SAMBENITOS DE TUI... E MAIS DE BURGOS

Mateo Fontán Couto

Sabemos dos atractivos que a memorable cidade de Tui ofrécenos. Non é intención a de degrañar aquí algún recuncho histórico, artístico ou natural. Sabemos que a Tui fundada por Diómedes, rei de Etolia, fala con autoridade de capital de provincia histórica e atesoura unha personalidade tan conxénita coma o outeiro que a contén e tan versátil coma a raia que a separa do veciño portugués.

Coñecemos cousas desta terra dende a prehistoria; fogar dos Grovios na Idade do Ferro, foi romanizada; sé episcopal desde o século V e ceca de moedas no reino suevo; invadida por árabes e normandos; escenario de loitas fronteirizas; cidade desprazada; senlleiro porto fluvial custodiado pola graza e o lume de san Telmo; foco de resistencia franquista... moitas cousas foi e segue a ser Tui. Un poso venerable da súa historia quedou aprehendido no urbanismo deste tan belido lugar.

A comunidade xudía tamén deixou a súa pegada na cidade. Tui conserva vestixios exclusivos como a Casa de Salomón, o gravado da Menorah no claustro da catedral, os restos da sinagoga e outros varios elementos arquitectónicos integrados na cidade medieval. Mais sen dúbida un dos reclamos máis fortes deste lugar son os seus “sambenitos”, reflexos da terrible actividade da Santa Inquisición. 

Composto por dous faldróns a xeito de túnica, o sambenito semellaba un grande escapulario. Case sempre estaba feito de la e tiña estampada en vermello a cruz en forma de aspa do santo André. Tamén era habitual a representación de chamas, demos e outras alusións á condena. Pois o sambenito, aínda que en orixe era unha prenda para amosar o público arrepentimento, coa Inquisición adquire o simbolismo da acusación do tribunal cara alguén que se desviara da doutrina cristiá. A malfadada vestimenta era completada cun gorro cónico. 

O sambenito podía variar conforme leváseo un condenado a morte ou aquel reconciliado coa Igrexa. Mais a condena ía máis aló da posta do sambenito durante un tempo, pois se completaba colgando este na igrexa parroquial co nome do condenado en óleo negro en lembranza e estigma para el e a súa familia. Ante a degradación desta roupa reparábase ou substituía por outro novo, así durante séculos até a abolición da Inquisición en 1834.

Cadro de Goya Auto de Fe da Inquisición ca.1810
(Fonte: © Real Academia de Bellas Artes de San Fernando.)

Os sambenitos de Tui pasan por seren pezas únicas en toda España, polo menos así se constata en multitude de publicacións. Foron descubertos a comezos dos anos oitenta do pasado século por Rafael Sánchez Bargiela, quen traballaba na limpeza dunha sala do arquivo  catedralicio. Consérvanse catorce agrupados en cinco lenzos de lino. Pertenceron a trece mulleres e un home (das familias dos Coronel e Mercader) acusados de xudaizantes por Isabel Coronel, a cal tamén se acusou a si mesma. A historia do proceso, ben documentada, posúe un evidente valor histórico. Mais tamén  o coñecemento da historia detrás destas pezas pode revelar románticos episodios de amor como o acontecido en 1763 coa desaparición de dous sambenitos expostos na catedral tudense... animo ao lector a coñecelo.


Sambenitos de Tui  / (Fonte: galiciamaxica.eu)

Nunha recente visita a Tui atopei nunha das follas parroquiais que me levei do templo de San Bartolomeu de Rebordáns un interesante texto que falaba da existencia doutros sambenitos, sitos na localidade burgalesa –con metade de nome herculino– de Coruña del Conde. Pescudando un pouco constatei que alí, na igrexa de San Martín, estarían seis sambenitos en sanda competencia cos tudenses. As referencias que atopei non especifican demasiado pero, ao igual cós conservados no Museo Diocesano e na catedral de Tui, reflicten esa tétrica fascinación dos tempos dos Autos de Fe nos que o Santo Oficio exercía a súa represión.

Cómpre non esquecer que as cousas únicas poden correr o excitante perigo de non selo tanto. Sexa como for, os sambenitos e demais tesouros tudenses convidan á admiración unánime.

                      Dous Sambenitos de Coruña del Conde / (Fonte: https://dialnet.unirioja.es/)


Para saber máis:

- CASÁS OTERO, J.: Los “Sambenitos” del Museo Diocesano de Tui. Tui, 2004.

- MARTÍNEZ FERREIRA, J.: “Los Sambenitos de Tui: una historia de amor (I)”, [citado el 15-11-2020], dispoñible en https://labibliotecafantasma.es/chopsuey/archivos/10607 ; IDEM: “Los Sambenitos de Tui: una historia de amor (II)”, [citado el 15-11-2020], dispoñible en https://labibliotecafantasma.es/chopsuey/archivos/10717

- PERIBÁÑEZ OTERO, J.: “Conversos, herejes e Inquisición en la Ribera del Duero burgalesa en el siglo XVI”. Biblioteca: estudio e investigación, nº 27, 2012, pp.9-30.

- VILA, S.: Judios, conversos e Inquisición en Tui. Tui, 2013.

- "Sambenitos de Burgos". Parroquia de San Bartolomeu de Rebordáns – Tui, nº 191, setembro de 2020.

 

Folla parroquial de San Bartolomeu de Rebordáns

Comentarios

Publicacións populares