HISTORIOGRAFÍA DA SEMANA SANTA PONTEVEDRESA
Mateo Fontán Couto
Pese a posuír
unha dilatada historia, que afonda as súas raíces en tempos da Baixa Idade
Media, e de tratarse dunha tradición secular a Semana Santa de Pontevedra non
mereceu dunha especial atención por parte dos investigadores ata tempos
recentes. Nunha rápida ollada historiográfica propoñemos as achegas máis
salientables ata o de agora.
A Xunta
Coordinadora da Semana Santa de Pontevedra levou cara adiante a publicación de
dúas revistas nos anos 1953 e 1954 onde algúns persoeiros da intelectualidade
pontevedresa colaboraron con pequenos artigos de diversa índole: música ou arte
sacra, as confrarías, algunha talla, impresións... O programa da Semana Santa
de Pontevedra tamén acostumou a levar dende a década dos 70 algún pequeno
artigo con motivo da celebración, principalmente a cargo de Xosé Filgueira
Valverde. O polígrafo foi un recoñecido dinamizador da Semana Santa de
Pontevedra, participando activamente na súa restauración dende 1949. Tamén
desde a dirección do Museo de Pontevedra fomentou o interese pola tradición,
como ocorreu coa mostra de 1981«La Pasión en el arte», cun antecedente en 1942.
Dentro da historiografía da nosa Semana Santa cómpre destacar o traballo de investigación tutelado de J. L. Ageitos Míguez que levou por título La Semana Santa de Pontevedra Tradición-Restauración-Catalogación, defendido no ano 2009 na Universidade de Santiago de Compostela. Unha síntese desta tese de licenciatura do devandito autor recaeu na gran empresa que Hercules ediciones realizou na procura da identidade galega en tódalas súas dimensións. Este traballo, Semana Santa de Galicia, repara en Pontevedra no seu terceiro volume e achéganos a historia pasada e presente da Semana Santa e das súas confrarías e imaxes. A obra de Ageitos supón o alicerce do que partir para comprendermos, na súa maior amplitude, esta celebración na nosa cidade. Este investigador e traballador de didáctica no Museo de Pontevedra tamén foi guionista da documental «Pasión en Pontevedra», editada pola Xunta Coordinadora, e ten publicado proveitosos artigos sobre a Semana Santa pontevedresa en diferentes medios; coido os máis interesantes na extinta revista que sacaba a Fundación Cultural Rutas del Románico. Ademais é un coñecido dinamizador das nosas celebracións relixiosas.
Nos últimos anos
é xusto nomear as contribucións doutros investigadores tales como Xosé Fuentes
Alende, Mateo Fontán, Leoncio Feijoo ou Xosé Manuel Pereira Fernández que
achegou valiosos apuntes da celebración durante o Antigo Rexime. A estes
habería que sumar algún traballo de corte académico e a edición de revistas por
parte dalgunha confraría sen moita continuidade no tempo, así ocorreu coa
revista que a Confraría da Nosa Señora do Amor Fermoso Sacou entre 1997 e o
2000. Amais as efemérides por aniversarios ou calquera outro motivo pode ofrecer a edición dalgún tipo de publicación por parte das agrupacións
relixiosas, destacaron as do 50 aniversario das confrarías do Noso Pai Xesús
Coa Cruz ao Lombo e a do Noso Pai Xesús do Silencio, así como a publicación dos
Viacrucis de Paul Claudel (na versión de Filgueira Valverde) a cargo da
Confraría do Espírito Santo, irmandade que en 2023 con motivo do 70 aniversario
da súa fundación tamén elaborou unha documental coa historia da entidade de
título «Aulas y cera».
Exposicións,
visitas comentadas a coleccións e ciclos de conferencias completan as canles
polas que transitarmos para divulgar e xerar coñecemento ao redor de tan
importante celebración como é a Semana Santa, dende os variados puntos de vista
que se pode abordar a mesma: relixioso, histórico, artístico, antropolóxico...
É de desexar que este coñecemento medre xunto cun organismo como é a Semana Santa
que respira diferente e varía no transcurso do tempo.
Comentarios
Publicar un comentario