A visita aos monumentos de Semana Santa

Mateo Fontán Couto

Un dos costumes de maior arraigamento durante a Semana Santa, con forte vínculo familiar e social era, sen dúbida, a visita aos monumentos repartidos polas igrexas e templos na xornada do Xoves ao Venres Santo. E digo “era”, xa que logo, porque se evidencia un ocaso que ensombrece a esta devoción, doutra banda, moi presente en tantos fogares durante xeracións.

O monumento de Semana Santa é o lugar no que se reserva o Santísimo Sacramento para agochar a segunda hostia consagrada na «Missa in Coena Domini» do Xoves Santo, na que se conmemora a Última Cea, até a celebración da Morte de Xesucristo no Venres Santo, momento no que a sagrada forma adminístrase, expresando así a unión entre a Eucaristía e mais a Cruz. A finalidade principal destes monumentos será, pois, a adoración da Eucaristía. No mundo cristián existe a tradición de visitar sete igrexas, simbolizando os lugares onde foi levado Xesús na noite do Xoves Santo. 

Esta expresión relixiosa e plástica do monumento de Semana Santa afonda as súas raíces moi probablemente en cerimonias paralitúrxicas medievais, relacionadas coa Paixón de Cristo. No entanto, sería durante o Barroco cando alcance o seu maior esplendor, por influxo do Concilio de Trento, dando lugar a vistosas arquitecturas efémeras. Comezaron como necesidade de espir os altares no Xoves Santo, para purificalos e limpalos, e deste xeito poder colocar con dignidade a hostia; o tempo fixo o demais. Pouco a pouco o alarde e o enfeite cubrirían estes espazos sacros.

No Museo de Pontevedra consérvase unha fotografía realizada polo estudo fotográfico de Sáez Mon e Novás que evidencia o fasto empregado nun monumento ergueito na igrexa de San Bartolomeu nas primeiras décadas do século XX. Denominados tamén «monumentos pascuais» ou «arte das tremoias» o declive nas trazas destas construcións privilexiou o adorno floral e o uso de luminarias e outros materiais máis maleables, como teas ou mesmo papeis, nos retablos ou capelas laterais dos templos.

Aínda en Pontevedra a visita aos monumentos constitúe unha tradición devocional importante por estas datas, a pesar da decadencia que arrastra. Así, durante o percorrido que se elixa na visita ás igrexas, contrástase os diferentes modos de adobiar os devanditos monumentos cada ano. A marcha das clarisas deixounos sen a tenue cor branca das candeas e as flores nas xerras prateadas, dispostas en amable conxunto no retablo dedicado á santa de Asís, e ao Nazareno que se baixaba por esa época.


Na outra igrexa  conventual, a de san Francisco, adóitase escoller a capela da Nosa Señora de Lourdes para erixir o monumento, no lado da Epístola, cun belido sagrario, profusión de flores e dous grandes anxos orantes.


No templo de San Bartolomeu instálase o monumento no retablo da Virxe do Carmén, namentres que na basílica de Santa María o espazo escollido é o altar do Cristo Crucificado dos mareantes, nunha estampa de moita forza e piedade.



O monumento do santuario da Virxe Peregrina é dos máis orixinais na cidade, cunha gran tea branca ou vermella que serve de marco para o Santísimo depositado en urna de prata. Tamén se adoitan empregar candelabros, o pan e as uvas ou palmas e plantas como motivos ornamentais.


Personalidade de barrio piadoso atopamos na igrexa de Santiago Peregrino do Burgo, tamén co monumento no lado da Epístola, e na de San Xosé de Campolongo. Un estilo diáfano e pouco recargado emprégase na da Virxe do Camiño e o Santuario das Aparicións.



Publicado no Diario de Pontevedra o 06/04/2023.

Comentarios

Publicacións populares