CONCEPCIÓN ARENAL: UNHA VIDA PARA DIVULGAR
Mateo Fontán Couto
Fonte:
www.elespanol.com
O 31
de xaneiro de 1820 nacía, na cidade de Ferrol, Concepción Arenal Ponte. Pasa a
infancia na Coruña; outras localidades como Tudanca, Armaño ou Potes, todas en Cantabria, terán
importancia durante a súa vida; tamén as cidades de Madrid, Gijón e Vigo onde
pasa a derradeira etapa ata a súa morte. Atopámonos nos anos seguintes á Guerra
da Independencia, nunha España que volve abrazar ao Antigo Réxime, encarnado na
figura de Fernando VII. Naquela época as ideas liberais comezaban a agromar na
sociedade, aínda que de xeito restrinxido e moi paulatinamente. A maioría da
poboación vivía allea á política, polo que o liberalismo fráguase entre a
burguesía e as elites culturais.
O pai
de Concepción, Ángel del Arenal, destacara pola súa oposición ao rei e ao
réxime monárquico. Mais a tenra idade dos nove anos Concepción perde a seu pai.
As tempadas que a causa da súa rebeldía pasou no cárcere podería ser a orixe da
enfermidade que finalmente o matou; este feito, resultou fundamental no
pensamento de Concepción Arenal acerca
da reinserción. Pensemos que foi ela quen creou o sistema de visitas ao preso,
considerando estas visitas, ademais de humanamente necesarias, imprescindibles
para o proceso de rehabilitación do reo. Frase súa é: «Odia el delito y compadece al delincuente».
Cando
morre o seu pai trasládase a Cantabria coa familia. A súa nai inculcaralle unha
forte educación relixiosa. Con catorce anos vaise a Madrid xunto a seu tío
materno Antonio Tenreiro, segundo Conde de Vigo, o cal fortalece a doutrina
cristiá de Concepción pero tamén lle facilita lecturas diversas e permítelle
acudir a reunións culturais. A nai, coa filla en Madrid, desexa que estude nun
colexio para señoritas distinguidas; isto non gusta a Concepción, xa inclinada
cara a avogacía e os ideais do seu pai. Así que despois dos estudos escolares
continua formándose por conta propia, rexeitando o tipo de vida reservada á
muller da época o que puido crear disensións coa súa nai. Con vinte e un anos,
e tras a morte da nai, decide estudar na Universidade.
Na
época as mulleres no podían acudir á Universidade. Ante esta imposibilidade, Concepción
acude como oínte e vese obrigada a vestir de home na facultade de dereito da
entonces Universidad Central de Madrid, hoxe en día Complutense. Concepción Arenal foi a primeira universitaria da nosa
historia. Hasta fai non moito existía un monumento seu preto da Universidade
onde se representaba simulando ser un home, con maletín e pelo curto. Pese a
non poder matricularse, sempre se recorda a súa condición de avogada ademais da
de socióloga e escritora.
Durante
estes anos coñecerá ao que sería o seu marido: Fernando García Carrasco, tamén
avogado e escritor. Era un home respectado e con ideas liberais. Ambos
participarán na elaboración en 1854 dunha revista chamada La Iberia onde Concepción escribe algúns artigos con pseudónimo. Do
matrimonio nacerían tres fillos, pero en
1857 Fernando morre a causa da tuberculose o que suporía un golpe moi duro para
a súa dona, Concepción.
Ao
non poder seguir vivindo en Madrid trasládase a Colloto, en Oviedo, xunto aos
seus sogros. Pouco tempo despois irase cos seus fillos a Potes. Foi entonces
cando escribiu algunhas obras que presentará a concursos literarios como La fórmula más bella del progreso es la de
la perfección moral, a cal asina con pseudónimo masculino, volvéndose a
converter en home.
En
1859 funda, animada polo seu amigo o músico Jesús de Monasterio, a rama
feminina das Conferencias de San Vicente Paúl. Este colectivo partía da
diferenza de concepto que para eles significaban os termos caridade,
beneficencia e filantropía: «La benificencia manda al enfermo a una camilla, la
filantropía se acerca a él y la caridad le da la mano», escribiu Concepción. O
obxectivo era concienciar e chegar a crear grupos de persoas con vontade para
adoptar a pobres e enfermos, tentando de resolver as súas necesidades na
procura dunha recuperación social destas persoas. Nun ano formáronse máis de setenta grupos, pero en 1868 o goberno provisional da República suprime as Conferencias
de San Vicente Paúl. As protestas de Concepción farán que se restablezan.
Concepción
foi unha gran defensora dos denominados desherdados sociais: pobres, enfermos e
tamén presos aos que consideraba vítimas da súa situación económica e social.
Traballou en mecanismos para o fomento da solidariedade, reclamando a
colaboración do Estado e mais da Igrexa. Está considerada como unha pioneira do
feminismo a causa da súa loita polos dereitos da muller, para a que reclamaba
maior influencia na esfera social e relixiosa. En 1869 funda o Ateneo Artístico
e Literario de Señoras coa axuda de Fernando de Castro, un filósofo e teólogo
comprometido co desenrolo social. En 1870 funda a revista La voz de la caridad, aquí postula a favor do krausismo (corrente
que defendía a tolerancia académica e a liberdade de cátedra) e propón ideas
para o sistema penal que influirían nas reformas de prisións en Inglaterra.
A súa
abundante obra inclúe fábulas, teatro e incluso unha zarzuela. Na Voz de la Caridad publica un serial de
enorme relevancia e con certo resaibo marxista titulado «Cartas a un obrero».
Con Juicio crítico de las obras de Feijoo
gañaría outro premio literario.
En
1875 vive en Gijón pero sempre mantén o contacto con Galicia. A súa vida, nada
doada por momentos, da testemuño da forza de Concepción. Recorda con tristura
ao marido e sufrirá a morte da súa filla Concepción. Tras a morte doutro fillo,
en 1888 instálase en Vigo onde morrería un 4 de febreiro de 1893.
Para Concepción Arenal a sociedade
tiña a chave para loitar contra a exclusión. É
autora de frases brillantísimas que sintetizan a súa obra, que é o mesmo
que dicir a súa loita. Abundantes estudos –faltan moitos aínda– dan conta da
vida e obra de Concepción, a RAH dedícalle unha das fichas biográficas máis
longas entre as das mulleres e os personaxes galegos. Unha muller de carácter,
crinte pero heterodoxa, moderna, de enorme valía intelectual e vasto coñecemento
científico; cunha obra pioneira, influente e indispensable no avance dos
dereitos sociais desde o humanismo liberal. Seu epitafio faille xustiza: «A la
virtud, a una vida y a la ciencia».
Fonte: www.filosofia.org
Comentarios
Publicar un comentario