A "VIRXE DO HOSPITAL"
Mateo Fontán Couto
Unha das maiores devocións da
Semana Santa de Pontevedra é a Virxe da Misericordia. A historia
desta talla fala de movemento, traslados e certa inestabilidade,
unida a importantes capítulos históricos
sucedidos na cidade.
As características da feitura
desta imaxe encádrana no século XIX. Mais segundo Antonio Días Lema, autor da historia do Hospital
de Pontevedra e quen
seguiu o rastro a
esta Virxe, o matrimonio composto por Pedro
e María de Aldao trouxérona, séculos antes, de terras italianas e doárona á
Congregación da Purísima Concepción e Misericordia, con sede no
Convento de San
Francisco, polo que este templo sería o primeiro en acoller á nova
imaxe.
A partir de aquí foron varios os
lugares aos que a Misericordia se iría «mudando». Despois de San
Francisco, a Igrexa do antigo
Hospital de San Xoán de Deus sería o novo
fogar da Virxe, nun altar lateral e protexida por un cristal. A
devoción á imaxe xa estaba consolidada nos corazóns dos
pontevedreses, pero ante a demolición da Igrexa e do Hospital en
1896 un novo traslado foi necesario para esta talla. Adóitase dicir
que en Pontevedra posuímos tres recordos deste Hospital de Xoán de
Deus: o reloxo da Peregrina (agora no Museo Provincial); a capela das
Ánimas, erixida en 1898 en recordo da antiga e por presión popular,
e a Virxe da Misericordia. Porén, no Museo de Pontevedra
atopamos varias pezas, algunhas expostas, procedentes deste hospital.
Tamén no antigo Asilo
das Irmanciñas dos Anciáns
Desamparados dise
que existe unha basta imaxe en pedra de san Xoán de Deus.
Volvendo a
nosa protagonista, o seguinte templo onde chegou a Misericordia foi o
de San Bartolomeu por mandato do Concello, a quen pertencía a
talla. En 1899 esta
efixie recibiu un diñeiro aprobado pola
Comisión de Beneficencia. Xa coa inauguración do novo Hospital
Provincial e da
súa capela en 1901 a imaxe trasládase alí. Xorde entón o costume
de denominala a «Virxe do Hospital» debido a súa relación con
este tipo de edificios na cidade. Unha imaxe
característica da Semana Santa da Pontevedra da época era o
traslado da Virxe cara ao Hospital despois de participar na procesión
do Santo Enterro.
A Virxe da Misericordia saíndo do Hospital Provincial en 1952
Pero unha vez máis, e ante
demolición da capela
en 1970, a Misericordia tivo que volver a San Bartolomeu, sen estar
exposta ao culto. Así pasaron varios anos ata
que pasado o 2011 regresou ao Convento de Santa Clara para formar
parte, vestida de hebrea, dun Calvario xunto ao Cristo da Expiración
e o san Xoán, ambas tallas tamén participantes da Semana Santa
pontevedresa. Esta foi a última localización da «Virxe do
Hospital», a cal
ante o recente peche do convento das clarisas de novo viuse no
«desterro». San Bartolomeu volveu a
acollela, sen estar exposta ao publico.
Acuarela de David Campos (col. particular) |
A Virxe da Misericordia sae en
procesión por Pontevedra cada Venres Santo acompañada pola
Confraría da Vera Cruz e Misericordia, decana das corporacións
penitenciais da cidade, e baixo palio de oito varais realizado en
1950. O fermoso manto de veludo negro e bordados dourados foi
deseño, xunto ao palio, de Luís Pintos Fonseca. Pese a que Días
Lema sinala que foron monxas beneditinas as que recuperaron un antigo
manto e bordárono de novo, o investigador José Luis Ageitos sinala
que foron as
monxas trinitarias de Noia as responsables
en 1958 desta tarefa. Son características as candeas rizas no palio, das que xa fala Filgueira Valverde, nunha carta a Sánchez Cantón, en 1955. A imaxe con
rostro desconsolado porta coroa, un
pano nas mans e no seu peito mostra un
corazón de prata traspasado por sete puñais. En 2005 foi restaurada
pola empresa Alquimia que fixo labores de desinsectación e descubriu
unha capa de verniz mais tres repintes diferentes.
Esta é a historia grosso
modo dunha
das imaxes máis queridas de Pontevedra á cal cantou o
P.
Amoedo Carballo na súa obra no exilio.
A
mesma que tantas veces viuse na necesidade de cambiar de fogar e á
que envolven algunhas anécdotas, o
que
adoita ser costume nas tallas que xeran gran devoción.
Cada
Venres Santo Pontevedra agarda volver a ver polas rúas á
súa «Virxe
do Hospital».
Levantada (Autor descoñecido / Fonte: Arquivo persoal) |
Comentarios
Publicar un comentario