DE ZAPATONES AO PRINCIPE DAS CASTAÑAS
Mateo Fontán Couto
Dedico esta primeira entrada do ano a dúas lecturas que aínda que as gocei hai tempo téñoas no caixón dos asuntos pendentes deste blogue. Comezarei polo libro máis recente que ten por protagonista ao carismático Zapatones, símbolo do ámbito xacobeo. Zapatones, el peregrino eterno é o título co que se nos presenta a aquel home de voz doente e indumento medieval que tiven o gusto de coñecer polos tempos da facultade. Lembro a súa conversa entre basta e humorística, nun ambiente distendido, coa retranca de quen todo pode arranxalo cando suxeita un viño e insinúa que con el de alcalde a vida iría mellor.
María José Lorenzo é a autora da obra, unha biografía novelada que acaso acada o pouco doado obxectivo de ofrecer unha lectura entretida e engadiría que didáctica. Periodista de formación, escribiu e escribe crónicas, artigos e libros sobre personaxes da prensa rosa. Biografiou a membros da casa real española e máis recentemente á artista folclórica Isabel Pantoja. Posúe un trato alegre, amable e próximo, tal e como puiden testemuñalo na firma de exemplares que realizou na clásica libraría El Pueblo, en Pontevedra, onde lle prometín esta entrada.
Unha primeira parte do libro contextualiza a Juan Carlos Lema Balsas ao cal se ten por nado no 1954 en Ponte do Porto, Camariñas. Foi abandonado de bebé na Casa Berce da Coruña iniciando unha infancia da que herdaría, amais de malas impresións, o seu alcume de Zapatones, ao parecer por xogar ao fútbol entre amigos cun calzado desproporcionado. As páxinas da novela van debullando datos biográficos do personaxe tales como cando traballou de camareiro en Cambados ou cumpriu co servizo militar, onde non librou do desacato. Chega Zapatones a Santiago de Compostela onde comeza a traballar caracterizado como antigo peregrino na praza do Obradoiro, xurdía deste xeito unha icona do Ano Santo Xacobeo de 1993.
No relato agroman as escenas anecdóticas que o dotan de certa calidez, un exemplo é a de como consegue Zapatones o seu traxe de peregrino medieval, tal e coma un súper heroe, ou case mellor dito un “anti-heroe”, faise coa súa capa. Capa por certo que no caso do noso protagonista sería agasallo do rei español Xoán Carlos I, que tamén o convida a xantar. Outro capítulo revelador da sona que adquiriría Zapatones é o do seu encontro co afamado cantante Julio Iglesias.
Unha segunda parte no libro chega, ao meu parecer, cado Zapatones decide facer o Camiño de Santiago Francés. As etapas tornan en capítulos da novela. O lector camiña co barbado peregrino coñecendo a historia, os monumentos e as lendas de cada lugar, coma un eterno penitente que volve pasar polos recunchos dunha historia secular. Dá a impresión de que a aventura de Zapatones é a escusa para divulgar, a xeito dunha documentada guía, a mística e marabillas do itinerario xacobeo por excelencia, o máis recoñecido internacionalmente.
E chega o amor á novela en Pamplona, nado tras beber dunha fonte de lenda: a Fuente Reniega. A historia de Zapatones e Marta, unha peregrina enferma da que pouco máis aló do seu nome e doenza coñeceremos, actuará de carnada e fío condutor para o resto das trece etapas e as páxinas do libro. E aquí convido ao lector a descubrir por si mesmo o resto do relato e completar o camiño xunto a Zapatones, personaxe engulido pola dúbida de canto existe de biográfico na súa descrición e canto de imaxinario, en certo senso niso radica o encanto desta lectura.
O Zapatones de María José Lorenzo remata o Camiño Francés e acomete deseguido o Camiño a Fisterra; amósase curioso pola arte e relatos que envolven á ruta, na súa busca redentora no seu interior namora fortemente no exterior; o amante do alcohol muda polo frugal da torrada con aceite, o constante e homérico epíteto de peregrino eterno transcende a un personaxe concreto para falarnos da viaxe universal, que nun momento dado nos alcanza a cada un. No entanto a novela posúe o seu necesario remate coa morte en Pontevedra no maio de 2015 dun Zapatones turbado, de seguro nostálxico e eternamente xa transmutado no peregrino do Obradoiro.
A outra lectura á que me quero referir non é unha novidade editorial, mais foi un “boom” literario na cidade de Pontevedra polo Nadal do 2023 e non sería un mal agasallo para estas últimas festas que acabamos de pasar. O libro El príncipe de las castañas. 40 años en la calle representa unha especie de memorias, cun estilo orixinal, da autoría de Francisco Fernández Pazos. Estamos ante outro capítulo da intrahistoria que afronta o devir dun personaxe popular, na nómina dos que tanto atraen ao público lector amante da historia local.
Fillo de Valentín Pazos Recamán, o afamado castiñeiro da Ferrería, Fernando acada unha categoría propia forxada polo seu apaixonado carácter, a súa tenacidade e un esforzo literario de mérito. Sobre Valentín pivotan importantes páxinas do libro, duras algunhas e devocionais outras, pois o seu fillo sábese herdeiro da pegada que Valentín deixou na cidade do Lérez, tanta que até se impulsou a iniciativa de facerlle un monumento no sitio onde se colocaba a vender castañas, aspecto tratado no libro entre outros varios.
Mais é Fernando, o príncipe das castañas, o auténtico protagonista na obra. As páxinas arrincan dende a súa nenez até os capítulos que chegan á actualidade. O ritmo é ameno e cada episodio vital vén encabezado por unha especie de aforismo filosófico e visceral de Fernando que outorga certa estrutura á lectura. Sendo o pequecho de catro irmáns xorden episodios como a relación cos pais ou o atropelo que sufriría con dez anos, preámbulo dunha vida axitada, por así chamala, pero da que Fernando non se ía achantar.
As pasaxes destilan unha descarnada sinceridade e até diría certa arrogancia ou chulería, haberá quen o chame seguridade en si mesmo, que transpiran un estilo con certo aire de escritor maldito, no tocante á ruptura violenta coa moralidade; isto achega o libro ao realismo sucio, á ficción transgresiva ou mesmo a unha especie de lírica doente á hora de “cantar o mundo”.
O humor resulta terapéutico, como é sabido, no medio
da dor e Fernando escribe sen andrómenas e cun sorriso na pluma sobre a súa
vida na que tan protagonista pode ser o alcohol coma o deporte; de feito este
principesco currante relata con tino os seus varios éxitos deportivos no fútbol
como porteiro, coa bicicleta ou completando maratóns. As viaxes, o sexo, a
picardía, a venta a “pé de tren” das mellores castañas, o sobrevivir... son
fíos dos que tira este autor cun xeito enxeñoso, a ratos irónico e algo
resignado. A lectura promete ser instrutiva e entretida, amais de pintoresca
polas xentes e as estampas pontevedresas.
Veñen sumar estes dous libros de anhelo biográfico nos andeis dos personaxes fillos do acervo popular, que gardan a memoria dun tempo e amosan outras personalidades singulares que tamén pasaron ao mundo da escrita, estou a pensar por exemplo no John Balan de Rafael Pintos; o Moreno do Lérez, de Curt ou mesmo O Campás co que fabula José Piñeiro. E eu agradecido a todos eles.
Comentarios
Publicar un comentario