A OBRA PÓSTUMA DE CEFERINO DE BLAS

 Mateo Fontán Couto

O pasado 19 de febreiro morría con 79 anos de idade Ceferino de Blas García, quen fora director do Faro de Vigo e cronista oficial da cidade olívica. Gardo as moitas e sentidas páxinas, artigos e lembranzas que lle dedicaron, sobre todo no decano da prensa española. Sendo un asturiano nacido en Corvera, a súa figura para sempre quedará unida á cidade de Vigo que o viu chegar no ano 1986 para substituír a José Armesto Faginas na guía do xornal devandito. Pronto quedaría prendido da cidade, converténdose nun destacado experto da historia e a actualidade que a envolven.

Ceferino de Blas realizou un intenso labor como periodista e comunicador ao fronte dunha cabeceira que soubo anovar creando, por exemplo, suplementos culturais en lingua galega como “Faro das Letras” e o actual “Faro de Cultura”, ou impulsando o foro “Club Faro”, que dirixirá durante anos a súa dona Marisa Real. Da súa valía periodística quedou constancia, amais de no seu legado, nas múltiples referencias que lle dedicaron ao respecto. Mais Ceferino de Blas foi tamén un dos promotores e colaboradores destacados do Instituto de Estudios Vigueses, do que era membro activo.

A carón dos centos de artigos escritos, algúns deles auténticas fiestras á intrahistoria viguesa, están os seus varios libros que constrúe coa raiceira da hemeroteca do Faro e que dedica a personaxes como Cunqueiro, Rosalía, Filgueira Valverde, Carmen Laforet, Emilia Pardo Bazán, etc. Ao bispo Tarancón brindoulle esforzos literarios para glosar a súa biografía e tamén soubo rescatar a propia historia do Faro de Vigo, as particularidades e belezas das Cíes ou o encanto do Nadal na cidade. Precisamente cunha recensión dese libro sobre o Nadal vigués abrín os artigos deste blog en 2023, e quero pechalo falando do volume que se publicou, de forma póstuma, nas últimas datas.

Ora ben, é certo que o libro Vigo, puerta del mundo encadra nun proxecto máis amplo que contou cunha mostra, de mesmo título, na emblemática rúa Principe e que inaugurouse un 19 de xullo até o 31 do agosto pasado. Así mesmo, o libro contou coa súa presentación a finais de novembro, celebrándose tamén unha charla-coloquio organizada no MARCO, o 19 de decembro. Actos que amais da merecida homenaxe á obra póstuma de de Blas forman parte das iniciativas para conmemorar o 170 aniversario do Faro de Vigo.




Do libro en si mesmo podemos dicir que nas súas case 400 páxinas o lector pasa polo afectuoso prólogo do rexedor de Vigo, Abel Caballero; unha introdución do propio autor e o obxecto da materia: a galería amplísima de personaxes relevantes que nalgún momento pasaron por Vigo, a maioría por mar ao chegaren ao importante porto que realmente era  porta do mundo, sobre todo para os barcos que unían Europa con América até os anos setenta do século XX. Despois chegarían tempos máis hexemónicos para o avión. Tamén os houbo que chegaron por terra e certa bruma de lenda envolve aos máis afastados no tempo destes persoeiros, agora atrapados nas páxinas do libro.

Tras os nove capítulos cronolóxicos polos que desfilan tantos personaxes (de A. Bares a Stefan Zweig, de Xulio Cesar a Carmen Laforet) chega un importante, na configuración do libro, décimo apartado consagrado á recollida de notas por Ceferino de Blas sobre os episodios relevantes ou feitos transcendentais acontecidos no paulatino crecemento da cidade de Vigo. Coa pequena introdución suman dezaoito estampas de toda índole: a batalla de Rande, o “Titanic” e Vigo, sobre o Berbés, da chegada do avión ou o festival de cine español na cidade serven de exemplo da variedade e interese do contido nestes anexos. Pechan os índices onomástico e capitular.

O libro Vigo, puerta del mundo constitúe unha achega de valor na nutrida bibliografía sobre a cidade. Como o propio autor indicou tratáse dun traballo práctico e divulgativo; engado cheo de curiosidades e o acostumado rigor que este “viguista” apaixonado poñía nos seus traballos; neste derradeiro vese acompañado por decenas de persoas de todo tipo e condición: reis, nobres, científicos, escritores, inventores, cantantes, actrices e actores, militares, relixiosos, empresarios, deportistas, políticos..., agora reciben no porto da historia viguesa a Ceferino.



Ceferino de Blas. (Fonte. Faro de Vigo / R. V.)

Comentarios

Publicacións populares