TAMBO NA CÁMARA DE MAKY

Mateo Fontán Couto

Manuel Maquieira, Maky (1893-1984) foi un fotógrafo profesional marinense que aprendeu o oficio en Sudamérica, regresado á súa vila natal establécese na rúa da Reina e destaca pola súa precisión e pericia no retrato e as vistas paisaxísticas, sobre todo de Marín e a súa contorna, onde procuraba das alturas para obter o efecto desexado.

En 1930 o Concello encárgalle unha serie de panorámicas de Marín que, convertidas en coleccións de tarxetas postais, sairían triunfantes cara ao estranxeiro no característico papel fotográfico de brillo. Na súa etapa final Maky abriría unha libraría, hoxe en día activa, no mesmo local onde continuaría realizando traballos fotográficos.

No tocante á fotografía que acompaña a estas liñas apreciamos unha fermosa visión da ría de Pontevedra onde observamos pontóns carboeiros así como vapores pesqueiros e barcos da Armada, algúns deles identificados, sucando as augas. Xorde escoltada polas embarcacións unha coqueta Illa de Tambo, case no medio da composición. Consultados algúns expertos atrevémonos a datar esta tarxeta postal no ano de 1945 con motivo da visita á Escola Naval Militar do vicealmirante e ministro de Mariña Salvador Moreno Fernández, un 18 de xuño do devandito ano.


Ría de Pontevedra: Marín e illa de Tambo. Maky. 1945.

Fondos Gráficos do Servizo de Patrimonio Documental e Gráfico da Deputación de Pontevedra


(Sacado de Irmandade Illa de Tambo, Boletín Nº1)

Comentarios

Publicacións populares