OS ANIMAIS DO ENTROIDO
Mateo Fontán Couto
Están a ser tempos propicios para o Entroido galego.
Xunto coa posta en marcha de accións por parte de varias entidades e
asociacións para recuperaren elementos ou resucitaren entroidos perdidos, prodúcese
un incremento considerable na produción de estudos relacionados coa ancestral
celebración. Vénme á cacheira por exemplo o recente traballo do antropólogo
Rafael Quintía Descifrando o Entroido. Manual
básico para entender o Entroido galego, páxinas que aportan as chaves da
interpretación dos diferentes rituais acompañadas dun fantástico aparato gráfico.
Moi interesante tamén é a publicación da investigación de Hadrián Román e
Adriana del Río sobre o merdeiro, personaxe popular do Entroido de Vigo que desapareceu
pola décadas dos vinte e nos últimos anos estase a reanimar.
Entre este bom
bibliográfico, que festexamos coa filloa na man, queremos falar hoxe un algo do
libro de Carlos Xabier Ares Pérez, O
animalario do entroido galego. Mito e tradición. O autor é un recoñecido
experto sobre o Entroido do que ten publicado diversos textos, aquel que versou
sobre as festividades de inverno na provincia de Ourense valeulle o premio
Vicente Risco de Ciencias Sociais (2019). Estudoso da etnografía galega e a antropoloxía
social e cultural, o patrimonio inmaterial e a etnoarqueoloxía, un acaído carácter
divulgativo envolve aos seus traballos.
Nesta obra analiza polo miúdo as representacións de
animais no ciclo de Entroido. E o fai reparando no compoñente mitolóxico que
rodea a tantos animais para despois diseccionar cada becho na súa representación
no Entroido de quenda. A importante presenza dos animais na festa dotan de
sentido á mesma outorgando tradición e forza simbólica ao tempo que sintoniza coa
espontaneidade tan característica deste tempo.
No primeiro capítulo repárase nas referencias
históricas, tradicionais e mitolóxicas que o tempo de invernía posúe con
respecto aos animais, o que axuda a comprendermos a súa relación coas manifestacións
do Entroido. Nun moi interesante segundo capítulo ponse a lupa sobre os elementos animais nas
máscaras. O autor incide no que denomina a estática
das máscaras, ou sexa a vestimenta formada polos traxes e os complementos.
Deste xeito comprobamos o amplo espectro que o mundo animal abarca nas
diferentes indumentarias, como o propio Carlos Ares indica son varios elementos,
tales como representacións gráficas, plumas, cornos, pelicas, caretas ou ósos.
Chega despois o momento no libro de desagregar aos
animais que invaden o Entroido galego nunha especie de fichas individuais encabezadas
pola definición de cada animal no dicionario da RAG. Son dezasete os
analizados, nunha viaxe que nos leva polas catro provincias galegas, de norte a
sur e de leste a oeste, por bisbarras, barrios, cidades e lugares. A significación
do animal no ritual abraza diversos aspectos que pasan polos elementos
rexeneradores (a luz, a fertilidade...), a outros de índole máis moralizante reflectidos
na luxuria e os excesos ou de forza como a virilidade. O boi, o burro, o cabalo,
o carneiro, o castrón, o cervo, a formiga, o galo, o minotauro, a mula, o oso,
o papagaio, o porco, a sardiña, o touro, o tourón e a vaca son os
protagonistas. As aquecidas conclusións, un bestiarium
fotográfico e a bibliografía pechan o libro.
A obra de Carlos Ares leva prólogo de Ana Durán, secretaria da Sociedade Antropolóxica Galega, e vén fornecer ao de por si atractivo catálogo de Ab Origine Edicións unha proposta rigorosa, amena e útil na procura dos arcanos que envolven esa cousa tan seria -como diría o amigo Quintía- que é o Entroido.
Comentarios
Publicar un comentario