DESAMPARADOS

Mateo Fontán Couto

Resulta acaída a advocación do altar que con fonda tristura, polo menos no meu sentir persoal, despedimos do pontevedrés convento de Santa Clara. Acaída para me expresar no tocante ao que considero unha traxedia patrimonial, catástrofe amparada por algúns e que a todos nos deixa desamparados. Como parece que non era suficiente o baleiro protagonista que deixara o óleo da Nosa Señora dos Desamparados e as tallas relixiosas, agora viaxará a Santiago onda as clarisas o resto do retablo. O son das obras de desmonte que durante estes días se escoita dende fóra asemella unha martelada na engra da saudade.

Todo comeza nos acordos que o Concello de Pontevedra tomou coa congregación relixiosa pola compra do convento, consumada no decembro de 2021. Nunha mala praxe negociadora aceptáronse as supostas exixencias das monxas por se levar moito do patrimonio alí atesourado durante séculos. A sensación é que, conformes co inmoble, nin se intentou loitar por manter cantos máis deses bens vinculados, si, á orde... mais tamén á cidade. Deste xeito perdeu Pontevedra os exvotos en forma de barco, as lámpadas, as bandeiras do batallón de Morillo... coma tamén iría esvaecendo a tradición, con respecto ao patrimonio inmaterial, de pregar polo bo tempo ofrendando ovos.

Resultou a perda aínda máis dolorosa co desmembramento dos retablos da igrexa, das súas imaxes, anxelotes e outros elementos realizados para alí estaren e non se mover. Ferinte quedou a “capeliña” do bosque ao separarlle o tímpano medieval policromado, e con aspecto mutilado o chafariz cando lle levaron a santa Clara de pedra que o culminaba. E aínda deixaron as campás e o agnusdei, talvez por non chegarlle. Reliquias e utensilios para o culto móstranse máis susceptibles de seren reclamados polas clarisas... pero ai!, que oportunidade perdida para publicar un bo inventario coa ourivería, téxtiles, mobles e outras artes que albergaba o convento, tivera sido unha boa ferramenta para historiadores da arte e un xusto agasallo para os cidadáns desherdados. Como ocasión perdida foi tamén o estudo polo miúdo do cadro da Nosa Señora dos Desamparados, que antollábase factible ante a súa apesarada marcha. A pintura puido ser traballo de finais do XVII dun pintor italiano, acaso o afamado Lucas Jordán, afincado en España onde traballou para a Casa Real. Máis recentemente atribúese á escola madrileña. Quedou escrito que a valiosa obra concibiuse por etérea inspiración; a súa veneración en Pontevedra foi moita, engadindo ao seu valor patrimonial este vínculo de forte devoción.


Díptico da Virxe dos Desamparados. Col. Fontán Portela.

Agora é quenda do que quedaba do retábulo-cadro que sor Benita Teresa Mariño encargou erguer tras unha revelación divina, para que «nos séculos vindeiros saiban que María Santísima quixo favorecer este convento de Santa Clara de Pontevedra con tan milagreira imaxe». E aínda que non parece cousa doada, legal nin recomendable cambiar de localización un retablo de feitío barroco os uns polos outros o conseguiron no exercicio dun agre sainete entre BNG, PP, clarisas, Patrimonio e o resto do elenco: que se uns non loitaron o suficiente nas conversacións, que se os outros non executaron a opción de compra, que estoutras non baixan do burro, que aqueloutros deron o visto bo... e a casa sen varrer.

Tras un recurso que naceu con mal fado xa é un feito o exilio a Compostela do retablo pontevedrés, e aínda menos mal que non viaxa a unha colección privada americana, poño por caso. Como anestésicos reparten que aínda nos quedan o resto de retablos, espidos iso si, o marabilloso órgano, o cadeirado do coro e, engadiría, un Nazareno que xoga agochado. O certo é que máis aló da legalidade, lexitimidade e mesmo a moralidade do proceso, un espazo destinado a museo continúa co seu baleirado de obras de arte; e se chove que chova!, coma no anuncio da tele.

Non podo deixar de pensar que se isto tivese ocorrido noutros tempos talvez o resultado fose diferente. Cústame imaxinar a personaxes como Filgueira Valverde, non dubidoso na súa piedade cristiá, cruzado de brazos ante tal situación. E é que o silencio é do que máis doe neste asunto, esa estraña resignación silenciosa por parte dos crentes, dos eruditos, dos amantes da arte e a historia, dos pontevedreses e pontevedresas. Algo semellante está a pasar cos restos do alfolín da rúa Galera, e aínda que ese é outro tema é un tema primo irmán. En fin, puido facerse doutro xeito, estou seguro e agora é tarde. E láiome pola indolencia política e certa impiedade clarisa, pola perda patrimonial máis soada en moito tempo na cidade; soada, mais no silencio. Esta é a ladaíña das dores: dor polo silencio, dor pola pasividade, dor pola inacción, dor pola perda... Xa se vai, éche o que hai, e así quedamos... desamparados.


O altar nunha foto de Otto Wunderlich, ca. 1920.

Fonte: Fototeca - Instituto do Patrimonio Cultural de España, sinatura: 08076.


Publicado en Pontevedraviva.com o 15/02/2025, en https://www.pontevedraviva.com/gl/opinion/tribuna/desamparados-mateo-fontan-couto_503647_102.html?fbclid=IwY2xjawIgUCdleHRuA2FlbQIxMQABHaSuwu_nDcUkHX9kxeydwY8Ts_cvr1dnpOw2tDg_h6Nc7RhR047EqCB-Rw_aem_zjZRIgAa_WSfvNPTZgi6Ug

Comentarios

Publicacións populares