Xesús Alonso Montero: a dignidade feita discurso
Mateo Fontán Couto
Na heteroxenea xeografía literaria da nosa terra destaca a figura de Xesús Alonso Montero, home de verbo fermoso e alma fiel á súa xente. Como aquelas árbores que se aferran á terra coas súas raíces profundas, Alonso Montero foi un destes homes que sabía que a súa forza deriva na do pobo e na sabedoría que, sen présa pero con seguridade, chega de xeración en xeración.
A súa vida é un testemuño daquelas vidas que se entregan á terra sen desmaiar, ao xeito do obreiro do campo que, co rostro marcado polo sol, ve no traballo un acto de honra. Alonso Montero, á súa maneira, traballou por Galicia desde os máis profundos recunchos do seu corazón, sempre co obxectivo de deixar unha pegada que, lonxe da gloria momentánea, perdurase na memoria colectiva da súa terra.
Dentro da súa inxente obra escrita, Xesús Alonso Montero xogou un papel central na reflexión sobre a literatura galega e a súa relación coa lingua e a sociedade. Nos seus estudos sociolingüísticos, como O porvir da lingua galega (1968) e Informe –dramático– sobre la lingua galega (1973), analizou con rigor as tensións derivadas da diglosia e a falta de normalización do galego, sinalando como estas circunstancias afectaban á creación literaria e á difusión da cultura escrita. A súa obra crítica non se limita á linguaxe, senón que sitúa a literatura nun contexto histórico e social amplo, examinando como a identidade e a lingua conforman o valor e o impacto das obras. Grazas a este enfoque, Alonso Montero contribuíu decisivamente a comprender a literatura galega como un fenómeno que, á vez que artístico, é tamén social e político, e sentou as bases para estudos posteriores sobre a intersección entre lingua, cultura e literatura en Galicia.
Foise un mestre para todos e un referente absoluto. Un grande que lembro gabarme no meu primeiro artigo, aquel texto inocente e cheo de grallas que eu entregara con máis ilusión ca tino. Aquel eloxio seu, xeneroso e sincero, foi para min unha lección de humanidade antes ca de filoloxía.
Facíame notar —con esa ironía fina que lle era propia— que Mateo era un labrego que saía nas Cantigas de Afonso X, e non aquilo que todos repetían do Mestre románico ou do Evanxelista. Había nesa precisión algo máis ca erudición; había unha maneira de mirar o mundo dende abaixo, dende a terra, dende o pobo. El ensinábanos que a verdade cultural de Galicia estaba moitas veces no sulco e non no mármore.
Home comprometido e íntegro, nunca dobregou a palabra nin o pensamento. A súa coherencia era daquelas que non precisan proclamas, porque se sosteñen soas no tempo. E cando falaba, a súa voz non era só discurso: era chamada, era conciencia, era memoria. Orador único, capaz de encher unha sala non só coa súa presenza, senón coa densidade moral das súas conviccións.
E se houbo quen fixo da cultura galega un exercicio de salón, el fixo dela un acto de responsabilidade. Non escribía para afastarse do pobo, senón para devolvelo á súa dignidade. Non falaba para brillar, senón para iluminar.
Por isto, a súa figura permanece. Como esas pedras antigas das nosas igrexas aldeás, que levan séculos resistindo vento e chuvia, así el queda na nosa memoria: firme, necesario, exemplar. Alonso Montero non é só un nome na historia cultural de Galicia; é unha conciencia que nos acompaña e nos esixe estar á altura do que herdamos.



Comentarios
Publicar un comentario