DA MAN DO CANTEIRO: ARTE POPULAR E PAISAXE FUNERARIA EN OUROL

Mateo Fontán Couto

Anxo Vázquez Pernas, coñecido fundamentalmente pola súa traxectoria como divulgador do mundo agrario galego a través de programas televisivos como A Terra, O noso agro ou A Labranza, leva décadas desenvolvendo un labor sostido de posta en valor da cultura rural e do patrimonio material e inmaterial do país. Esa vocación divulgativa, sempre acompañada dunha vontade pedagóxica e dun profundo coñecemento do territorio, trasládase agora ao ámbito da investigación patrimonial con A imaxinería nos cemiterios de Ourol: dous canteiros (2024), obra publicada co apoio do Concello de Ourol e da Deputación de Lugo.

O libro sitúase nun espazo intermedio entre a divulgación rigorosa e o estudo histórico-artístico, e ten como eixo central a análise da obra de dous canteiros e imaxineiros populares da Mariña lucense: Francisco Veiga Ferreiro, coñecido como “O Pena”, e Xaquín Gato Paz, lembrado como o “Tío Xaquín de Gato”, dous grandes creadores que ao final da súa vida gañaron os alcumes de “Tío Xaquín de Gato” e “Tío Pena”. A investigación céntrase principalmente nos cemiterios do concello de Ourol, mais non se limita estritamente a este ámbito territorial, pois incorpora tamén exemplos localizados noutras parroquias do propio concello como Santa Eulalia de Merille, Santiago de Bravos ou San pedro de Miñotos,  así como noutros espazos fóra del, nomeadamente en Valcarria (Viveiro), o que permite comprender mellor a dimensión xeográfica e profesional destes artesáns da pedra.

Desde o punto de vista material, a obra presta especial atención á pericia destes canteiros no traballo do granito, material predominante nunha etapa da escultura funeraria galega caracterizada pola sobriedade formal e pola forte carga simbólica. O autor contextualiza, así mesmo, o progresivo abandono deste material en favor do mármore na construción de panteóns funerarios, un proceso que responde tanto a mudanzas estéticas como a transformacións sociais e económicas máis amplas.

Un dos acertos do libro é a ampliación do foco analítico máis alá da escultura funeraria estrita. Vázquez Pernas dedica un estudo detallado aos cruceiros realizados por Xaquín de Gato e Francisco Veiga, convertendo a obra nunha achega relevante tamén para o coñecemento da arte cruceirística da Mariña. Neste sentido, resulta especialmente significativa a análise da faceta de imaxineiro de Xaquín Gato Paz, que transcende o seu papel como canteiro da construción para amosar unha notable capacidade creativa no ámbito da escultura relixiosa popular, exercendo ademais unha influencia directa sobre Francisco Veiga, do que pode considerarse mestre.

A obra non adopta unha perspectiva exclusivamente biográfica nin individualizadora, senón que insire os seus protagonistas nun contexto máis amplo de produción artesanal. Así, presta atención a outras sagas de imaxineiros da zona, como a dos Carboeira, á que se dedica un capítulo específico, contribuíndo a ofrecer unha visión máis complexa e coral da escultura popular na Mariña lucense.

Dende o punto de vista estrutural, o libro organízase en dúas grandes partes claramente diferenciadas. A primeira adopta un enfoque máis contextual e histórico, no que se sitúa a produción destas obras no seu marco temporal e profesional. A segunda parte céntrase nun percorrido máis artístico pola obra de Xaquín de Gato e Francisco Veiga, cunha análise detallada das pezas conservadas. O libro complétase cun aparato gráfico baseado en fotografías en cor, que resulta útil para a correcta comprensión e valoración dun patrimonio frecuentemente esquecido ou mesmo ameazado.

Cómpre salientar, finalmente, o carácter de inventario sólido que presenta a obra, alicerzado nunha combinación equilibrada de documentación histórica, bibliografía especializada e testemuños orais directos e indirectos. Este enfoque metodolóxico confírelle ao libro unha notable consistencia como estudo e dota o conxunto dunha coherencia interna que reforza o seu valor como achega ao coñecemento da arte popular galega.

En definitiva, A imaxinería nos cemiterios de Ourol: dous canteiros constitúe unha contribución relevante ao estudo da escultura funeraria e dos cruceiros da Mariña lucense, así como un exemplo elocuente das posibilidades da investigación local cando se aborda con rigor e ambición interpretativa. Ao tempo, a obra deixa aberta a porta á necesidade de estudos de maior alcance territorial que integren estas creacións nun discurso máis amplo sobre a cultura funeraria galega e a arte popular contemporánea.




Comentarios

Publicacións populares