SAN CRISTOVO VOLVE CARGAR CO MUNDO (CRÓNICA DO CORPUS DE PONTEVEDRA 2024)

Mateo Fontán Couto

Conta a lenda que un home, un cananeo chamado Réprobo, de dimensións extaordinarias, tal coma un xigante, quixo poñerse ao servizo de quen fose o príncipe máis poderoso do mundo. Tralas súas pescudas, detalladas por Jacobo de la Vorágine na súa Lenda Dourada, volveuse aparentemente en cristián. Tiña por cometido facer de barqueiro dunha a outra beira dun río complicado de atravesar. Non tiña barca, seu poderío transportaba ás persoas. Un día, un meniño chamou por el tres veces para lle pedir superar o río. O rexio home viuse no medio do caudal superado polo peso e a corrente. Réprobo pasaría a ser Cristovo, pois cargou co Salvador que, á súa vez, levaba o peso do Mundo. Esta iconografía volveríase das máis consideradas pola devoción popular, aínda que un tanto censurada nos últimos tempos pola Igrexa. San Cristovo segue a ser o patrón dos condutores, e un dos santos de máis antigo avoengo nas parroquias galegas. 

Tamén san Cristovo, vinculada historicamente ao gremio dos muiñeiros, é un dos santos emblemáticos que toman parte no Corpus Christi de Pontevedra. Ausente, pois estivo varios anos sen saír, nas últimas “edicións” adoita ser fixo nas convocatorias, chegado o tempo da celebración. Neste Corpus de 2014 foi o santo do “partido”, por así dicilo.

O primeiro a destacar desta imaxe foi a recuperación do Orbe que suxeita o Neno Xesús, antano unha delicada peza de ourivería. Moitos anos incomodoume a ausencia deste símbolo fundamental para comprendermos a iconografía do santo. Agora, e por iniciativa dun grupo de entusiastas do Corpus, san Cristovo volve cargar co Mundo que suxeita Xesús. Do mesmo xeito, a representación deste santo xigante reestreou unhas pimpantes andas a partir do pouco que se podía conservar das antigas. Así, nun traballo cavilado, asesorado e documentado graficamente no seu proceso, a nova padiola de madeira escurecida puido conservar as características cantoneiras das esquinas, que despois de tratalas convenientemente foron douradas, e locen de marabilla; así mesmo foron conservadas as ferraxes e os varais. Neste traballo de reconstrución das andas é de xustiza nomear o labor constante e desinteresado de Alberto Martínez Sánchez, Rafael Arija Martínerz e Luciano Otero Álvarez. Este último tamén liderou e acometeu actuacións de mellora sobre a imaxe de santo Amaro, mais concretamente na protección do halo prateado que porta este santo vello, e mellorando o equilibrio das súas andas.

                                        Imaxe de san Cristovo (A.A.C.V.)

 


O orbe renovado (A.A.C.V.)


E chegou Corpus, brillando máis ca o Sol (tamén en domingo). Moita calor e ilusión na imperante xuventude que se podía observar rodeando os dez  santiños por saír. Dez!, moitos anos sen poder acadar esta concorrencia para acompañar ao Santísimo, sempre o verdadeiro protagonista.

Trala misa solemne en San Bartolomeu... Unha belida cruz floreada inaugurando; san Telmo: abrindo e danzando; san Roque (co chapeu descuberto, como procede): valentes e mozos portadores para sempre bendicidos, san Roque ten que saír!; santo Amaro: con sobriedade ben portado; san Cristovo: non parou quedo, comandado por Ramón Pedras “Petete” (repartidor de caraveis) máis parecía navegar que ir en procesión, emocionantes e vitoreadas as viraxes para saudar balcóns engalanados ou civís conmovidos; san Xián é o santo do garbo; san Miguel balanceado e con moito séquito; san Sebastián: o patrón escoltado; santa Catalina: a gran novidade lucindo vestido, tantos anos sen saír que moitos nin a lembraban na rúa, bravo!; san Xoán é feitiño e dourado e a Virxe Branca pechando; faltan os nenos e nenas de comuñón; cruces parroquiais abrindo vieiros ao Sacramento; clero; entrañables veteranos portan o palio; policía de gala e autoridades.

Entrou o Santísimo na Ferrería ao son das gaitas e a orquestra de Salcedo, diante do altar portátil o arcebispo emérito, Julián Barrio, lanzou un fermoso chamamento. Nunha esquina da praza, san Roque e san Sebastián saúdan a Celestino Peón, que vive este Corpus mellorándose e como espectador. A comitiva chega ás alfombras de Santa María ben guiados polo sempre elegante Ageitos, o vedor, e mesmo o investigador Leoncio Feijoo, que axuda nos labores, non pode evitar portar con imaxes da súa especial devoción.

Un día fermoso, co ronsel da esperanza no futuro para seguirmos mantendo e recuperando tradición deste noso Corpus, de sempre máis ca importante no almanaque e o corazón pontevedrés.


Momento do Corpus Christi en Pontevedra, 2024.
(Fotografía: Eugenio Tranchero Bravo)


Publicado en Pontevedraviva.com o 04/06/2024, en
https://www.pontevedraviva.com/opinion/9305/san-cristovo-volve-cargar-mundo-cronica-corpus-pontevedra-2024-mateo-fontan-couto/?fbclid=IwZXh0bgNhZW0CMTEAAR1QLm4A_CTPI7K6cF0UPvSQAR5eY4ql_cuxLP5b-QZxW1yBTk0SVwemE8A_aem_AdO-yqnVgvCAdEZbRTCc80E7o7LnchGqqZTEEq4gEvzzoZzAefrUxrmHz8_89G


Comentarios

Publicacións populares