ARREDOR DO PATRIMONIO INDUSTRIAL GALEGO
Mateo Fontán Couto
Con
motivo da inauguración, o pasado día 10, da exposición fotográfica “Memoria
Industrial en Galicia” no Pazo da Cultura de Pontevedra, e máis dun coloquio a
propósito do proxecto que tivo lugar na Casa da Luz o día 17 deste mes, traio a
esta sección un feixe de impresións e lembranzas do que nestes sitios puiden
ver e escoitar.
Jose
Chas é o nome do autor da mostra, dedícase á fotografía da arquitectura e de produto.
Vinte fotografías, tomadas entre 2012 e 2018 nas catro provincias galegas,
constitúen o artístico testemuño da ruína e o patrimonio industrial que
atesoura o pais. Máis alá do innegable mérito das instantáneas no tocante a súa
limpa composición ou á forza serena que transmiten, esta exposición tamén acada
a condición de reclamo da nosa atención con respecto a ruína industrial como
potencial plástico pero tamén como contedor de moitas páxinas da nosa historia
obreira e, finalmente, como algo a coñecer e protexer. As fotografías de Chas
aguilloan a curiosidade, por fermosas e cheas de certa nostalxia.
Fotografía de Jose Chas (2016)
No
coloquio ofrecido como complemento á mostra falou en primeiro lugar o autor da
mesma. E falou do seu traballo neste eido da ruína industrial, xa que o mesmo
Jose Chas di que non corresponde a el o dirimir o que é ruína do que
constituiría patrimonio. Máis de trescentas localizacións avalan a pescuda e o
traballo deste fotógrafo, licenciado en Belas Artes. Un proxecto, posto en
marcha desde 2003, que á vez de ofrecer a súa visión artística é capaz de
amosar un importante esforzo de catalogación e defensa destes vestixios. Froito
deste labor tamén é un interesante blog no
que podemos seguir o seu traballo, a ligazón é a seguinte: https://memoriaindustrialengalicia.wordpress.com/
Falou a continuación Xoán Carmona Badía, catedrático de Historia e Institucións Económicas na USC. Do interesante das súas palabras podemos traer hoxe aquí a especificidade de valores que o patrimonio industrial posúe, e que fai que non todo sexa obxecto de protección; pola contra é necesaria unha catalogación científica e unha selección daqueles inmobles dignos de ser conservados. Tres motivos ofreceu este profesor para conservar o patrimonio industrial: un primeiro de identidade que no caso galego vai moi ligado ao mar e á condición feminina. Outro motivo sería por unha cuestión de desenvolvemento sostible e medio ambiente; entraría aquí a idea de reempregar un inmoble que, en varias ocasións, resulta unha resposta moi acertada para a conservación do edificio, a cal non ten porque seguir obrigatoriamente unha liña museística. Ademais o derrube destas construcións non é sempre a solución máis económica. O terceiro motivo que deu Xoán Carmona sería por unha cuestión educativa, neste sentido os máis cativos e a sociedade en xeral ten que recibir un discurso integrador deste patrimonio, como o que pode derivar dos nosos castros, pazos, cruceiros e outros elementos.

Outra
convidada ao coloquio foi a doutora Cristina García Fontán, arquitecta
responsable dun proxecto de rehabilitación en San Xurxo de Sacos, de carácter
etnográfico e patrimonial, para a recuperación do balneario. A idea é, mediante
o tratamentos das ruínas, crear uns baños onde a auga quede “dignificada”, tal
e como expuxo a poñente. Deste xeito, as augas mineromedicinais volverían a ter
a relevancia que tiveron en tempos pasados cun novo complexo onde a antiga
fábrica da luz xoga o rol de ruína reempregada como balneario. Influído polos
baños xaponeses, este proxecto tamén contaría coa rehabilitación de varios
muíños, sendo dous destinados para sauna. Os tres mananciais de San Xusto, tan
saudables para as enfermidades da pel ou do fígado, terían nesta iniciativa un
fermoso indicador das posibilidades do tratamento das ruínas industriais.
En
última quenda tomou a palabra o profesor de fotografía da Facultade de Belas
Artes de Pontevedra: Manuel Sendón Trillo. A súa intervención versou sobre as
características estéticas da ruína industrial que procuran os artistas. Falou
de movementos e autores influentes. Para Galicia subliñou os traballos de José
Suarez, de Casado e tamén do bueuense José María Massó.
Aplaudamos
iniciativas como esta. É tempo de concienciación e de cometer os menores erros
posibles. O patrimonio industrial goza de boa saúde noutras latitudes onde
ademais celébranse encontros e fanse investigacións fondas. Aquí xa comezaron
as raiolas; lembro un traballo ben feito de Francisco Pérez Fernández sobre a
arquitectura industrial viguesa. Á súa vez, o V Congreso para la Conservación
del Patrimonio Industrial y de la obra Pública en España celebrouse en Ferrol
no ano 2009 con gran interese e afluencia de público. Consecuencia do encontro
foi unha relevante publicación. Tamén cabe destacar o labor de Buxa, a Asociación Galega do Patrimonio Industrial. Estes son algúns exemplos, o futuro agarda cheo
de posibilidades no tocante ao patrimonio industrial. De momento a realidade
comprácese na exposición de Jose Chas, a cal poderá ser admirada ata o 24 de
febreiro no Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra.
Comentarios
Publicar un comentario