AQUELA «NAO» QUE SAÍA POLO CORPUS...

Mateo Fontán Couto

Durante moito tempo Pontevedra foi unha cidade de Corpus, xa que esta festividade relixiosa era unha das máis características e de maior relevancia na cidade. Frei Martín Sarmiento deixou escrito que a súa primeira lembranza foi a dos xigantes que saían nesta procesión; o Padre Amoedo no seu Carmem Patrium sive Pontevedra rememora, nostálxico dende o exilio, o festexo na cidade do Lérez. Co tempo, esta celebración foi obxecto de comentario e estudo por escritores e investigadores tales como Xoán Manuel Pintos, Casto Sampedro, Casal y Lois, Filgueira Valverde, Sánchez Cantón, Javier Pintos, etc. A revista Nodales, unha das publicacións vivas senlleiras da cidade, continua a editarse cada dous anos auspiciada polo Gremio de Mareantes. Nela, son moitos os traballos dedicados ao Corpus pontevedrés.

Porén, nestes tempos algunhas tradicións redescóbrense para sobrevivir e outras simplemente van esmorecendo. Dende cativo levo oíndo iso de que o Corpus de Pontevedra vai a menos, que se atopa en decadencia, que non é o que era... Puiden comprobar como, co paso dos anos, a cousa era certa e que cada vez o Corpus ía perdendo elementos, afluencia, senso... «Culpa» de toda unha cidade que non vela polo seu patrimonio e as súas tradicións que van máis aló da relixiosidade, xa que son unha mostra e un testemuño do propio ser e actuar dunha poboación.

Nas antigas celebracións do Corpus en Pontevedra, cuxo orixe pode situarse no século XV, abría a comitiva a monstruosa Coca e tras ela ía unha «nao» movida por rodas que durante o ano gardaba desmantelada nunha bodega o Gremio de Mareantes. Para algúns estudosos o barco simbolizaba a toma de Sevilla por Paio Gómez Chariño, para outros trataríase dunha alegoría da Igrexa Católica. Tamén se ten observado que puido ser a perduración dun carrus navalis clásico, precedente das carrozas do Entroido.

Na véspera da procesión, tras ser engalanada nos días anteriores, a embarcación facía un percorrido semellante ao do día de Corpus. A nave, tirada por un céntulo, levaba piloto e tripulantes –todos da Moureira– que lanzaban salvas dende pequenos morteiros e recitaban as retranqueiras «vayas» durante o percorrido. Estes romances satíricos repetiríanse no propio día da procesión cara os gremios concorrentes á mesma. Supoñía isto unha nota de humor e orixinalidade. As burlas non se detiñan nos gremios senón que tamén ían dirixidas ao propio barco e aos seus tripulantes ou ás damas que alí se atopasen. O Gremio de Mareantes fíxose cargo da «nao» ata 1783. O Concello a recuperaría a mediados do XIX e a utilizaría, ademais do Corpus, noutras festas como a da Peregrina ou na recepción da visita a Pontevedra dos duques de Montpensier en 1852, ao parecer a derradeira data en que se viu polas rúas –tirada por bois– a esta nave.

Grabado de Osterberger representando a visita en 1852 dos Duques de Montpensier
                                    (Fonte: http://www.teatroengalicia.es/pontevedra.htm).

En 1949 sairía na procesión unha maqueta da nao Marigalante (frecuentemente confundida coa "Gallega") conservada no Museo Provincial. Funcionaría agora como exvoto ao mesmo tempo que de lembranza da antiga barcaza. Portárona mariñeiros da Escola Naval ata 2009; o último ano que saíu foi en 2011 levada por voluntarios, tamén chegou a saír aos ombreiros de membros de Protección Civil. A pequena reprodución de La Gallega ía diante dos santos gremiais e formaba unha das imaxes máis características da celebración do Corpus recente na cidade.

A «nao» en 2011, derradeiro ano no que saíu en procesión

Pero xunto coa nao, o paso do tempo foi suprimindo varios aspectos que conformaban o Corpus pontevedrés: os xigantes, os choqueiros ou céntulos, as danzas gremiais, as penlas, os autos sacramentais, a Coca ou Tarasca... Noutras rexións próximas como Redondela perduran algúns destes interesantes elementos, e o seu Corpus actúa de referente cultural e turístico, alén do relixioso. Das dezaseis imaxes gremiais de santos, santas e representacións alegóricas que saían en orixe por Pontevedra concorren na actualidade menos da metade. As fermosas alfombras florais perden metros, os altares efémeros nas prazas apenas se levantan.

Depende de nós o querer conservar unha tradición tan arraigada na cidade durante tanto tempo, e tamén outras ligadas como a procesión do Chucurruchú. Institucións políticas, Igrexa, confrarías, agrupacións relixiosas e culturais farían ben en tratar de darlle pulo á cidade cando chega o día de Corpus; tradición e novas iniciativas poden converxer nun festexo que de sempre estivo marcado no calendario dos pontevedreses. Que non chegue ese día no que a semellanza do pequeno Ramonete, personaxe dun dos belidos contos de Gabriel Miró, preguntémonos: «¿Qué será Corpus?».

 A Procesión de Corpus agardando para saír en 2013
   Foto: Mateo Fontán Couto

                                       
Fontes:

- FILGUEIRA VALVERDE, J.: «El Corpus viejo en Pontevedra», El Museo de Pontevedra, nº XXIX, 1975, pp. 260-391.

- LÓPEZ DE SOTO, X.: O Corpus en Pontevedra, Casal de Edicións, Pontevedra, 1995.

- Revista Nodales(nos seus números esta publicación recolle moitos traballos con respecto ao Corpus de Pontevedra).




      maqueta da nao Marigalante no Corpus
              Fonte: www.farodevigo.eswww.lavozdegalicia.es
                                
                        
Mariñeiros da Escola Naval portando a «nao»
                     Fonte: www.farodevigo.eswww.lavozdegalicia.es)
                              

Maqueta da nao no Museo de Pontevedra
Fonte: https://atopo.depo.gal/Record/bib.149884


Comentarios

Publicacións populares