Tagore en Galicia
Mateo Fontán Couto
Hai uns días que merquei no establecemento do
Cashconverters un libro antolóxico da obra de Rabindranath Tagore. O volume,
que custoume dous euriños, forma parte dunha colección de Aguilar sobre Premios
Nobel; atraeume que compila moito e do mellor da obra do poeta bengalí, con máis
de 1.300 páxinas entre lírica, teatro, contos... na tradución que realizara
Zenobia Campubrí, dona de Juan Ramón Jimenez, que coido aínda non foi superada. Amais o
libro conta así mesmo con textos arredor de Tagore do propio Juan Ramón Jimenez
(meu poeta preferido) e de Ortega y Gasset. Como curiosidade e detalle que recoñezo acabou por confirmar a miña compra, o libro leva dous selos dos
Misioneros do Sagrado Corazón de Xesús de Pontevedra, organización que chegara
aló polo 1955 á nosa cidade e no mes de maio deste ano anunciaba a súa marcha
tras sete décadas nela.
Rabindranath Tagore é un dos meus autores e personaxes
preferidos. Gústame revisitalo de cando en vez; adoito leer algo del pola
noite, en tranquilidade antes de durmir. O noso Vicente Risco foi dos
primeiros, senón o primeiro, que deu a coñecer a súa figura en España e
Galicia. Traduciu composicións, escribiu artigos e pronunciou conferencias sobre o escritor da India,
como a dictada no Ateneo de Madrid o 07/03/1914. De feito, tanta era a admiración
que profesaba por este autor que os seus achegados o alcumaban “Tagore”.
De Ourense coma Risco era o profesor e pedagogo José Paz Rodríguez. Este home, “tagoriano” na máxima expresión, chegou a axuntar unha biblioteca que estimaba en máis de 30.000 volumes da obra de Rabindranath Tagore e sobre el, a máis grande e completa do mundo, con edicións únicas e en varios idiomas. Amais a colección contaba con máis de medio milleiro de CD con composicións musicais realizadas por Tagore, pinturas, debuxos, selos e outros materiais que constitúen un tesouro excepcional.
Pese a que era desexo de José Paz que a súa
biblioteca ficase en Ourense, e fose deste xeito centro de estudos de primeiro
orde sobre o Premio Nobel de 1913, apenas acadou a atención das administracións. El
mesmo recoñeceu o interese que lle mostrou Fraga por levar a biblioteca á
Cidade da Cultura ou o de Baltar, sen que nada chegase a se concretar.
Finalmente semellante alfaia recaeu na Casa
de la India, en Valladolid, por doazón do propio José Paz que non puido ver
cumprido o seu soño de legar a colección á súa querida Ourense, por falta de
motivación dos responsables que nin sequera puideron conservala para Galicia.
Así nos vai!
Post na miña páxina de Facebook publicado o 28/08/2024
Comentarios
Publicar un comentario