MANUEL QUIROGA, 1930

Mateo Fontán Couto

En 1930, Manuel Quiroga estaba en París. Tiña trinta e oito anos, o mundo dos grandes concertos aos seus pés e unha vida que parecía aínda por diante. Foi alí, nese momento de plenitude, cando decidiu pintarse, novamente, a si mesmo.

Ten algo de enigmático esa mirada coa que se nos queda mirando desde o lenzo. Non é a mirada do violinista que agarda o aplauso nin a do neno prodixio que sorprendera en Pontevedra co violín e cos seus primeiros debuxos. É a mirada dun home que xa se coñece, que sabe o que vale, que sabe tamén o camiño que percorreu. E quizais por iso impresiona tanto.

Porque alí está Quiroga: o rapaz que saíra de Pontevedra para Madrid e de Madrid para París; o que con dezanove anos conseguira por unanimidade o Primeiro Premio de Violín do Conservatorio; o músico ao que Eugène Ysaÿe dedicaría a súa Sonata nº 6; o artista que compartiría escenarios con Pablo Casals e José Iturbi e que durante anos levaría o nome de Galicia polas grandes salas de Europa e América. Todo iso está detrás dese rostro.

Pero non está o violín. Trátase dunha ausencia fermosa? Porque Quiroga decidiu presentarse aquí como outra cousa: como o artista que debuxa, que pinta, que observa e que se observa. A pintura viña con el desde moi novo, desde aquelas caricaturas nas que, con apenas quince anos, era capaz de coller un rostro e devolvelo ao papel con dous trazos certeiros. E a medida que medraba o músico parecía medrar tamén o pintor, como se ambas as vocacións se alimentasen mutuamente. Quizais por iso os seus retratos teñen esa capacidade de ir máis alá da cara... Quiroga non parece querer simplemente reproducir un rostro, senón descubrir nel algo máis profundo, coma unha maneira de estar no mundo.

E cando se pinta a si mesmo, esa procura debe ser aínda máis difícil. Neste autorretrato hai unha mirada penetrante, concentrada, dunha certa severidade, pero tamén hai unha dozura que sorprende. Os labios, a pequena tensión das comisuras, as entradas que comezan a abrirse no cabelo, esa expresión de quen parece estar pensando mesmo cando permanece inmóbil... Todo fala dun temperamento intenso, nervioso, profundamente artístico.

E, por riba, a pintura está envolta nuns tons suaves, case de pastel, que lle dan ao rostro unha especie de abrigo. A chaqueta cun ton de viño tinto francés, cálida, destaca sobre esa atmosfera serena e fai que a figura cobre presenza sen perder intimidade. É como se Quiroga, ao pintarse, quixese deixar constancia non só do home que era, senón do artista que sabía que era. Unha especie de autorretrato interior.

E nese momento, en 1930, todo parecía confirmalo. París, o prestixio, os concertos, o recoñecemento internacional. Ao ano seguinte chegaría mesmo a Lexión de Honor francesa. Pero os cadros teñen ás veces esa cousa estraña de dicirnos o que o retratado aínda non sabe.

Porque sete anos despois, en Nova York, un accidente vai interromper para sempre a carreira do gran violinista. O brazo que fixera falar o instrumento quedará impedido e aquel home que durante anos vivira entre concertos, viaxes e aplausos terá que aprender outra maneira de continuar.

Entón a pintura, que xa estivera sempre ao seu lado, converterase en refuxio, no seu consolo amparado pola vocación de sempre. Chegan os debuxos a pastel dos amigos, os retratos de músicos e familiares, as paisaxes, as cores, as lembranzas. Aparecen tamén esas figuras de Quiroga cada vez máis pensativas, cada vez máis afastadas daquel home triunfante de París. Volve ao seu propio rostro unha e outra vez, como quen regresa a unha casa nunca percorrida de todo.

Deste xeito entendemos mellor os autorretratos dos anos posteriores, ata chegar ao último, xa en 1961, cando a figura parece desfacerse pouco a pouco no papel, case entre a materia e a sombra, como se o debuxo soubese antes ca nós que aquela vida estaba chegando ao final.

Hai algo profundamente conmovedor nesa sucesión de rostros: o mozo que se descubre, o artista que se afirma, o home que triunfa, o home ao que a vida lle arrebata o violín e o home que finalmente se mira desde a distancia da memoria.

E por iso gústame determe no retrato de 1930. Porque neste Quiroga aínda non está o accidente, nin o silencio dos escenarios, nin a enfermidade, nin a vellez. Está a plenitude. Está a música que aínda ha de soar e está tamén, agochado detrás dela, o pintor que xa sabe que ten outra voz.

Míranos aos ollos e dá a impresión de que hai neles unha confianza tranquila, case tenra; a seguridade de quen coñece o seu propio talento sen necesidade de proclamalo. Manuel Quiroga, pontevedrés, músico, compositor, debuxante, pintor, escritor. Un artista total. Un home que soubo facer falar as cordas, pero que tamén soubo calar diante dun lenzo e mirarse a si mesmo. E aí quedou, en París, en 1930, aquela mirada...Tan viva aínda. Tan súa.


Manuel Quiroga Losada, autorretrato, (París. 1930).

 © Museo de Pontevedra.



Comentarios

Publicacións populares