O MISTERIO MUSICAL DOS XARDÍNS DE CASTO SAMPEDRO
Mateo
Fontán Couto
Nos xeitosos xardíns dedicados ao insigne erudito don Casto Sampedro e Folgar prodúcese cada día, ao caer a noitiña, un fenómeno curioso, un tanto enigmático e tamén fermoso.
Sitos
na pouco lembrada praza de Ourense son xardíns en homenaxe ao pai da
Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, primeiro director do Museo
Provincial e, ao cabo, un dos meirandes investigadores do noso
pasado. Moi próxima atópase a casa onde tiña o seu despacho, lugar
de faladoiro entre destacados intelectuais na Pontevedra da época e
que aínda hoxe agarda unha placa –requirida por varias persoas en
medios públicos- que recorde tan importantes e frutíferas
xuntanzas.
Xardíns
tamén que son fogar da senlleira fonte que da de beber a quen pasa,
tal e como reza a copla e o himno do Pontevedra C.F. Un lugar co
histórico convento de San Francisco como pano de fondo, que une coa
emblemática Ferrería e que fala así mesmo coa coqueta praza da
Estrela.
![]() |
Xardíns de Casto Sampedro (Fonte: www.tripadvisor.es) |
Alí,
neses xardíns, unha engaiolante música culta e impetuosa asoa cando
o día da paso á noite nunha sorte de valse ritual. Durante tempo a
xente cuestionouse sobre esa melodía; supoño que as teorías serían
varias segundo a imaxinación de cada un, quen sabe se a lenda
enraizou entre as camelias dos xardíns de don Casto.
O
certo é que esa misteriosa música non é outra que a Música
acuática de Georg Friedich Haendel. Un concerto barroco composto
por tres suites e estreada o 17 de xullo de 1717 a petición do rei
Xurxo I da Gran Bretaña. A obra foi interpretada sobre unha barca,
onde ían cincuenta músicos, polo rio Támesis. A esta barca
seguíalle a do rei, rumbo a Chelsea. Dise que o monarca quedou tan
satisfeito do concerto que mandouno repetir interpretándose ata tres
veces durante a viaxe, aínda que tamén puido suceder que as tres suites
interpretáranse durante a viaxe río abaixo, a cea e a viaxe de
volta. Tamén dise que Haendel compuxo a obra para recuperar o favor
perdido do rei.
A
Música acuática estreada sobre o Támesis foi unha versión, con
novos movementos, da obra orixinalmente inaugurada no agosto do
Londres de 1715. A orde dos movementos dentro de cada suite non
se coñece con exactitude hoxe en día. O que si resulta unánime é
a idea de que se trata dunha das grandes composicións do seu tempo,
transcendendo universalmente e sendo unha das obras máis coñecidas
do afamado compositor de Halle, cumio da música occidental.
![]() |
Mais,
de onde saía a música de Haendel nos xardíns pontevedreses? Ao
parecer a resposta retrotraese a cando o concello instalou un fío
musical no sitio e que, co paso dos anos, foi esquecido. Nos últimos
tempos, ao cortarse os sebes que encadraban os xardíns, a música
procedente de altavoces en forma de pivotes cobrou un maior
protagonismo, sentíndose polos arredores sen que a xente soubese moi
ben de onde viña.
Poida que este misterio musical engada un encanto se cadra maior a un
dos sitios de seu máis belidos da cidade. A Música acuática
mestura co chafarís no seu verter claro do líquido elemento. Gusto
de pasar por alí na noite e poder escoitar tan fermosos sons.
![]() |
George Friedrich Haendel |
![]() |
Nova no formato dixital da Voz de Galicia. 03/11/2017 |
Comentarios
Publicar un comentario