O SAN FRANCISCO DO PANTEÓN DE SÁNCHEZ CANTÓN
Mateo Fontán Couto
Para saber máis:
No cemiterio de Santo Amaro de Pontevedra atópanse
soterrados moitos ilustres personaxes, xunto a outros menos
coñecidos, que “conmorren” de forma queda e silenciosa. Un
destes afamados persoeiros é Francisco Javier Sánchez Cantón
(1891-1971), enorme erudito que chegou, entre outros logros, a
dirixir o Museo do Prado en Madrid, aínda que sempre dedicou moito da
súa obra e do seu tempo a Galicia e, de forma especial a Pontevedra,
a súa cidade natal.
No panteón de Sánchez Cantón podemos ver unha figura
pétrea que representa a san Francisco. A imaxe, de faciana barbada,
viste hábito, caparuza e cordón axustado; características habituais
nas representacións do santo de Asís.
É moi probable que esta imaxe, de feitura popular,
proceda da antiga capela “dos Santos” sita en Mollabao e cuxas
primeiras referencias debemos precisamente a Sánchez Cantón.
Daquela construción barroca de inspiración portuguesa sobreviviron
poucos vestixios, dende o seu abandono a mediados do século XIX.
Tratábase dun templo arrodeado de columnas sobre as cales se
situaban imaxes de santos, a saber: Santiago, san Xosé, san Pedro,
san Miguel, san Lesmos, san Martiño, san Lopo, unha representación
da Virxe do Pilar e tamén do Anxo da Garda. Por esta característica,
de sabor bretón, o templo deuse a coñecer como capela “dos
Santos” a pesar de que estivese consagrada a san Francisco, cuxa
imaxe (segundo Filgueira Valverde estaría aos pés dun Cristo) presidía
a entrada ao templo nun nicho.
Precisamente, esa figura de San Francisco é a que
vemos no panteón familiar de Sánchez Cantón. Fáltanlle as mans e aos pés
ten a caveira, símbolo penitencial da fugacidade da vida e do
vencemento da morte. Sobre o resto dos santos sabemos que no
cemiterio de Salcedo atopábanse tres deles, aínda que un foi
roubado, e na capela de San Brais, tamén en Salcedo, outros tres. As
doelas dun arco procedente da igrexa, que apareceron na denominada
“casa do Notario” da rúa Gonzalez Besada en 1987, están
depositadas na actualidade no Museo de Pontevedra.
Para saber máis:
- FILGUEIRA VALVERDE, X.: «Os santos de Mollabao»,
Adral, vol. I, Ediciós do Castro, Sada, 1979, pp. 280-282.
- GARCÍA IGLESIAS,
J. B.: Habladme
piedras, Alfil,
Pontevedra, 2013,
pp. 276-278.
-
REGUEIRA
S. (15
de xullo de 2012):
«Perder
la historia... para después olvidarla»,
Faro
de Vigo,
[en
líña], [citado o 1-3-2015],
dispoñible en
http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2012/07/15/perder-historia-despues-olvidarla/665618.html
(Foto: Mateo Fontán) |
(Foto: Mateo Fontán) |
Comentarios
Publicar un comentario