NATIV@S Nº 2
Mateo Fontán Couto
Xa viu a luz o segundo número do fanzine cultural Nativ@s, que volta da man da banda compostelá Nin a Tiros, a cal fíxose responsable da edición desta iniciativa cunha tirada de 131 exemplares saídos do prelo grazas a un bo lote de mecenas que empurraron para que fose posible o volume. Desta volta o formato é un tanto máis miúdo ca no primeiro número pero igual de atractivo no contido e no continente. De feito, o primeiro que destaca é o coidado da edición e a portada sacada do cartaz soviético “Non poña en marcha o motor coas mans”, todo un acerto suxestivo. O libro foi impreso por Sacauntos Cooperativa Gráfica, na propia cidade de Santiago de Compostela.
Xan Santos ofrece unha selección de fotografías onde amosa o seu traballo como escultor a través de dez obras; nestas o alabastro é o material protagonista para encarnar espirais de mensaxes por descifrar ou experimentarmos as nosas propias suxestións.
Xurxo Esquío, xa con nome gañado no mundo da escrita e a música, aporta un conto por actos que deu en chamar “A Crisalida Urbána”. Efectista e moralizante, a súa lectura atrapa dende o primeiro momento. Dous ambientes clasicamente enfrontados como o urbano e o rural van a xuízo por medio dun personaxe incerto pero moi convincente nas súas impresións, que comparte co lector.
A seguinte colaboradora que atopamos neste segundo Nativ@s é Clara Mingyue que, como ben se indica na súa presentación, trae ás páxinas unha mostra de “haikus” fotográficos. Cada fotografía acompañada do seu pé ou título revela unha mestura de imaxes, especie de sinestesia e xogo combinativo.
Mateo Fontán, eu mesmo, colaboro cun poemario que titulei como Feixe. Trátase de XXII composicións, que tiven que desempoar polo paso do tempo, libres en esencia mais que procurei unir nun fato ou feixe de núa expresión lírica, sabor inxenuo e psique revolta pero non axitada en exceso.
Carolina Brea pecha o fanzine con seis escritos gráficos froito da súa propia experiencia e traxectoria artística. O resultado é unha mostra dunha ampla linguaxe visual e visceral a un tempo que renova o alento que existe e en nós, mais Carolina compárteo de xeito persoal, convidándonos a entrar...
O epílogo e o desexo dun novo número poñen fin a esta viaxe. Esperemos que así suceda pois ilusiona e gusta toparse con folgos tan cheos de verdade, en formato de fanzine. Xuntanza de ideas e xoves desexos de compartir e crear comunidade do noso. Parabéns a Nin a Tiros, meréceno.
(Foto: Nin a Tiros) |
Comentarios
Publicar un comentario