A FIGURA DA FAMA NA PRAZA DO PEIRAO
Mateo Fontán Couto
Para saber máis:
Pontevedra posúe fermosas fontes que engalanan a
cidade e falan do seu devir histórico e artístico. Sen dúbida, a
máis famosa delas é a da Ferrería sita na
veciña praza de
Ourense. Esta é a fonte que «dá de beber a quen pasa» tal
e como reza a copla. Trátase dun manancial renacentista a imitación
dos chafarís portugueses
e cuxa historia está chea de avatares. Foi erguida no século XVI,
restaurada no XVIII, derrubada no XIX e reedificada en 1928.
A fonte da praza do Peirao
(Foto: Mateo Fontán)
(Foto: Mateo Fontán)
En orixe a fonte foi redonda con
tres cuncas, de belida factura e
cunha interesante simboloxía outorgada polos escudos e emblemas
que posúe. Ergueuse na parte sur da
Ferrería como obra municipal e grazas a unha cédula de Carlos V
concedida en 1537. Foi obra concibida por Joao Lopes o
Velho,
a imitación das que se atopaban nas cidades de Caminha e Viana do
Castelo, aínda
que ao longo do tempo
intervirán outros mestres, como Domingos Fernandes, na súa feitura.
A fonte foi gabada dende
moi cedo deixándonos impresións dela Ambrosio Morales ou frei
Martín
Sarmiento.
Chegado o século XVIII acométense
reformas tanto na
contorna como
na propia fonte. É agora cando se encarga
a Pedro de Moldes a elaboración dunha
figura que representase á Fama para o remate da fonte, xa que este
estaba roto. O encargo tiña un mes de prazo e estaría feito
en pedra de cantería fina, cunha vara
de tamaño e mais unha peaña de base. Ao
latoeiro
Francisco Gilarde encargóuselle, entre outras cousas, unha trompeta
de cobre de media vara
de longo para
completar a alegoría da Fama. Corría o Nadal
de 1788. A reforma da fonte da Ferrería estará marcada por varios
incidentes e preitos ata 1790. A inicial obra renacentista xa non era
a mesma tralas acometidas de repintes, repiques, instalación de
barreiras e con engadidos como outro pío e a figura da Fama.
Debuxo
conxectural de Alcoverro no que vemos á Fama coroando a fonte da
Ferrería
Á fonte aínda lle quedaban
cousas por vivir, pasando polo seu
desmantelamento en 1857 e a súa posterior
reconstrución en 1928 a expensas da Sociedade Arqueolóxica de
Pontevedra, a cal
conservou a maioría das pezas e acometeu amorosamente o seu novo
levantamento no actual sitio após a supervisión e traballo de
figuras como Casto
Sampedro, Castelao ou o arquitecto Salgado. Nesta reconstrución
deixouse de colocar, xunto outras poucas
pezas, a figura da Fama de
Pedro de Moldes. En decembro de 2010 a
fonte someteríase a unha restauración integral.
Aquí damos un chimpo
ata a praza do Peirao que foi onde foi parar
a imaxe da Fama en 1928
para coroar outra
fonte que alí se atopa. Esta é obra de
Alejandro Rodríguez Sesmero –ao
que tantas construcións
emblemáticas debemos na nosa cidade–
de 1876,
adxudicada ao contratista José Barcia y Barcia por 1.245 pesetas.
Ademais da figura da Fama engadiuse á fonte unha cunca tamén
procedente do chafarís
da Ferrería que tampouco se utilizara
na reconstrución. Adquiriría desta maneira a fonte da praza do
Peirao un aspecto de gusto barroco, trocando a traza orixinal que
Sesmero ideara e
que se conserva
no Arquivo Histórico Provincial.
Unha antiga fotografía da praza do Peirao
Anverso e reverso da Fama
(Fotos: Mateo Fontán)
Alí, pois, foi parar esta antiga
alegoría, personificación
dos rumores –sexan
certos ou non–
e da fama. Está sen a trompeta que a
caracteriza pero facendo o ademán de tocala. Viste
capa e coiraza e leva guedellas,
no entanto carece das ás que a identifican noutras representacións;
será para que non fuxa?
Fama volat
dicía Publio Virxilio Marón.
Para saber máis:
- BENITO GARCÍA, J.:
Habladme piedras. Alfil, Pontevedra,
2013.
- FILGUEIRA VALVERDE, X.: «A
fonte da Ferrería de Pontevedra». Arquivos do Seminario de Estudos Galegos
– VI, 1933.
- JUEGA PUIG, J.: «La fuente de la
plazuela del Muelle». Revista da Asociación de
Veciños San Roque, nº
4, 2002.
- SOTELO
RESURRECCIÓN, E. (Coord.): Ferraría. Concello de Pontevedra,
2014.
Excelente artículo. Muchas gracias.
ResponderEliminarMuchas gracias Tomás
Eliminar