CASTELAO NA COLECCIÓN DE ROBERTO TABOADA
Mateo Fontán Couto
Até o vindeiro 29 de maio poderase contemplar en horario de mañá na delegación da Xunta de Pontevedra, sita na rúa María Victoria Moreno, a exposición “Castelao", conformada por ilustracións da colección de Roberto Taboada. Esta mostra pretende ser unha ollada aos fondos que o ex parlamentario socialista pontevedrés atesoura sobre o polígrafo de Rianxo. Un ollar á forza parcial, xa que logo a colección de Roberto Taboada Rivadulla sobre Castelao abrangue un amplo abano de recursos tales como ilustracións, libros, correspondencia, fotografías e varios outros obxectos que a configuran como unha das meirandes coleccións privadas acerca do artista e político galeguista. Cos “vimbios” deste apaixonado coleccionista ben se poderían montar tres mostras coetáneas con diferentes fíos condutores arredor dese denominador común, que segue tan presente, como é Castelao.
Unha imaxe da inauguración da mostra (Foto: Mónica Patxot Pontevedraviva.com) |
No ámbito cultural practicou o debuxo e a pintura, do mesmo xeito ca o deseño. Seleccionado no II Certame Galego de Artes Plásticas, da súa autoría foi o cartel das Festas da Peregrina para 1982. Roberto Taboada deu ao prelo diversos libros, varios deles froito das diferentes exposicións das que foi comisario e que se relacionan directamente co seu afán coleccionista. Así, o amplo espectro temático que abarcou nas súas achegas adoita ter como pano de fondo á súa querida Pontevedra: o carballo de Santa Margarida, o monumento dos heroes de Pontesampaio, as fontes de ferro pontevedresas, as corporacións municipais, a fotografía en Pontevedra, o convento de Santa Clara, o santuario da Peregrina, a teoría do Colón galego ou a historia da súa mesma familia son algúns exemplos destas inquedanzas que soubo compartir (en varias ocasións coa colaboración doutros investigadores) en forma de libros e mostras. Así mesmo, cabe indicarmos que un artigo seu de 1982 foi finalista do Premio de Xornalismo Julio Camba.
Roberto Taboada posa nunha das súas mostras (Foto: Mónica Patxot Pontevedraviva.com) |
Esta nova exposición (da que puidemos participar facendo labores loxísticas e de montaxe) pivota ao redor dun conxunto de ilustracións e viñetas, reproducións das obras orixinais, que Castelao esparexeu por diferentes xornais e cabeceiras ao longo da súa actividade artística, tales como: Vida Gallega; A Nosa Terra; El Sol ou, xa no exilio, Galeuzca... Así mesmo, a mostra conta con varias cubertas de libros que Castelao deseñou para obras tan senlleiras como Vento mareiro, de Ramón Cabanillas ou Volvoreta de Wenceslao Fernández Flórez da que se amosan dúas ilustracións para dúas edicións diferentes; xunto con estes o visitante poderá descubrir outros importantes nomes da nosa cultura, cos que colaborou Castelao, como por exemplo Xerardo Álvarez Limeses ou Carlos Pereira Martínez, este último autor de O que fixeron en Galicia, obra onde se reflicte unha arte ao servizo duns ideais. Outros obxectos relacionados coa figura do autor de Sempre en Galiza así como documentos que fan referencia á colección de Roberto Taboada completan esta revisita ao artista galego que mediante estampas reveladoras de duras e acedas críticas establece unha conversa co espectador que poderá obter unha influente visión da aldea e o mundo galego daquel entonces e a súa realidade a través das miopes lentes e acaídas mans dun sempre actual Castelao.
Diferentes visións da mostra (M.F.C.) |
Comentarios
Publicar un comentario