CUARTO MANUAL DO MUSEO DO POBO GALEGO
Mateo Fontán Couto
Na súa serie de Manuais o Museo do Pobo Galego ofrece ao lector a oportunidade de se achegar a aspectos concretos da cultura tradicional galega. O primeiro dos volumes publicouse en 1985 precisamente co título de Cultura popular, a cargo de X. R. Mariño. No 1991 Clodio González versou acerca das festas cíclicas do ano e vinte e sete anos despois saía o volume de José Cernadas sobre a cantería tradicional. O último número desta colección, o cuarto, vén da man de Francisco Calo Lourido levando por título: Vida e traballo no mar dos galegos.
O investigador, doutor en Xeografía e Historia, ten traballado principalmente en dous eidos: o da arqueoloxía e o da antropoloxía. No entanto, a erudición deste catedrático de Ensino Medio inclúe outros campos como pode ser, por citar un, o tema xacobeo. É autor dunha longa relación de artigos e dalgúns dos libros que hoxe en día xa se consideran “clásicos” na divulgación e pescuda do noso pasado, tal son A plástica da Cultura Castrexa Galego-Portuguesa (tema do que tratou a súa tese doutoral), A Cultura Castrexa ou Os Celtas (unha revisión dende Galicia). Como arqueólogo participou en varias campañas tanto en Galicia como en Asturias e Portugal, dirixindo intervencións no emblemático Castro de Baroña.
Na disciplina antropolóxica centrou os seus esforzos na cultura mariñeira, pois dela empapouse dende cativo. Escribiu e coordinou importantes publicacións. Amais, este autor mantén un vello vínculo co Museo do Pobo Galego no que actualmente exerce como membro do padroado. Noutra serie de monografías chamada Cadernos, así mesmo promovida pola institución, xa colaborara o escritor. Foi no seu primeiro número e tamén tería que ver co mundo mariñeiro, concretamente coas artes de pesca. Calo Lourido é, pois, un valor seguro á hora de tratar este tipo de materia.
A obra dá comezo coa presentación a cargo de Manuel Vilar Álvarez, director do MPG, e un limiar do autor. Concíbese como unha síntese na que se pretende ofrecer unha visión o máis ampla posible do condicionante do mar na cultura tradicional de Galicia. Para iso o autor estrutura o libro en catro grandes bloques que asemade están subdivididos en varios outros apartados: marco xeográfico, nacemento das comunidades de pescadores, fitos relevantes no mar galego e especificidade do mundo mariñeiro.
Cada un destes capítulos, insisto, contén moitos aspectos que dotan á obra do valor que un manual require. Polo tanto nas páxinas xorden asuntos como os morfolóxicos, os condicionantes naturais, o papel da Igrexa e a realeza, os preitos e ordenanzas, os instrumentos de pesca e as embarcacións, a conserva do peixe, os aparellos, as crenzas e un extenso etcétera. Deste xeito abránguese as principais leccións para obter unha documentada visión de conxunto.
Da lectura sácanse curiosos datos para nos construír ideas importantes á hora de entendermos vida e obra dos mariñeiros. Ideas intuídas como o papel relevante das rías ou a repercusión da chegada dos fomentadores cataláns, e outras non tanto como que as aldeas marítimas xorden do pobo rural ou a inexistencia da economía mixta nestas comunidades. Fálase do gótico mariñeiro; a actividade baleeira; das gamelas, trincados, vapores e tantas outras embarcacións; os aparellos; os tipo de casa mariñeira; os casamentos ou o papel da muller en todo isto.
O estilo é claramente didáctico mais rigoroso, traballo ben ilustrado con fotos a cor e debuxos. O lector, sen dúbida, sacará o proveito pretendido coa realización do libro. Agardamos xa o quinto volume destes Manuais.
Comentarios
Publicar un comentario