As voces de Oxford e a néboa de Pontevedra
Mateo Fontán Couto
O
vivido este luns, 14 de setembro de 2026, na Real Basílica de Santa María a
Maior de Pontevedra non foi un concerto ordinario. Foi unha noite excepcional,
e tamén singular na historia musical recente da cidade, coincidente ademais coa
solemnidade da Exaltación da Santa Cruz. As vetustas e fermosas bóvedas do
templo pontevedrés acolleron as voces do lendario coro de The Queen’s College
de Oxford, un conxunto cuxa soa mención evoca a excelencia da tradición coral
británica. O concerto, litúrxico na súa raíz e extraordinario na súa dimensión
artística, acabou por se converter nunha ponte entre a historia e o presente,
entre a pedra e a voz, entre a tradición académica británica e a profunda
espiritualidade do gran templo de Pontevedr.
Para
o público xeral, falar dos coros de Oxford ou Cambridge é activar un resorte de
nostalxia culta. É viaxar inevitablemente a aqueles comedores infinitos, á
hedra gabeando polos muros de pedra centenaria e a esa estética académica que a
cultura popular inmortalizou en sagas cinematográficas universais como Harry
Potter. Existe un fío invisible, pero perfectamente perceptible, que conecta o
misticismo desas institucións británicas —cuxas voces parecen saídas dun rito
escolar máxico de Hogwarts— coa atmosfera sobrecolledora de Santa María.
Pero
esta pasada noite o efectismo estético cedeu o paso a unha contundencia
artística superlativa. Non facía falta ser un devoto da música sacra para
sentir como se arrepiaba a pel desde os primeiros compases. O concerto avanzou
como un torrente melancólico e profundo, directo ao corazón do espectador, a
través dun programa soberbio que irmandou a polifonía renacentista con páxinas
contemporáneas dunha expresividade descarnada. A Missa de Beata Virgine de Duarte Lobo, co seu Kyrie, Gloria, Sanctus e
Agnus Dei, abriu unha viaxe musical por varios séculos de espiritualidade
europea. Xunto a ela, as páxinas de Diogo Dias Melgás, António Carreira e
Manuel Cardoso, con aquel magnífico Magnificat
secundi toni, devolveron ás bóvedas de Santa María a solemnidade e a
profundidade da gran polifonía ibérica.
E,
case sen que o tempo parecese existir, o programa atravesou os séculos para
internarse na gran tradición coral británica. Kenneth Leighton, Charles
Villiers Stanford, Gustav Holst, Rebecca Clarke e Benjamin Britten foron
aparecendo nunha sucesión de páxinas de enorme beleza: o A Hymn to the Trinity, o luminoso Beati quorum via, o recollido Nunc
dimittis, o Ave Maria de Clarke e
o emocionante A Hymn to the Virgin de
Britten. O salto desde a antiga polifonía portuguesa ata estes compositores
ingleses non rompeu o discurso senón que o ampliou.
A
viaxe concluía no programa impreso con Hymn
to the Creator of Light, de John Rutter, unha obra contemporánea que
pareceu escrita para prolongar cara ao alto a propia arquitectura de Santa
María. E aí residiu unha das grandes virtudes do programa, o de facer convivir séculos de música sen que
ningunha época parecese allea á seguinte. O Renacemento, a tradición coral
británica e a creación contemporánea acabaron formando unha única corrente
sonora.
O
coro demostrou, no que me deu a impresión de ademán de ensaio serio, por que é
unha referencia mundial. A acústica da basílica, cos seus ecos de pedra, elevou
as voces dos cantores a un plano case sobrenatural, prolongando cada frase e
envolvendo o espazo nunha sonoridade dunha forte riqueza. O resultado foi un
cheo absoluto e un silencio reverencial, deses que revelan que o público non
está simplemente escoitando, senón asistindo a algo. Só as ovacións,
espontáneas e inevitables, rompían aquela concentración ao rematar as
diferentes pezas.
Durante
uns instantes, Santa María deixou de ser unicamente un edificio histórico para se
converter nunha caixa de resonancia do tempo. E Oxford, coas súas voces,
pareceu viaxar ata Pontevedra para lembrarnos que a música sacra, cando alcanza
esa rara conxunción entre beleza, espiritualidade e excelencia, non precisa
tradución. Non era, ademais, un escenario calquera. Pontevedra foi
historicamente unha cidade sensible á cultura e, de maneira moi particular, a
esa música chamada culta que lle esixe ao oínte algo máis que o simple acto de
escoitar. Houbo un tempo —e cómpre non esquecelo— en que os grandes acontecementos
musicais formaban parte da conversa da cidade, e en que aqueles homes cultos
que seguían con devoción a vida artística comentaban e deixaban constancia dos
grandes concertos.
Non
é casualidade, polo tanto, que Pontevedra dese tamén grandes formacións corais.
A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, coa súa longa e extraordinaria
traxectoria, forma parte desa memoria musical da cidade; como tamén o fixo, por
exemplo, o Coro dos Institutos de Pontevedra, expresión dunha vocación coral
que durante xeracións atopou nesta terra un terreo especialmente fértil. Hai
cidades que escoitan música e cidades que, dalgún xeito, pertencen á música.
Pontevedra quixo ser das segundas.
Neste
contexto, o acontecido este luns tivo algo máis que o valor dunha excepcional
velada artística. Foi tamén o encontro de dúas tradicións: a dunha das grandes
institucións corais de Inglaterra e a dunha cidade galega que coñece desde hai
moito tempo o poder dunhas voces cando conseguen converter a beleza en
patrimonio colectivo.
E
despois, cando o último acorde se perdeu definitivamente entre as pedras de
Santa María e as últimas ovacións comezaron a esmorecer, chegou o momento de
saír á rúa. Foi entón cando Pontevedra nos tiña preparada unha última sorpresa.
Unha densa néboa envolvera a cidade. As rúas e os perfís dos edificios
aparecían desdibuxados baixo aquela brétema húmida e silenciosa. Por un
instante, parecía que Oxford non marchara. Que unha pequena porción daquela
Inglaterra de pedra, de colexios centenarios, de campás e voces suspendidas no
aire, decidira acompañarnos un pouco máis alá das portas da basílica. Era
difícil non interpretalo como un último xesto, case como unha delicadeza do
destino. Tras escoitar aquelas voces elevarse sobre o granito de Santa María,
Pontevedra parecía terse vestido, naquela mesma noite, coa súa propia «british fog».
E
mentres camiñabamos de regreso entre as rúas húmidas, coa cidade apenas
insinuada pola brétema, quedaba a certeza de ter asistido a algo que
dificilmente poderá repetirse da mesma maneira: unha noite na que Oxford cantou
en Pontevedra, séculos de música volveron respirar baixo as bóvedas de Santa
María e a cidade, por un instante, pareceu saber exactamente como debía
escoitar. Ao cabo, iso é o que distingue os concertos verdadeiramente
memorables... que cando rematan, a música continúa soando máis alá deles.
Publicado en Pontevedraviva.com o 18/09/2026
https://www.pontevedraviva.com/es/opinion/voces-oxford-neboa-pontevedra-mateo-fontan-couto_520977_102.html?fbclid=IwY2xjawUbgXtwZG9mBWV4dG4DYWVtAjExAGJyaWQRMXJmb2lVcEk4ZVMwSVBGQk9zcnRjBmFwcF9pZBAyMjIwMzkxNzg4MjAwODkyAAEelhq0ufXb7s9O2nI6OVDcKm68CbDoovw6hSi5fwoYsnAPyRYvnYKUS6p5fDI_aem_-JB3xcCvioduISiXOrHz1g


.png)
Comentarios
Publicar un comentario