O RISCO ESTETA
Mateo
Fontán Couto
Se fixésemos un ranking de publicacións sobre persoeiros contemporáneos da nosa cultura a figura de Vicente Risco estaría situada, sen dúbida, nos primeiros postos da clasificación. Poida que Rosalía de Castro e Castelao disputen ese liderado, mais á zaga vai o grande erudito ourensán, seguramente acompañado do seu amigo Otero Pedrayo ou de Cunqueiro, na configuración dese podio. O certo é que a miúdo topámonos con algún artigo nos xornais que fai referencia a Risco ou ben conmemora algunha empresa na que tivo que ver, véxase estes últimos días con respecto ao centenario da revista Nós. A personalidade do mestre segue a ocupar charlas e debates, motivando mostras e proxectos.
E se isto ocorre en parte é debido, amais do interese e fascinación que esta figura segue a xerar nos investigadores, ao bo traballo da Fundación Vicente Risco que pasa por ser das máis dinámicas no mapa galego. Entre as moitas actividades que desenvolven está tamén a publicación, baixo o selo editorial de Dr. Alveiros, de textos relacionados con Galicia; e claro, varios deles fan referencia a Risco. De feito o último premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, aínda por publicarse, recaeu nun traballo de Felix Castro acerca do ocultismo na vida e na obra de Risco. Outrosí non fai tanto saía á luz Vicente Risco no xornal Euzkadi, onde se recollen as colaboracións do líder galeguista nesta cabeceira. Unha das responsables do devandito libro foi, xunto a dous compañeiros, Iria-Friné Rivera Vázquez, autora tamén da obra que anima estas liñas a cal está en pleno tour de presentación por diferentes vilas e cidades, refírome a A orixinalidade radica na orixe. O concepto de imaxe galega na estética de Vicente Risco.
Fotógrafa e licenciada en Historia da Arte, Iria-Friné
desprega neste ensaio un fondo coñecemento dese personaxe tan vital na procura
da identidade galega como foi Risco. A autora xa publicara algúns artigos sobre
aspectos estéticos no pensamento do polígrafo ourensán. O que fai co libro é
ampliar a visión, chegar a unha mirada que excede a persoal do pensador e levala
a todo un movemento político e cultural a través dun rosario de personaxes (Pondal,
Cabanillas, Díaz Baliño, Cebreiro, Manuel Antonio, Losada Diéguez, Castelao...)
que acompañan ao protagonista. A obra, pois, ten moito de coral e de contexto,
sobre todo do panorama artístico europeo da época e da resposta galega.
O ronsel
de ideas e o pensamento risquiá avanza polo libro a través do legado literario,
epistolar e tamén das conferencias pronunciadas que nos chegaron. Un amplo
material ben manexado pola autora do libro. Así, xorden as impresións estéticas
que levaron a Risco a converterse, talvez, no maior teórico do noso
comportamento artístico. Xorde o tema dos poetas mesiánicos, a idea dos
artistas como os mellores coñecedores da realidade, a defensa da individualidade, o concepto da arte fantasmagórica, a asimilación do celtismo como esencia
galega, o Graal, a sensibilidade como ferramenta de investigación, os tres
grados de contemplación, caricatura e humor... Todo un mundo, o da estética, edificado ao
longo dunha vida e distribuído por unha amplísima obra.
Mais no libro tamén ten cabida o ideal político e a conformación dos movementos galeguistas como complemento case que inseparable dos ideais estéticos e cultos. A creación da revista Nós e outras publicacións son testemuños disto. Os avatares da Irmandade Nazonalista Galega, da que Risco foi Conselleiro Supremo, son tratados con frecuencia na obra; tamén preocupacións do momento como por exemplo a reivindicación da muller. O traballo amosa no seu epílogo a influencia do Risco esteta até a súa morte a través dos artigos e conferencias que segue a pronunciar. O libro ten prólogo de Felipe Senén e, no final, unha parte antolóxica de escritos e poemas de varios autores que apoian ao texto principal, así como unha coidada selección de fotografías e ilustracións.
Comentarios
Publicar un comentario