DÚAS PUBLICACIÓNS SOBRE O PATRIMONIO DE DODRO

Mateo Fontán Couto

O Concello de Dodro vén de sacar por medio da súa Concellaría de Cultura e Patrimonio e tamén por mor da Deputación da Coruña, que asumiu a edición, dous pequenos libros que se ben non destacan polo fastoso da súa nacenza si que amosan un indubidable interese, ao tempo que serven de exemplo para os tempos difíciles que corren nos que aínda se pode –máis ben se debería– mirar pola divulgación do noso patrimonio, atesourado nos concellos, dende a propia Administración. Así pois quen teña que tomar nota que a tome.

O primeiro traballo ao que nos referiremos leva por título Patrimonio etnográfico do Concello de Dodro e foi realizado por Beatriz Pereira Magariños, arqueóloga de profesión. Basicamente consiste nunha catalogación dos hórreos, cruceiros, pombais e reloxos de sol ao longo deste concello. O choio estendeuse dende o ano 2009 até o 2011, unha angueira cuxos resultados custodia a Casa da Cultura de Dodro. Tal e como se di na introdución quíxose darlle visibilidade a través dun pequeno libro baseado nunha presentación que a autora realizara aló polo xaneiro de 2011.

O certo é que a publicación semella ser coma un powerpoint, pero impreso. Os datos amósanse de xeito directo, como enunciados sintéticos que acompañan ás fotografías. Incluso o formato cadrado do libriño parece imitar a pantalla dun ordenador.

No tocante ao contido, de marcado carácter didáctico, introdúcese ao lector mediante breves definicións de patrimonio cultural e patrimonio etnográfico para despois comezar coa catalogación propiamente dita. Os diferentes elementos patrimoniais (hórreos, cruceiros, etc.) están precedidos por uns apuntamentos moi sucintos onde se explica que son, como son e para que serven; ademais ofrécense características específicas deses bens no concello de Dodro. Entre as fotografías salpícanse datos estatísticos e outras consideracións que serven para completar o traballo de campo. A parte final do libro dedica unhas páxinas á protección do patrimonio cultural. Pecha a bibliografía.

A outra publicación titúlase Os xinetes de Bouza Badín. Arte rupestre no concello de Dodro. Nela reflíctese o traballo levado a cabo polo “Colectivo A Rula” sobre a estación arqueolóxica, composta por catorce paneis, denominada de Bouza Badín. Este conxunto de petróglifos ofrece gravados cunha tipoloxía xeométrica e naturalista: escenas de monta, círculos concéntricos con coviñas, representacións de animais, etc.

O libro leva unha presentación do concelleiro de Cultura e Patrimonio así como unhas poucas liñas a cargo de Manuel Lorenzo Baleirón sobre a etimoloxía da peneda de Bouza Badín. Tras un breve limiar que máis ben responde á localización da estación rupestre chega o groso do estudo que se compón, con poucas palabras, dos antecedentes e características da peneda granítica, as lendas e datos toponímicos que rodean ao conxunto arqueolóxico, a descrición dos catorce gravados e, finalmente, a súa interpretación (aventúrase un observatorio astronómico-calendárico). Inclúese tamén un anexo cun breve catálogo da arte rupestre do concello. O estudo vai graficamente ben complementado con fotografías, debuxos e  fotogrametrías dos petróglifos e da súa contorna. Deste xeito dáse a coñecer esta estación rupestre, a máis importante da comarca do Sar.

O colectivo encargado deste traballo volve mostrar a súa capacidade e bo facer na localización, pescuda e divulgación do noso patrimonio, sobre todo o rupestre. Isto dá que pensar nas posibilidades que os afeccionados ben formados e ben intencionados poden aportar no coñecemento e conserva do noso pasado. Non caendo en “intrusismos” nin disputas, senón buscando unha colaboración recíproca entre profesionais e diletantes que aporta máis vantaxes que inconvenientes, sen necesidade de barreiras legais e co contrastado modelo británico de exemplo no horizonte.

Por parte do goberno local a intención que se transmite é a de protexer e seguir dando a coñecer os tesouros ao aire libre que reúne Dodro. Os estudantes nas escolas teñen recibido o material cos resultados e as publicacións distribúense de forma gratuíta. Celebramos o feito e agardamos que se continúe por este camiño, humilde pero fecundo, e non se caía na tan común venda de fume.




Comentarios

Publicacións populares