PERSONAXES DE QUIOSCO
Moitos din que as mellores lembranzas son as da infancia: melosa vivencia onde as preocupacións nin acadaban a categoría de tal. Durante a infancia as lambetadas xogan un papel moi, moi importante; son os pícaros verdadeiros gourmets do doce e o peperete. Ninguén como eles para dar valor a ese mundo único que representa o sitio, tenda ou quiosco onde se venden as prezadas lambonadas e outros artigos da nenez.
Nunha ecuación onde conflúan infancia, lambonadas e a cidade de Pontevedra non sería estraño que a incógnita se despexase na praza da Ferrería; máis en concreto nos seus dous quioscos, que continúan hoxe en día a despachar, e que durante moitos anos gobernaron, ao xeito de dous capitáns de barco, María a do Carrillo e Gelucho.
María Luísa Olañeta Barros, para sempre coñecida como Maria a do Carrillo, foi para varias xeracións unha icona de muller traballadora. Seu pai era vasco e a súa nai natural de Pontevedra. Comezou a vender nun carro feito en madeira que lle permitía transportar a mercancía e que ao parecer gardaba no emblemático Gran Garaxe. En realidade posuíu tres carros: o primeiro regaloullo a un vello indixente, o segundo era tapado e o derradeiro foi o máis duradeiro e coñecido polos pontevedreses. Sería a comezos dos oitenta do pasado século cando se instalou no quiosco metálico que hoxe aínda podemos ver na emblemática praza da Ferrería e que, segundo ela mesma declarou nunha antiga entrevista dada a Curro Volta para o Diario de Pontevedra, fíxollo un señor de Portonovo. Aqueles que fomos clientes de María recordámola cun carácter forte, aínda que tamén sabía ser agarimosa cando quería.
A quiosqueira vendía de todo: pipas, xoguetes, millo para pombas, bolsas sorpresa, caramelos e demais lambonadas. Tamén foi provedora doutro tipo de produtos máis enfocados ao despertar da puberdade e a madurez como os cigarros soltos ou mesmo os primeiros preservativos, que daquela aínda eran produto tabú e, seguindo as fontes, había que adquirilos cos pseudónimos de “chuvasqueiros”ou “calcetíns de viaxe”. Tras sesenta e tres anos despachando morre en 1995, cando xa levaba uns poucos xubilada. María estivo casada cun boxeador mexicano co que tivo dúas fillas xemelgas. Unha delas fíxose monxa e a outra daríalle quince netos. Tras quedar viúva volvería casar. O cemiterio de Santo Amaro garda os restos mortais deste referente para tantas xeracións de pontevedreses. Houbo intentos de poñer a unha rúa o seu nome; unha pequena descrición dela atopámola na estupenda web www.dogrisaovileta.gal, dedicada á historia das mulleres no concello de Pontevedra.
Celestino Puga naceu en Pontevedra o 17 de setembro de 1933. De familia moi humilde chegaría a realizar, sen rematalos, estudos de Filosofía e Humanidades. Sobre os anos setenta instálase na Ferrería nun quiosco. Coñeciámolo como Gelucho, aínda que tamén había quen con mala idea referíase a el como o Chepas, pola xiba e o aspecto maltreito do seu corpo como consecuencia dunha lesión na columna vertebral que o tivera paralítico durante cinco anos cando novo. Este Pontevedrés de A Piolla, era unha persoa amable e próxima cos nenos, moitos acudían a el fuxindo do mal carácter de María. Segundo puiden saber, grazas a información de José Fernando González Agra, formaba cuadrilla no bar Pajariño –que despois sería El Coralín,– e chamábano Marriños. A xente lémbrano moi espelido e con grandes dotes de orador. Xa de neno mostrou un grande interese pola poesía; compoñía poemas para as Festas Florais do primeiro de maio onde acadou premios durante anos. Xuntando versos chegaría a publicar varios poemarios.
Meu pai trouxo un día a casa un destes libros de poemas de Celestino Puga que mercara no rastro dos domingos. Fíxome ilusión e deseguido comecei a lelo. Leva por título Choros e recolle composicións entre os anos 1948 a 1978. A portada do libro é moi inxenua, con bágoas caendo do título da obra e sobre a silueta dunha tumba, o fondo é rosáceo. Leva unha pequena descrición biográfica e crítica do poeta Alfonso Meijueiro Rodríguez así como un breve prólogo do propio autor. Nunha páxina sinálase a axuda da Caixa de Aforros Municipal de Vigo para a súa publicación.
Lendo Choros un decátase da melancolía que o autor verte nas súas composicións a través de temas como a dor, a angustia vital ou o intimismo. A relixiosidade mediante un persoal cristianismo xoga así mesmo un papel importante no libro. Tamén é recorrente na poesía de Gelucho a denuncia social e a reivindicación da xente do común, así como o canto a Galicia e ao seu rico patrimonio.
Das súas influencias el mesmo destaca a de Rosalía de Castro. Segue formulas plenamente clásicas, Celestino Puga síntese cómodo nas estrofas de catro versos onde a rima consoante, a máis predominante, alterna nos versos pares. Característico é o retrouso que emprega no comezo de cada estrofa. No tocante á linguaxe o libro denota un galego falado, particular, fuxidío de canóns ortográficos. Unha lingua que se sente persoal e compártese co lector. Outros títulos de libros deste quiosqueiro poeta que puiden rescatar serían Vivencias, Senderos, ou Esencia de musa, este último con ilustracións de Lubiáns
Velaquí dous esbozos de dúas vidas importantes na intrahistoria pontevedresa. Ás veces acórdome de Maria a do Carrillo e mais do amigo Gelucho; como se levarían entre eles?, cales eran as súas afeccións e inquedanzas? Véxome de neno, bulideiro e preocupado en adquirir as doces viandas, sen tempo para leria. Hoxe dedicaría algún minuto máis en coñecer a quen xa forman parte da miña memoria da infancia.
Gelucho / Foto: Miguel Riopa / Diario de Pontevedra. |
Comentarios
Publicar un comentario