A BARCA DA MERCED

Mateo Fontán Couto

O investigador Lino J. Pazos volve á carga cun novo libro do que non quero perder máis días por apuntar algo pois, de seguro, se pasa aínda que sexa un breve tempo, deixará de ser a novidade deste historiador que sabemos posúe un ritmo vertixinoso á hora de publicar. Neste senso e ante a inxente obra que acumula Lino J. Pazos con máis de 60 libros, centos de artigos, tamén conferencias, mostras e todo tipo de actividade cultural, coido interesante a idea de poder dispoñer dunha especie de guía ou base de datos na que se dea conta da súa bibliografía e traballo; este acceso sería de utilidade sobre todo para a investigación histórica marítima, área principal nos seus títulos aínda que non excluínte pois Lino é un experto coñecedor da historia local pontevedresa ou da figura de Castelao, por poñer un par de exemplos máis.

Desta volta o traballo versa sobre aquel servizo de pasaxe entre San Salvador de Poio Pequeno e a Moureira realizado tantos séculos mediante unha barca, a da Merced, que dá nome ao libro. Deste xeito Lino J. Pazos volve axuntar, mediante a paciente e rigorosa investigación que práctica hai xa tantos anos, o seu desmedido cariño polo tema náutico co, por así chamalo, “pontevedrismo” que profesa. No entanto este é un libro que viaxa, coma a súa protagonista, de Pontevedra a Poio e viceversa, revelándose como unha estimable referencia bibliográfica para a historia de ámbolos concellos.

Tralos agradecementos, limiar, e preámbulo comeza a obra contextualizando a puxanza económica do mosteiro de San Xoán de Poio, verdadeiro eixo do estudo. O relato vese estruturado co uso de fontes primarias e antigos documentos que poden transmitir novas dende o século XVI ou incluso antes. Dende aquí as páxinas van esmiuzando os capítulos recuperables deste servizo de “barqueo”, tal e como o denomina o autor.

Así pois abórdanse temas como o porqué do nome da embarcación, enigma aínda por aclararmos, ou os tempos en que comeza este servizo que parece estar vinculado cos albores do cenobio. Tamén como se facía para cruzar o Lérez daquela, os pasos existentes, as primeiras novas con respecto á barca ou a primeira mención coñecida como “da Merced”, no 1519.

O lector, conforme avanza na lectura, descobre curiosos aspectos deste sistema de transporte tales como a exención de cobro para aqueles viaxantes relacionados ou que traballaban para o mosteiro, ou cando se produce a concesión real do servizo. A documentación conservada tamén facilita os datos do tempo, pago e condicións do arrendamento da barca ou do aforamento do servizo que ofrecía.

O autor, coa axuda da transcrición de varios escritos, vai introducíndonos polas distintas centurias e vicisitudes que atravesa a barca da Merced. Coñeceremos ermidas como a de San Pedro Fins ou a capela na Caeira dedicada a santo Antonio; farase fincapé no poderoso Gremio de Mareantes e, sobre todo, nos litixios que este mantería cos bieitos, despois xa mercedarios, do Mosteiro de San Xoán de Poio polo control do servizo de “barqueo” que se daba todo o ano, ata finalmente derivar no control do mesmo no século XIX.

Deste xeito, o libro organízase en pequenos apartados, sustentados no manexo de fontes documentais tales como aforamentos, contratos de arrendamento ou de derrogación, etc. Na parte final da obra Lino J. Pazos dedica espazo aos carpinteiros de Ribeira, os peiraos, a tradicional corrida de arroases, a venda da casa do barqueiro ou a ponte de madeira que viría substituír o vello sistema de transporte que unía as dúas beiras da Moureira e San Salvador Pequeno ata chegar á construción do actual ponte da Barca, concluído no 1905.

Con este libro Lino J. Pazos roza con éxito un tema suxestivo que non se abordara en profundidade ata o de agora. Un eslavón máis para a historia que no tempo atravesa un río, o Lérez, na barca da memoria que o autor rescatou nos vellos arquivos visitados, e leva por nome Merced. A disfrutalo!




Comentarios

Publicacións populares