A ÁRBORE DOS NAMORADOS

Mateo Fontán Couto

O profesor Buenaventura Aparicio Casado volveu poñer o traxe de contista para continuar na súa sempiterna defensa e divulgación do patrimonio galego; o resultado é unha terceira historia que se ben presta aos máis cativos non deixará indiferente ao lector adulto. Publicado no selo Ab Origine, esta nova narración pecha, en certo senso, o círculo que os outros dous contos anteriores deste antropólogo comezaron a debuxar: A Pedra do Cervo (que deu pé a un libro adicional, o Anticonto da pedra do cervo) e Aliux na terra dos mortos (do que fixemos referencia neste mesmo blogue). A quenda chégalle ao que para min, xa adianto, é a mellor das tres obras, co suxestivo título de A árbore dos namorados.

Baseado nunha lenda recollida no castro de Magros, na parroquia de Santa María de Beariz, en Ourense, este conto aparentemente supón un esforzo creativo menor ao realizado, por exemplo, no seu anterior traballo, que reflicte unha fonda capacidade imaxinativa e de armazón literaria para poñer en valor, daquela, o período megalítico. No entanto, sabemos que as aparencias enganan e Buenaventura, sempre competente e con ánimo de aprendiz, adquiriu a destreza nada doada de contar contos, e aínda escribilos. Nesta nova historia o seu dominio narrativo faise verbo e consegue crear unha atmosfera de suspense, a xeito de thriller, que engaiola a nenos e maiores dende a primeira páxina.

Apuntamos tan só que o conto fala dunha progresiva historia de amor que xorde entre un mozo de nome Martiño e unha moura chamada Alda, no contexto de Vilacoba, unha aldea dominada nun plano fabulario / fabuloso por un castro que reflicte a visión do mundo rural galego, imperante durante tanto tempo. As figuras da moura e os mouros mesturan co patriarcado que prevalece na sociedade campesiña e desterra esa visión, un tanto moderna, de que en Galicia a muller posuía un papel preponderante. Os diferentes personaxes (destaco ao crego) que desfilan polo conto, aínda que de forma breve, destilan moita verdade, cavilada nos moitos anos de investigación, e diríase observación, que este autor realizou no eido da antropoloxía social e cultural e que nestas páxinas deslizan a fisionomía dun pobo... coma se de un breve retablo literario tratásese, tal coma un conto atinado.

O interesado deberá descubrir a obra por si mesmo. Os ingredientes que compoñen este remake dunha das máis fermosas lendas galegas de mouros e mouras son sólidos: fondo coñecemento antropolóxico en relación ao patrimonio arqueolóxico, as lendas, o folclore e a tradición popular galega; unha trama emocionante;  un amor a proba;  un belido final... A isto, temos que sumar o perfectamente debuxados que están os personaxes principais, no caso de Martiño que sexa canteiro non é algo casual pois este oficio mantén de sempre unha especial vinculación co patrimonio arqueolóxico, ademais o mozo canaliza as súas angueiras e crecemento espiritual a través da pericia no traballo. Alda é unha moura que reúne os canons ortodoxos destes personaxes de lenda, así a narración amosa unha fermosa muller presa dun encantamento, que peitea a súa cativadora melena e é custodia dun tesouro; amais Alda representa o inexorable mal fado do encontro cunha moura que non deixa de reflectir unha visión misóxina popular, tema do que Buenaventura Aparicio ten insistido en diferentes traballos. Doutra banda, este conto acubilla, amais da propia lenda que en si mesma representa, referencias a grandes mitos galegos como por exemplo o da galiña cos pitos de ouro.

Aínda que botei en falta ilustracións, nesta historia os debuxos veñen suplidos pola refinada escritura do autor e o dominio exixente que o conto como xénero require. Na lectura topamos con acaídas descricións que anoan coa mente infantil: “Un día, ben cedo, cando aínda non se ergueran do leito os primeiros raios do sol...”; ou a forma de amosar unha visión espacial miúda, coma un micro mundo: “- Logo tedes dúas vidas? (...) - Pois  pódese dicir que si. Unha é a que vivimos aquí na aldea, e a outra, despois de morrer, no ceo ou no inferno segundo te comportaras”; ou o magnífico pasaxe onde se revelan as relacións entre os namorados: “Aquela noite de luar, coas estrelas facendo que no miraban, Alda e Martiño navegaron por ríos de aloumiños e bicos, coma as abellas chucharon no mel e coñeceron o amor”.

A xeito de útiles anexos son a nota aclaratoria, o vocabulario e as referencias documentais que completan un conto baseado na mitoloxía popular que, de seguro, transportará a quen o lea a un universo de valores e sentimentos, mais sen perder de vista o retrato social que ancora ao lector a unha realidade que pode chegar a ser fantástica, tan só tedes que crer no noso rico imaxinario e mais no amor.




Comentarios

Publicacións populares