MANANCIAIS DE SALCEDO

Mateo Fontán Couto

Unha nova empresa da Asociación de Defensa Ambiental Vaipolorío colleu forma de libro ao editaren o traballo titulado Mananciais de Salcedo que van ó río Tomeza-Gafos. Un elo máis no rosario de iniciativas, estudos  e publicacións que este colectivo vén realizando hai máis de vinte dous anos, con ánimo inquebrantable, ao redor dese eixo hidráulico que é o río dos Gafos, e que ten na súa páxina web (vaipolorio.gal) unha boa carta de presentación no tocante ás súas angueiras de recuperación medioambiental e divulgación do devandito río.

Desta volta, e coa colaboración da Comunidade de Montes de Salcedo, prestan atención «ao estudo dos nacentes de auga doce existentes en Salcedo», tal e como  nos conta no prólogo Gonzalo Sánchez Blanco, e que veñen a dar ao río Tomeza-Gafos. Mais concretamente trátase dun inventariado destes nacentes –moitas veces vencellados a construcións populares– cun claro obxectivo de dalos a coñecer e, xa que logo, poñelos en valor.

Nove son os lugares prospectados e sesenta os mananciais recadados, a saber: A Armada (20 mananciais), Birrete (8), Cabanas (10), Campo da Porta (2), Cancela (1), Carballa (3), Carramal (1), Esculca (9) e Pazo (6).

Cada manancial é recollido co seu nome; localización; tipo de construción (natural, pedra, natural e pedra, cemento...); coordenadas e un apartado para observacións se fosen precisas. Así, na fonte do Baliño, en Cabanas, aparece o apunte histórico de que Frei Martín Sarmiento a nomea no Luns de Pascua do 1755; outras observacións son de tipo máis descritivo (posúe lavadoiro, posúe unha placa ou inscrición, ten pozo, etc.).

Na autoría da obra destacamos a Silvia Giménez Amoedo que viu nas prácticas de Educación e Control Ambiental a oportunidade de completar o traballado iniciado hai anos por Ramón Laxe e Helena del Mar Casado Merino –xunto con outros colaboradores citados na ficha técnica do libro – en relación a estes gurgullos. E deste xeito chéganos esta guía das súas pescudas acuíferas que deixan espazo para as notas e a quen poida achegar máis información nun claro afán de colaboración co afeccionado e a cidadanía en xeral.

Felicitamos e mandamos azos á asociación Vaipolorío para seguir pola senda do traballo a prol das nosas augas, e aos autores por esta publicación que vén sumarse á memoria e conserva do patrimonio medioambiental.




Comentarios

Publicacións populares