O Entroido de Monte Porreiro

Mateo Fontán Couto

Á memoria de Manuel Villaverde Doval

O porco é un dos animais fortemente vinculados co tempo de Entroido. Xa cedo no calendario, o 17 de xaneiro, día de santo Antón Abade, en varias localidades galegas prodúcense romarías e poxas coas partes do comunmente coñecido como porco Antón. Neste día asociado ao santo eremita, que se representa cun cocho ao seu carón, saen por primeira vez á rúa algunhas mascaras emblemáticas do país. O marrán goza dun status especial na nosa sociedade e a algunhas das súas partes dáselle un uso profiláctico.

Mais sobre todo o porco é o principal protagonista na gastronomía que gozamos durante os días de Entroido. Todo forma parte dun ritual, iniciado coa matanza do bruto a finais do outono ou principios do inverno, co propósito de baleirar as despensas antes do prohibitivo tempo de Coresma. A abundancia toma forma de cocido, lacóns, filloas, etc. Así, a  copiosa inxesta de graxa permitirá estar fortes para o duro traballo que se vén no campo.

No barrio pontevedrés de Monte Porreiro toman ao porco como o emblema do seu Entroido ou Carnaval. A celebración é unha das grandes citas que se producen durante o ano e está organizada pola asociación de veciños “O Mirador”. Aparte da propia experiencia e os datos proporcionados por algúns informantes, os programas publicados coas actividades da festa resultan un útil instrumento para coñecermos a pequena historia do Entroido de Monte Porreiro.

Aínda que se podería falar dalgúns antecedentes previos, o comezo da década dos noventa supón o inicio deste festexo no recoñecible barrio da cidade. Entre os actos principais destacaban o Baile Infantil, que case sempre contaba con “Magel y su orquesta” como amenizador musical; o Baile de Socios, que se adoitaba celebrar no Pabellón dos Deportes cara ás 23:00 horas e o Día da Orella e Matanza do Porco, co desfile de Carnaval no que tomaban parte as comparsas que optaban a tres premios económicos e que remataba coa queima da representación do Porco na explanada do campo de fútbol.

De especial significación tiña o Certame de Poesía celebrado de forma ininterrompida até o comezo do novo século. Nas súas bases consta que o premio consistía nunha ducia de chourizos, un lacón, unha cacheira e un diploma acreditativo do evento. A entrega do premio producíase despois do desfile, no momento antes de “matar ao porco”e no que o autor debía recitar a composición gañadora diante do animal. Amais, a poesía premiada publicaríase no folleto do ano seguinte. Os programas reflicten, á súa vez, un interese polas tradicións e diversas representacións do Entroido galego, dedicando algunhas páxinas á súa divulgación. Tamén topamos con refráns, cantigas, ladaíñas e outros textos de índole satírica, co porco como protagonista, que adoitan estar escritos en galego e poden ir asinados cun alcuño, como ocorre no tradicional Testamento do Porco que algún ano rubrica “o voso parente” e  noutro “o voso amigo Porco Porreiro”.

Co paso do tempo a estrutura deste Entroido de barrio varia, modificando ou suprimindo algúns actos e engadindo outros novos. Nos primeiros compases da década dos 2000 anotamos un día para a “Degustación de orellas de porco” e un baile nocturno de disfraces, con premios individuais e a parellas. Para o ano de 2008 destaca o nacemento do grupo As Flores do Carnaval que máis adiante xa actúa e anima como a comparsa propia de Monte Porreiro, exenta do concurso durante o desfile. Sen estendernos nas particularidades de cada ano, a estrutura máis repetida dos principais eventos comprendería nestes últimos tempos: a Presentación do Porco, o Festival Infantil, o Desfile de Entroido e, dende 2014, a festa da Exaltación da Zorza.

No 2020 publícase, coma de costume, o programa mais coa chegada da pandemia da COVID-19 o Entroido de Monte Porreiro suspéndese e non se retoma até este ano no que o Porco, que no 2018 recibiría un intento de bautismo co nome de Casimiro e que, noutra chiscadela anecdótica, chegou a ser indultado do lume, volverá percorrer as rúas da barriada coa algarabía e a troula a xeito de séquito do respectado animal.


Capa do cartel e programa 2024

Publicado no Diario de Pontevedra o 28/02/204

(Foto cedida por Manuel Villaverde) 


Comentarios

Publicacións populares