ÁS PORTAS DO CENTENARIO DE ALFREDO GARCÍA ALÉN
Mateo Fontán Couto
Pouco tempo queda para chegarmos a unha efeméride na cidade de Pontevedra: un centenario dun persoeiro relevante. Unha desas conmemoracións que propician lembranzas e carrexan actos pola importancia que a sociedade outorga –costume que sempre me pareceu curiosa– ao feito de alcanzar unha cifra redonda con tres díxitos. Porén, certo desacougo lévame a escribir estas liñas temeroso, inxenuo de min, de que o centenario pase desapercibido por aqueles que máis deberían mirar por el.
Alfredo García Alén naceu o 10 de abril de 1923. Foi fillo de Alfredo García Hermida e de María Alén Solla, ambos os dous mestres. Froito do matrimonio foron dez fillos, incluído Alfredo. O pai chegou a concelleiro en Pontevedra no 1928, dignidade que repetiría nos anos cincuenta. Tralo golpe de Estado chegou a ser depurado de emprego e soldo. Na actualidade unha rúa da cidade leva o seu nome.
Lembra Filgueira Valverde, na entrada que lle dedicou na Gran Enciclopedia Galega, que Afredo García Alén foi o primeiro alumno colaborador que houbo nun museo español, pois entrou con quince anos no de Pontevedra, sendo aínda estudante do bacharelato. Nesta institución museística, xa para sempre indisociable á súa biografía, consegue a praza de auxiliar de secretaría en 1944. Máis adiante chegarían os postos de secretario e director adxunto.
Cómpre non esquecer na súa formación as licenciaturas en Dereito e en Filosofía e Letras, Sección de Historia. Profesou o maxisterio na Escola Normal de Pontevedra e nos institutos Sánchez Cantón e A Xunqueira. Ocupou posto de concelleiro e tamén o de rexedor no Concello de Pontevedra por un breve período de tempo. Como tenente de alcalde promoveu, por exemplo, o derrubo do muro no cemiterio de Santo Amaro que dividía a parte católica da civil, está última nun estado de conservación lamentable.
Seus méritos están cumpridamente recollidos, mais cómpre airealos ante esta efeméride. Alén dos devanditos, outros cargos e nomeamentos adobían o seu currículo: vicedirector da Casa Museo de Rosalía de Castro; secretario técnico de Patrimonio Artístico da Xunta de Galicia; vogal da Comisión Provincial de Monumentos e da Defensa do Patrimonio Artístico; académico correspondente da Real Academia de Belas Artes, da Real Academia da Historia e da Real Academia Galega; colaborador do Instituto Padre Sarmiento e vogal do padroado do Museo do Pobo Galego. Entre os premios que recibiu, por exemplo, o Ciudad de Pontevedra de 1980.
Alfredo García Alén nun acto local. (Foto detalle / col. Fontán Portela) |
Alfredo García Alén
Quen coñeceu a don Alfredo, e pregúntaselle por el, deseguido enumera adxectivos como modesto, servizal, competente, amable, humano...; aínda que tamén existía oco na súa personalidade para a seriedade e o arrouto. A triste nova da súa morte concretouse o 16 de xaneiro de 1981, con cincuenta e sete anos. A capela ardente instalouse no Museo de Pontevedra, a mesma institución dedicaríalle o número XXXVI da súa revista. Creáronse premios e bolsas para estudantes que levarían o seu nome, e tamén o Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”, colectivo que levaría a cabo un valioso traballo de investigación e divulgación. Amais, unha rúa en Pontevedra recórdao.
Toca pois lembrar, ou polo menos non esquecer, e o Museo de Pontevedra tería moito que dicir neste asunto. Unha mostra que lembre a vida e obra de Alfredo García Alén sería cousa interesante e de xustiza. Existen expertos e amigos dabondo que poderían glosar a súa figura nunha xornada dedicada a el. Unha publicación? Convén mirar cara adiante sen perder a memoria desas persoas que construíron un organismo modelo como é, ou foi, o Museo. No 2021, o 150 aniversario de Gerardo Álvarez Limeses, quen chegou a ser director do centro museístico, tan só foi merecedor dun «post» na páxina de Facebook da institución. Esperemos mellor sorte e tino para con don Alfredo.
Número da revista El
Museo de Pontevedra dedicado a A.G.
Alén
Publicado en Pontevedraviva.com o 09/04/2023 en
https://pontevedraviva.com/opinion/8243/portas-centenario-alfredo-garcia-alen/?lang=es
Comentarios
Publicar un comentario