ANTONIO BLANCO FREIJEIRO, FILLO PREDILECTO DE MARÍN

Mateo Fontán Couto

Á memoria de Chola Otero

O pasado 11 de decembro tivo lugar no salón de actos do concello de Marín un pleno extraordinario polo que se outorgaba o título de Fillo Predilecto desta vila á egrexia figura de Antonio Blanco Freijeiro. Un recoñecemento xusto que se ve ao fin materializado tras aprobarse a proposta promovida polo Club de Opinión Portocelo, xunto con outras asociacións culturais, que deu lugar en outubro aos albores do expediente, a cargo da edil Beatriz Rodríguez.

E dicimos recoñecemento xusto porque foi Blanco Freijeiro unha das meirandes personalidades que ten dado non só Marín, senón tamén Galicia enteira, no eido cultural. Sobre todo destacou no campo da Arqueoloxía e a Historia Antiga, mais os seus amplos coñecementos e a súa actitude vital facíano sabio per se, con pase de convidado nesa mesa na que uns poucos poden falar de case todo.


Antonio  Blanco Freijeiro 


Como di o refrán, tomado en senso positivo: fillos de gatos, gatiños. E é que, como se sabe, Antonio Blanco Freijeiro foi fillo de Antonio Blanco Porto, intelectual pontevedrés que destacou no ámbito musical sendo cofundador e primeiro director da Sociedad Coral Polifonica de Pontevedra. Non é de estrañar pois que a histórica coral actuase no acto do nomeamento ao que nos estamos referindo, tras as verbas do seu presidente, Carlos Valle.
 
Foi precisamente Carlos Valle o encargado de abrir, cunha descrición biográfica, as XX Xornadas Blanco Freijeiro de Arte, Arqueoloxía e Historia, celebradas do 22 ao 28 de novembro. Unhas xornadas enfocadas nesta edición ao erudito marinense e a súa obra e que resultaron especialmente brillantes debido ao alto nivel dos conferenciantes convidados: Beatriz Rodríguez Gómez, Fátima Díez Platas, Francisco Javier Sánchez-Palencia Ramos, José María Luzón Nogué e María del Pilar Castro Alonso. Un elenco de grandes especialistas que foron discípulos, compañeiros e amigos de Blanco (así se referían a el) e que souberon encher o auditorio da Biblioteca Pública de Marín de público, coñecemento, lembranzas e emocións. As xornadas concluíron cunha visita ao xacemento da Lanzada, coa guía do arqueólogo provincial Rafael Rodríguez. A este emblemático xacemento da Lanzada dedicou Blanco Freijeiro publicacións, pois foi un dos grandes nomes que participaron nas escavacións realizadas no lugar a partir da década dos cincuenta do pasado século.

Xornadas dedicadas a Antonio  Blanco Freijeiro 

Blanco Freijeiro foi un políglota coñecedor das investigacións e traballos que se realizaban alén de España. Ademais de en Filosofía e Letras uniría a carreira de Filoloxía Clásica á súa formación que contemplou estancias en prestixiosas universidades como Oxford ou Heidelberg. A súa tese de doutoramento versaría sobre minería española na Antigüidade sendo dirixida polo grande arqueólogo García Bellido, do que foi alumno avantaxado. Home rigoroso no senso académico, a súa completa formación e vasta cultura convertérono nun referente no mundo da arqueoloxía, disciplina que ensinou como catedrático nas universidades de Sevilla e na Complutense de Madrid. Dirixiu importantes escavacións en xacementos como o de Itálica en Sevilla, Cerro Salomón en Huelva ou as de Ceal e la Guardia, en Xaén. Como tradutor obtivo o Premio Nacional Fray Luis de León de Lenguas Germánicas pola súa tradución de Historia de la Edad de Piedra (1982), de H. Müller-Karpe. Publicou unha abundante obra académica e divulgativa. Son moitos os que lembran empregar o manual de arte grega (o da capa laranxa e o auriga de Delfos) escrito por Blanco. Eu mesmo o usei (nunha 2ª edición que herdei do meu pai) para tratar de zafar, a última hora, dalgún exame, e na actualidade segue a ter moita vixencia nas facultades. Tamén foi quen de escribir con precisión sobre arte exipcia, cultura íbera, a Grecia clásica, a escultura do Prado, as fontes de Roma e un longo etc. Amais de dar conta en memorias e artigos das súas pescudas en campo, pronunciar conferencias e dirixir teses de doutoramento. 

Capa do libro sobre arte grega

Pese a exercer fóra dela nunca esqueceu a Galicia e nas súas frecuentes visitas procuraba poñerse ao día das novidades. O certo é que colaborou con varias institucións e publicacións galegas e parte importante dos seus estudos interpreta o noroeste peninsular na Antigüidade e as manifestacións do mundo céltico, do que era experto. No entanto, unha faciana pouco reivindicada deste sabio é a de divulgador cultural en xornais e outros medios. Á memoria vénme o fantástico libro Ensayos gallegos editado en 2002 pola Deputación de Pontevedra onde se recollen colaboracións xornalísticas de toda clase e condición: arqueoloxía, etnografía, pintura, literatura..., artigos escritos con mestría e grandes dotes comunicativas. Mesmo chegou a colaborar na mítica colección poética Benito Soto xunto con Celso Emilio Ferreiro na obra Musa alemá, onde se verten ao galego quince poemas de autores xermánicos.

Antonio Blanco Freijeiro foi membro da Real Academia de la Historia e da de Bellas Artes de San Fernando, recoñecementos aos que agora temos que sumar o de Fillo Predilecto de Marín, de seguro unha bitola xusta e que lle enchería de orgullo.

Comentarios

Publicacións populares