LIBRO SOBRE CRUCEIROS DE COMBARRO
Mateo Fontán Couto
Presentouse o pasado mes de decembro
no Casal de Ferreirós de Poio unha nova monografía sobre
cruceiros, esta vez ocupándose dos do Conxunto Histórico Artístico de Combarro.
O libro foi editado polo Concello de Poio coa autoría de Andrés Dacosta Pérez.
Trátase
doutra ollada sobre o rico patrimonio cultural de Combarro, complementando anteriores
publicacións, máis ou menos recentes, coma a Guía turística do Conxunto Histórico de Combarro escrita por Rafael
Vallejo e publicada pola Deputación de Pontevedra en 2017.
Nas
setenta e dúas páxinas da obra procúrase un percorrido polas rúas empedradas de
tan cantada poboación; rúas salgadas pola acción do mar, sementadas de hórreos
-ou palleiras como ben anota o autor que gustan de chamar en Combarro- e de
casas terreñas, labregas e con sobrado, estas últimas de peculiar sabor tradicional
para a vila. Son tamén camiños onde topar con fermosos cruceiros.
O
libro estrutúrase en tres partes. Unha primeira dedicada a contextualizar, de
forma áxil e moi correcta, a xeografía e o urbanismo do lugar. A segunda parte
ofrece unha introdución ás características máis importantes dos cruceiros
galegos, tamén se fala dos cruceiros suxeitos a estudo así como se ofrecen
unhas pinceladas sobre outros fora do Conxunto Histórico. A última e máis ampla
parte analiza de xeito pormenorizado cada un destes testemuños pétreos,
atendendo a seus aspectos formais, simbólicos e a outros.
Son
nove os cruceiros tratados no libro: de Chousa (da Ghurita ou de Abaixo) o cal
constitúe o primeiro rexistro escrito sobre un cruceiro en Combarro; do Campo (de
San Roque ou de Arriba) coa data de 1802 e o enigma do nome de María; cruceiro do Adro coa lendaria Virxe de Renda
no seu reverso; da Rúa que é o máis accidentado de cantos se fala; da Fonte
denominado antigamente “cruceiro de Combarro” que foi desprazado do seu sitio
orixinal; de Pedaporta cuxo nome foi mudando ao longo do tempo; da Ruabeira de
1857 tal e como reza unha gastada inscrición; do Padrón cuxa feitura e de 1997
e polo tanto trátase do máis novo de cantos se describen, e o cruceiro das
Mosquiñas que tamén se chamou da Florida e atopámolo fora do sitio orixinal.
A
descrición destes cruceiros é concisa e amena, chea de información. Con
respecto aos posibles pedreiros que puideran realizar algunha destas cruces o
autor tan só aventura dous nomes que son os de Antonio Santa Baya e o de Bernardo
Piñeiro. Temos como segura a autoría de Eladio Malvar Covelo para o cruceiro do
Padrón. No entanto, apórtanse nomes de promotores e outros varios datos de
interese.
Respecto das fontes primarias
empregadas polo autor, destaca a importancia da documentación saída do mosteiro
de Poio, sobre todo os documentos forais. Cabe lembrar que Combarro pasou
séculos baixo o señorío deste importante mosteiro. Así mesmo, é xusto destacar as fotografías e
composicións realizadas por Andrés Dacosta Martínez que ilustran a obra, xunto cos debuxos rescatados de Castelao ou Carlos Sobrino e as fermosas fotografías
de Zagala e Otto Wunderlich, entre outras; deste xeito, o libro conta cunha
coidada e didáctica parte gráfica. Recomendable lectura para os amantes destas
manifestacións tan nosas como son os cruceiros.
![]() |
(Foto: M.F.C.) |
![]() |
(Foto: M.F.C.) |
Comentarios
Publicar un comentario