IN MEMORIAM MANUEL VILLAVERDE DOVAL (1950 - 2023)
Mateo Fontán Couto
O
pasado sábado 25 de novembro debeu de ser o primeiro día no que Manolo tendo
que ir traballar non apareceu. As alarmas disparáronse pois aquilo non era
normal nese home que, aos 73 anos de idade, seguía a ser exemplo de dedicación
e entrega ao labor no seu benquerido Museo de Pontevedra. Esa apesarada mañá
nacía con aire lutuoso. Manolo despedíase como barruntabamos que o tiña que
facer: ao pé do canón.
Manuel Villaverde Doval era natural de Santa María de Aciveiro, parroquia de Forcarei, na Terra de Montes. Este lugar queda agora sen un dos seus fillos máis orgullosos, cun sentimento de pertenza diríase que telúrico, como outorgado pola magnificencia do Candán. Sendo aínda neno, Manuel emigrou xunto co seu pai, Generoso Villaverde, a Encamp. Esta parroquia de Andorra quedaría gravada, así mesmo, no seu corazón; nunca a esqueceu e mantiña contacto con amizades que alí fixera
Mais Manolo regres aría a Galicia, concretamente a Pontevedra. E deste xeito íase pechar o círculo amoroso das súas localidades. Traballaría como funcionario no Instituto Nacional de Estatística, e xa no 1989 entrou no Museo de Pontevedra. Nesta institución desenvolveu unha actividade incansable a prol do correcto funcionamento da que sería, como se adoita dicir, unha segunda casa para el. Manolo podíache recibir nun acto e, ao tempo, controlar o son do mesmo e liquidar calquera incidente que puidese acontecer. Era un “todoterreo”, un traballador entregado e resolutivo. Axudábache todo canto podía..., na pista dun documento que precisabas ou na mediación con quen che podía solucionar a papeleta. Posuía ese xeito dos traballadores históricos do Museo.
Sempre pensaba en Aciveiro, e cando che citaba na súa casa de alí, sabías que como mínimo ías tomar unha carne richada de escándalo. Despois tocaba a preceptiva visita polo patrimonio do lugar e, claro está, a seu amado mosteiro. Foi membro e directivo moi dinámico da Asociación Amigos do Mosteiro de Aciveiro e Terra de Montes, sempre colaborando nas actividades que emprendían arredor do cenobio cisterciense, templo do que ningunha pedra éralle allea.
Home curioso por natureza e amante da historia. Na xuventude realizaría algúns estudos de Mediciña; era afeccionado á fotografía, compilando un arquivo nada desdeñable con instantáneas galegas e das romarías ás que gustaba acudir. Sempre inquedo, tomaba parte das iniciativas culturais alí onde estivese, estou a lembrar o Entroido de Monte Porreiro, cando vivía no barrio. Manolo tamén era activo nas redes sociais, que usaba con tino na divulgación do patrimonio, sobre todo do seu Aciveiro.
En fin, foise un amigo leal. Unha figura para moitos paternal que coa súa cavernosa voz e baixo esa aparencia recia agochaba un humor retranqueiro e familiar, porque Manolo era grande de corpo coma de corazón. Aos seus compañeiros e compañeiras do Museo váiselles facer moi estraño e duro non velo entrar, coma cada día, pola porta. Dende a Asociación Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra queremos unirnos ás moitas mostras de condolencia producidas durante estes días e mandar un afectuoso alento a amigos e familiares, en especial ao seu fillo Iago.
Botámoste en falta, Manolo.
Manuel Villaverde Doval (Foto: Juanjo) |
Comentarios
Publicar un comentario