A SOCIEDADE CAMPESIÑA NA MITOLOXÍA POPULAR GALEGA

Mateo Fontán Couto

A reedición dun libro é case sempre unha boa nova. Amais, se se trata dunha obra fundamental, case que pioneira, para coñecermos o rico e inmenso mundo das crenzas e a mitoloxía na sociedade campesiña galega, pois entón temos dobre motivo para celebrar. E a isto úneselle unha autoría, a de Buenaventura Aparicio Casado, que é aval de rigor na investigación e dono dunha suxestiva e persoal maneira ou xeito de transmitir, de divulgar e, ao cabo, de chegar ao lector sexa este especialista ou profano.

Unha boa nova, pois, chéganos en forma de segunda edición revisada co traballo que sacan adiante a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Pontevedra: A sociedade campesiña na mitoloxía popular galega, libro do que quería dicir "un algo” dende hai uns meses que obra no meu poder, e  xa fai familia nun dos meus andeis. Precisamente de Buenaventura (do que xa teño falado neste mesmo blogue e que non precisa moita presentación) podería contar que coñecino, como dicilo: “de canto”, paseando o dedo índice polos varios libros que sucedíanse un detrás doutro con temáticas como a arte rupestre, antropoloxía, arqueoloxía, historia local... e que tiñan a este investigador, xa tan testado, como autor. Foron e son libros que sigo a desfrutar moito, adoitan ter dedicatoria manuscrita ao meu pai; co tempo foi o meu propio pai quen presentoume a aquel profesor do que sempre falaba tan ben: “Ventura vale mucho, es de los que trabajan de verdad, con él siempre aprendes...”, e así foi como os libros seguiron chegando, en adiante dedicados á miña persoa. Para min supoñen un tesouro.

Facer un rápido percorrido polos temas que fala esta obra renovada, que en realidade é un referente, coido será suficiente para espertar a curiosidade de quen estas liñas lea, pois son asuntos de moito interese e cunha fonda carga identitaria, case telúrica, que atrapan ao lector dende o comezo.

Non quero pasar por alto a dedicatoria do libro ao Grupo de Arqueoloxía «Alfredo García Alén», colectivo que realizou un moi valioso traballo en prol do patrimonio galego e cuxo nome lembra ao grande persoeiro que neste ano celebraría o seu centenario. Chegan despois o prefacio á segunda edición e a introdución. Cúmprense vinte anos na reedición desta obra que orbita nas lendas que teñen ás mámoas, petróglifos e castros galegos como escenarios, capaces de reflectir o ideario, as crenzas e preocupacións da sociedade galega tradicional a través dunha serie de personaxes ficticios, abordando deste xeito un amplo espazo da cultura inmaterial do noso pais. Tras a corrente celtista empurrada pola Xeración Nós ou o Seminario de Estudos Galegos e que se afasta da tradición oral galega, este libro propón un modelo interpretativo estritamente antropolóxico.

O primeiro capítulo trata das mámoas entendidas como casas, tumbas ou mesmo castelos dos míticos mouros  e  mouras; un mundo que en última instancia reflicte a sociedade campesiña galega, cun soporte na realidade conformado polos restos arqueolóxicos. Esta sería unha das principais teses da obra. O autor, fiando con astucia e demostrando unha gran capacidade crítica e interpretativa, trae temas nas súas páxinas como o da sociedade patriarcal, a feminidade da terra galega e a influencia da muller transmitida nos relatos populares. Neste senso, incídese na crenza de que o home non debía ceder ante a muller e que esta traía consigo o desastre en canto se entremetía en asuntos que non lle correspondían. Como pano de fondo destas lendas populares insinúase a sedutora figura da moura peiteándose ou o rito da serpe engulidora, que muda a súa actitude na lenda galega polo ofrecemento de alimentos. O lector comprenderá o poderoso significado de obxectos como as tesoiras; procurará tesouros da man dos curas para desencantalos; por suposto verase inmerso en leas de marcos divisorios, que moitas veces encarnaban en esteos ou megálitos, e mergullarase nos relatos que transmiten os cambios sufridos na sociedade galega ao longo do tempo e a través do mito.

No segundo capítulo aténdese aos gravados rupestres, tema do que Buenaventura é un consagrado experto. Son os petróglifos verdadeiras sinais que marcan o sitio onde se atopa un tesouro, sempre que saibamos interpretar os arcanos escondidos no Ciprianillo. Así mesmo as insculturas poden delimitar zonas e parroquias ou posuír propiedades fecundantes, sobre todo aquelas con gravados serpentiformes. Precisamente nesta lectura teremos ocasión de aprender moito sobre a serpe e os seus significados. Volverán os cregos como notarios tratando de cristianizar, co poderoso símbolo da cruz, elementos do pasado importantes para o paisano. Trátase tamén, nesta parte da obra, sobre a visión humanizada e familiar que o demo tiña na sociedade campesiña galega, da ambivalencia da relixiosidade popular ou sobre os meigallos.

A terceira parte do libro pivota  sobre o mundo dos castros, esas construcións monumentais que cobren o coiro de Galicia e que a mitoloxía popular atribúe aos mouros, os carlistas ou mesmo aos xentís. Analízase a sacralidade que representa este lugar emblemático, con aspectos sobre a concepción do castro e a guerra ou, así titula o autor un apartado do libro, a teima de ir escavar ao castro. Volve existir espazo nas páxinas desta obra para as mouras, sempre feitiñas pero que tamén hainas con tachas. A partir dos relatos populares, nos que o autor albisca unha procedencia culta en determinados casos, xorden outros suxestivos temas que achega o libro mediante a figura da ama de cría e da parteira, do porco como animal totémico, do rol da muller, do lecer, do mundano e do alén... No atento análise destes relatos destílanse conclusións como por exemplo os aspectos mixóxenos nas sociedades tradicionais, o compoñente patriarcal, a represión eclesiástica, etc.

O cuarto e derradeiro capítulo aborda a importancia dos grandes mitos galegos: mouros, os máis antigos poboadores de Galicia que toman parte da nosa realidade; as feiticeiras mouras e fadas; as fontes e as lavandeiras; a galiña cos pitos de ouro; a Santa Compaña... Aténdese a vetustos costumes como o do abandono dos vellos e, amais, dedícase unha pormenorizada atención á Santa Inquisición.

Abrazamos unha lectura áxil, entretida, sumamente reveladora do noso... Este libro acada a categoría de clásico, aborda un tema complexo, tratado dun xeito rigoroso e, ao tempo, coloquial; e aí radica boa parte do mérito desta reedición, fondo e forma mesturados co atractivo do mito en si mesmo. Sabía do útil de ler a Buenaventura, mais convido ao pracer de redescubrilo, o demais vén dado.




 

Comentarios

Publicacións populares