúase sobre unha columna e unha peaña con forma de floreiro, ambas pétreas. A imaxe reproduce os elementos clásicos da iconografía: bordón, sombreiro con cuncha, esclavina, zurrón e libro.


Imaxe do Santiago peregrino detrás da igrexa da Virxe do camiño 

Amais de nos templos podemos atopar representacións do apóstolo Santiago noutros organismos como o Museo de Pontevedra, que na súa actual colección permanente expón dúas tallas do Santiago peregrino. Unha foi doazón do empresario José Ferrnándelz López, está realizada en madeira policromada e catalogada como anónimo galego do século XVII. A outra, realizada no mesmo material, é un anónimo vallisoletano cara ao 1600. A pesar de que a feitura das imaxes é claramente distinta as diferencias nos atributos son mínimas, tales como que unha, en actitude lectora, porta o libro aberto e a outra o fai pechado; o estilo de bordón ou que unha leva zurrón pendurado do lado dereito. Como curiosidade poderiamos anotar o elemento da cabaza que as dúas imaxes portan pendurado nun lado da túnica.


Imaxes de Santiago peregrino expostas no Museo de Pontevedra 


Unha variante nesta iconografía do Santiago peregrino móstrano como sedente. Trataríase, en síntese, dunha evolución iconográfica introducida polo Mestre Mateo na catedral compostelá e que posúe nas imaxes do parteluz do Pórtico da Gloria e na do altar maior, coñecida como “da aperta”, as súas referencias sobranceiras. En Pontevedra atopábanse dúas representacións desta iconografía do Santiago peregrino sedente que sinalaremos brevemente.

En primeiro lugar faremos referencia á figura en granito con restos de policromía e datada entre os anos 1330 e 1340, ou sexa, na Baixa Idade Media. Trátase dunha escultura que actualmente forma parte dos fondos do Museo Nacional de arte de Cataluña, onde chegaría cara a 1935 nun depósito do político e industrial Damià Mateu. Esta imaxe mereceu a atención de varios estudosos que situaron a súa orixe na capela de Santiaguiño do Burgo ou na igrexa de San Bartolomeu o Vello. A escultura posúe unhas medidas de 128x52x28 cm, o apóstolo suxeita coa man dereita o roleo de pergamiño estendido sobre os xeonllos e coa man esquerda apoiase nun báculo en tau, propio dos prelados da época. Porta manto que cubre o ombreiro e o xeonllo esquerdo, túnica con pregos verticais e decorada con veneras onde observamos o detalle da correa cruzada do zurrón. O rostro insinúa o sorriso e o colo é alto; o cabelo, partido no medio, cae en bucles con aneis finais e a barba amosa rizos simétricos. O corpo revela unha peor labra e unha clara desproporción con respecto á cabeza. Participou esta imaxe do Santiago sedente, con paralelos na provincia, da afamada exposición “Galicia no tempo”, no 1991, e actualmente podémola contemplar na mostra “Pontevedra no tempo” , para a cal regresou ao lugar do que saíu.

Santiago apóstolo sedente procedente de Pontevedra

Na igrexa conventual de Santa Clara situábase outra talla do Santiago peregrino sedente e, neste caso, coroada presidindo o altar de estilo neoclásico do lado do Evanxeo. A imaxe sentada na cadeira porta bordón, esclavina decorada con catro veneras, sinuoso manto e túnica. Coa man dereita sostén o filacterio que cae sobre o xeonllo e no que se lee: Pro salute vestra misid me Dominus (O Señor envioume para a túa salvación), facendo referencia ao labor apostólico do protagonista. Esta fermosa talla revela unha evolución da iconografía mateana, con gran desenrolo na Galicia baixomedieval. A marcha das últimas clarisas do convento provocou a perda en Pontevedra deste tesouro escultórico.

Santiago peregrino sedente e coroado

Por último faremos referencia a outra das iconografías do apóstolo Santiago que o representa dende século X como cabaleiro. Xeralmente con vestimentas militares e sobre cabalo branco esta iconografía resposta ao padroado de Santiago sobre os reinos hispánicos, figura que os monarcas quixeron promover. Entre as súas versións quedamos co Santiago matamouros, mataturcos, mataindios ou mataespañois. O popular matamouros de Clavijo é un modelo moi acabado da iconografía barroca, afamado é o Santiago matamouros de Gambino, na catedral compostelá, que deu lugar ao modelo que copiarían as imaxes de devoción procesionais do século XVIII en adiante.

Unha copia desa escultura do Santiago matamouros consérvase na igrexa de Santiago Peregrino, en Pontevedra. Mario Gallego relata que foi doada por un grupo de homes da vila co mesmo nome que o do santo e que, probablemente, saíra dalgún taller compostelán. A expresividade barroca do conxunto escultórico resulta evidente: Santiago brande a espada en defensa da cristiandade nunha escena dinámica, marcada pola elevación das patas do cabalo, con intensidade emotiva acentuada nos rostros dos musulmáns vencidos e dando lugar, ao cabo, a unha composición complexa e efectista.

Santiago matamouros do Burgo




Fotografías 1 e 2 tomadas de estampas devocionais.
Fotografías 11 e 13 sacadas do libro de Mario Gallego Rei O Burgo no camiño das uvas e do millo.
Fotografía 12: Juanjo.
Fotografía 8: 1000-lugares-en-galiciablogspot.com
Fotografías 3, 4, 5, 6, 7, 9 e 10: Mateo Fontán.




Comentarios

Publicacións populares