LA CASA DE LA TROYA EN PONTEVEDRA

Mateo Fontán Couto

Alejandro Pérez Lugín (Madrid 1870 - A Coruña 1926) destacou pola súa faceta de novelista e xornalista. A súa nai era prima irmá de Rosalía de Castro, el mesmo estudou Dereito en Compostela e sempre foi admirador do país galego. Apois, dentro da súa produción, Galicia está moi presente. Nesta terra ambientou títulos como Arminda Moscoso ou o conxunto de contos La corredoira y la rúa. Pero a súa novela máis louvada sería a primeira, que escribiu en 1915: La casa de la Troya.

Este relato desenvolto en Santiago de Compostela que pregoa vicios e virtudes da vida estudantil, ademais dunha engaiolante historia de amor, supuxo un rotundo éxito que moi cedo transcendeu á escrita para adaptarse en 1919 ao teatro por Linares Rivas. Tamén foi obxecto de varias versións cinematográficas; a primeira delas en 1925 dirixida polo propio Lugín. No entanto, a máis coñecida e de maior éxito foi a de 1959 dirixida por Rafael Gil, sendo os protagonistas Arturo Fernández, como Gerardo Roquer, e Ana Esmeralda dando vida a Carmiña.

Recórdome de neno vendo unha morea de veces a película, dobrada ao galego, que tiñamos na casa gravada en VHS; cando anos despois lin a novela xa me era imposible poñerlle outros rostros e outras voces aos carismáticos Gerardo, Barcala, Augusto, Madeira, e demais “troianos”. Frescas na memoria aínda teño escenas memorables como a de Carmiña interpretando, mentres aloumiña o piano, a famosa Cántiga de Curros Enríquez, primeira composición en galego do de Celanova: «No xardín unha noite sentada / ó refrexo do branco luar / unha nena choraba sin trégolas / os desdéns dun ingrato galán...».

Do triunfo cultivado por esta novela da boa conta as máis de cen edicións que dela levan facendo, sendo a terceira obra máis editada en lingua española. Foi ademais premiada pola Real Academia de la Lengua Española en 1916. Porén, o libro estivo envolto nunha soada polémica cando a súa autoría estivo en dúbida. A controversia bautizouna un xornalista chamado José Signo cando publica un artigo no xornal La Concordia de Vigo e di que o verdadeiro autor de La casa de la Troya é o tudense Camilo Bargiela, finado anos antes.

O caso chegou aos tribunais onde José Signo, defendido por Valentín Paz Andrade, foi condenado por inxurias. A raíz disto publicouse un opúsculo en 1925 que hoxe en día supón unha interesante nota bibliográfica ou, canto menos, unha curiosidade literaria. Trátase do informe ante a Audiencia de Pontevedra na vista celebrada o 27 de agosto de 1924 presentado por Prudencio Landín Tobío, avogado de Alejandro Pérez Lugín e soado pontevedrés, autor da afamada obra De mi viejo carnet. Leva por título La paternidad de La Casa de la Troya ante los tribunales de justicia; no subtítulo reza: Asunto debatido y fallado en la Audiencia de Pontevedra y el Tribunal Supremo; foi editado por Reus ao custo de dúas pesetas.

O impreso reflicte, mediante a traballada alegación de Landín, as orixes do conflito, as probas, as testemuñas e demais argumentos na defensa de Pérez Lugín. Sobre este libriño ilustra Carlos Paramés Montenegro nun conciso artigo en El Correo Gallego, polo que remito a el aos interesados no que en Pontevedra se decidiu sobre tan compostelana obra.


Para saber máis:

- LANDÍN, P.: La paternidad de La Casa de la Troya ante los tribunales de justicia, Editorial Reus, Madrid, 1925.

- PARAMÉS MONTENEGRO, C.: «¿Escribió Lugín "La casa de la Troya"?», El Correo Gallego [en líña], [citado el 11-4-2019], dispoñible en https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/escribio-lugin-casa-troya/idEdicion-2007-02-18/idNoticia-135755

- PÉREZ LUGÍN, A.: La Casa de la Troya, Camiño do Faro, A Coruña, 2008.





    (Foto: M.F.C.)
                                         

Comentarios

Publicacións populares