UNHA LECTURA PARA DESPOIS DO ENTROIDO

Mateo Fontán Couto

Pasado o tempo da máscara, cando as chocas calan e o eco da troula esmorece no aire frío do final do inverno, chega o momento da pregunta: que significaba todo aquilo? Que permanece cando remata a transgresión e cada quen regresa ao seu lugar habitual? A Boreada das Mázcaras. Estudo histórico e antropolóxico dos Entroidos tradicionais de Xermade sitúase xustamente nese territorio da reflexión pausada, onde a festa deixa de ser espectáculo para se converter en materia de coñecemento.

Nado en Vigo en 1971, Rafael Quintía Pereira é deses nomes que levan anos a traballar, con teimosía e método, na cartografía invisible de Galicia, feita das crenzas, os mitos, os ritos e as palabras herdadas. Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e en Ciencias Económicas, a súa traxectoria combina a análise rigorosa coa paixón pola cultura viva, esa que latexa nas aldeas, nos santuarios, nos entroidos e nas historias contadas ao abeiro da lareira. No seu percorrido percíbese unha vontade constante de escoitar o territorio.

No ámbito profesional desenvolve o seu labor en AB ORIGINE. Antropoloxía, Produción e Xestión Cultural SLL, da que é socio fundador, e exerce tamén como profesor-titor na Universidade Nacional de Educación a Distancia, onde imparte materias de antropoloxía e ciencias sociais. Con todo, o seu traballo non fica nos despachos nin nas aulas xa que percorre parroquias, conversa coa xente maior, guía roteiros ou recompila testemuños. Na súa maneira de entender o oficio hai tanto de estudo como de presenza.

Impulsor da Sociedade Antropolóxica Galega e vencellado á Asociación Galega de Antropoloxía, Quintía foi construíndo un corpus sólido arredor da mitoloxía e do patrimonio inmaterial galego. Obras como Mariña. De deusa a santa —Premio Ramón Piñeiro de Ensaio— ou os seus estudos sobre a moura, os amuletos e o Entroido, revelan unha liña de traballo coherente dirixida a comprender Galicia dende dentro e fóra dela, con ferramentas científicas e sen caer nin no folclorismo nin na idealización acrítica.

Publicado en 2024 por Ab Origine Edicións, o estudo foi recoñecido co Premio de Investigación Xermade na Historia 2019. Trátase dunha análise minuciosa ao Entroido no Concello de Xermade, na Terra Chá. A obra dá comezo cunha introdución metodolóxica clara na que se explican o tipo de investigación, o ámbito xeográfico e os obxectivos perseguidos. Dende aí, o autor contextualiza o Entroido como rito: derradeira mascarada do ciclo da invernía, tempo de inversión simbólica que clausura o inverno e anuncia a primavera.

A partir do cuarto capítulo mergullámos de cheo nos entroidos xermadeses cunha estrutura sólida e unha visión totalizadora do fenómeno: días de celebración, fases e ritos, personaxes, análise das máscaras, diferenzas e semellanzas entre parroquias. Examínanse os bandos —incluíndo o número de persoas que os compuñan— e os seus percorridos, así como a riqueza dunha ritualística variada que convertía a festa nun “feito social total”.

Especial interese espertoume a descrición dos elementos sonoros —cornos, palletas, chocas, buguinas— que configuraban unha paisaxe acústica propia e inconfundible. Tampouco se esquece o impacto das máscaras nos cativos, para quen podían resultar tan fascinantes como intimidatorias, reforzando así a súa dimensión simbólica.

A lectura depara episodios sorprendentes, como o rito de inversión consistente en impor unha cabeza de besta na parroquia de Roupar, práctica que, segundo os datos coñecidos, semella única en Galicia. Xunto a iso, aparecen as trasnadas características destas datas, como a simulación dos suculentos feixóns —produto estrela do Entroido de Xermade— con trapos para enganar os incautos. Detállase tamén a gastronomía asociada á festa e as relacións cos entroidos limítrofes da Terra Chá.

Con razón pode afirmarse que o Entroido de Xermade constituía “un Entroido de manual”, ao reunir todos os elementos definitorios dos entroidos rurais tradicionais. Porén, a comezos da década de 1980 produciuse o seu progresivo esmorecemento, no contexto das transformacións sociais do rural galego. O autor analiza este proceso sen caer na nostalxia e deixa aberta a posibilidade dunha recuperación futura consciente e respectuosa cos seus elementos máis característicos.

O volume complétase cun epílogo esperanzado, un útil dicionario de termos vinculados á celebración, bibliografía e entrañables agradecementos aos informantes e vellos poboadores. Nese recoñecemento final latexa a conciencia de que toda obra sobre patrimonio inmaterial é, en última instancia, un traballo colectivo.

Redactado nun galego coidado e fluído, A Boreada das Mázcaras confirma a madurez dun investigador que combina rigor metodolóxico e sensibilidade interpretativa. Estamos ante unha obra de referencia para quen desexe comprender non só o Entroido de Xermade, senón a fondura simbólica da que probablemente sexa a celebración ritual máis fascinante e de maior valor antropolóxico do noso calendario tradicional.



Comentarios

Publicacións populares