OS EXVOTOS EN GALICIA: UNHA OBRA PARA UNHA VIDA
Mateo
Fontán Couto
Atópase en
pleno tour promocional o libro que
Xosé Fuentes Alende legou a este noso país e que, sen xénero de dúbidas, converterase
na obra de referencia sobre o tema dos exvotos en Galicia e, asemade, nunha das
meirandes achegas á nosa relixiosidade popular que se teñen producido nos
últimos tempos. Editado con moito coidado e agarimo polo Museo de Pontevedra en
dous tomos Los exvotos en Galicia. Su
significación en la religiosidad popular: de la cera a los cuadros votivos
está chamado a permanecer nos andeis do tempo como referencia obrigada.
Todo comezou (coma xa comentara noutra entrada deste
blogue sobre un premiado libro do autor, tamén cos exvotos como protagonistas) en
1987 cando o Museo de Pontevedra organizaría
unha mostra xunto co Musseé des Beaux-Arts de Brest sobre exvotos mariñeiros
galegos e bretóns, chegando a Pontevedra, tras pasar pola cidade francesa, a finais dese 1987. A exposición foi
alicerce dunha futura dedicación de Xosé Fuentes Alende, daquela secretario da
entidade museística, por catalogar e analizar os exvotos no ámbito galego en
todas as súas variantes. A partir de entón dedicou case media vida ao estudo, divulgación
e tamén protección desta mostra de relixiosidade popular, anteriormente moi
pouco tida en conta.
Máis aló do tema dos exvotos, Fuentes Alende resulta un
nome amplamente coñecido no mundo da cultura e a antropoloxía galega. Sendo
aínda estudante do bacharelato ingresaría como alumno colaborador no Museo de Pontevedra
en 1969, da man de Xosé Filgueira Valverde. Neste centro pasou por varios
postos ata chegar a secretario técnico, cargo no que se xubilou en 2016. Amais
do seu traballo administrativo, e outros quefaceres, realizará unha copiosa
produción bibliográfica con traballos enfocados principalmente á etnografía e a
aspectos do propio museo provincial. No eido dos exvotos as súas publicacións
son cuantiosas, repartidas en revistas, actas de congresos ou obras colectivas;
todo este esforzo divulgador e de incansable pescuda desembocou no libro recentemente
publicado.
A obra dá comezo con dous escritos a xeito de
presentación a cargo do presidente e vicepresidente da Deputación de Pontevedra.
Despois o reputado antropólogo lucense José Manuel González Reboredo asina un
acaído prólogo con útiles consideracións sobre o libro.
Despois da introdución, as primeiras cincuenta páxinas que escribe o autor aportan unha detida e cavilada visión sobre a relixiosidade popular en Galicia
atendendo varios aspectos tales como as diferentes consideracións da relixiosidade
popular, as rogativas, o uso de elementos sagrados, a bendición de animais... Especial
énfase dedica aos diversos aspectos que envolven as peregrinacións e os
santuarios.
Tras a completa contextualización o libro entra de
cheo no tema dos exvotos, nun primeiro momento analizando o propio concepto, as
tipoloxías e criterios de clasificación, antecedentes, historia e paralelos
noutras culturas. Así, o lector adquire e nútrese da información completa e rigorosa,
pacientemente apañada, para se enfrontar despois aos distintos tipos de exvoto
que podemos atopar en Galicia. Comeza, Fuentes Alende, polos de cera e a seguir
os de madeira; os metálicos; maquetas de barcos e outros exvotos mariñeiros; exvotos
en especie; diversos obxectos persoais ou alusivos á morte e a enfermidade;
cintas de seda; obxectos para o culto; templos; cruceiros; grafitos; exvotos
verbais; exvotos fotográficos e, no que é o capítulo máis amplo, os exvotos
pictóricos ou cadros votivos ao que dedica o autor, nun fantástico estudo introdutorio, o final do primeiro tomo e a totalidade do segundo nun completo catálogo.
A observar que, dende o índice, a obra abrangue todas
as posibilidades e chega ata os últimos recunchos que o tema pode dar de si. Son
innumerables as apreciacións, matices, curiosidades, divisións ou particularidades das que o autor deixa cumprida constancia. No entanto, na
humildade que o caracteriza, Xosé Fuentes matiza que trátase dunha obra
incompleta, eu engado que por pouco... o esforzo compilador é inxente, o corpus
que se ofrece simplemente excepcional.
Nada queda ao azar no “micromundo” que cada tipo de exvoto ofrece: xeneralidades, antecedentes, autores... A mirada absorbente do autor repara no cereiro que elabora as candeas, os diversos tipos de maquetas de barcos e buques, os motivos causantes dos exvotos ou a significación popular dos mesmos. No campo dos cadros votivos a mirada resulta totalizadora: denominacións; soportes, técnicas e cronoloxías; estrutura; os autores que se coñecen; a extracción social dos oferentes; os intervenientes, divididos en axentes ou pacientes, e varias outras cuestións. O estudo pecha cunha moi nutrida relación bibliográfica, acadando este libro practicamente as cincocentas páxinas.
O lector ten por descubrir unha obra capital que é reflexo do labor silandeiro, rigoroso e pormenorizado que Xosé Fuentes Alende imprime nos seus traballos, sempre remando a prol da comprensión de aquilo que nos caracteriza como pobo e que singulariza nas persoas que o encarnan. Este é un libro que as grandes firmas non poden deixar de reseñar e dar a coñecer nos medios; agora lembro saudoso aquela sección de O Correo Galego chamada “Lecer” na que o grande Antonio Fraguas (autor da voz "exvoto" na Gran Enciclopedia Galega) traía decote as novidades editoriais relacionadas coa investigación de todo aquilo que tiña algo que ver con Galicia. Que non diría desta obra!
O libro de Xosé Fuentes Alende (Imaxe tomada do Museo do Pobo Galego) |
Comentarios
Publicar un comentario