A IMAXE DO RESUCITADO DE PONTEVEDRA

 Mateo Fontán Couto

A pesar de que de novo este ano a pandemia da Covid-19 deixounos sen ver as nosas procesións de Semana Santa pola cidade, pode resultar acaído crearmos un ambiente de Pascua escribindo algo acerca da imaxe do Xesús Resucitado de Pontevedra e do seu autor.

Nos seus inicios, o desenrolo iconográfico da Resurrección de Cristo prodúcese dun xeito simbólico. A arte da Igrexa oriental recorrerá ao tema da Anástasis ou baixada de Cristo aos infernos para representar a Resurrección. Así mesmo, os compendios de teoloxía medievais xunto aos bestiarios influirán nas varias solucións para a interpretación do feito máis relevante da fe cristiá. A partir do século XI a recreación simbólica relaxarase ante unha procura máis acorde cos relatos evanxélicos. As Santas Mulleres ante o sepulcro baleiro, reproducidas en número de tres ou seis, forman unha estampa característica do primeiro testemuño da Resurrección. Tamén é frecuente na arte a aparición do Señor diante dos apóstolos ou da Magdalena, tal e como maxistralmente o ilustrou Correggio na súa obra Noli me tangere, exposta no Prado. Despois do Concilio de Trento prefírese mostrar a Cristo coas feridas da Paixón e sen testemuñas.

No tocante á imaxinería, co paso do tempo a representación do Resucitado foi gañando espazo na celebración da Semana Santa en moitas localidades, tamén en Pontevedra. Así, o 10 de abril de 2004 bendicíase na igrexa de San Xosé de Campolongo a imaxe do Resucitado, encargada pola Confraría da Nosa Señora do Amor Fermoso e realizada por Darío Fernández Parra.

Este escultor naceu en Sevilla no ano 1973 e pasa por ser un dos máis destacados imaxineiros actuais, cunha obra abundante e de gran calidade artística. Diplomouse en Cerámica e tamén en Escultura en madeira e pedra; complementou a súa formación con estudos na Facultade de Belas Artes de Sevilla e a asistencia a clases de artistas. Foi discípulo durante sete anos de Antonio Dubé de Luque. Realizou varias mostras e acadou importantes galardóns polo seu labor escultórico, como por exemplo o Premio de las Artes Semana Santa en Sevilla (2016). A súa obra repártese por gran parte da xeografía española coa feitura especialmente de Cristos, pero tamén de santos, nenos Xesús, figuras de misterio, Virxes de Gloria, Dolorosas e outros traballos.

O fermoso Resucitado de Pontevedra quixo nacer en cidade tan de Semana Santa como o é Sevilla, pero decidiu mudarse á Boa Vila. Supera o 1,80 metros e está realizado en madeira de cedro policromada. Cristo aparece practicamente espido, cunha anatomía suave e co pano de pureza arrolado polo vento. Posúe unha mirada doce e sosegada, leva potencias; coa man esquerda sostén unha cruz ou bandeira, símbolo da vitoria sobre a morte, mentres que coa man dereita fai o xesto de bendicir. O seu corpo mostra as feridas da crucifixión e da lanzada. A figura atópase sobre o que asemella unha nube de cor prateada, polo que estaríamos diante dunha representación da Ascensión de Xesús aos ceos ante once dos apóstolos, corenta días despois da Resurrección. Darío Fernández Parra cicelou outro Resucitado para a localidade de Barbastro (Huesca), en 2008.

O Resucitado percorre Pontevedra o Domingo de Pascua desde 2004, nun principio facíao só, mais esta procesión foi incorporando imaxes e confrarías ata convertela nunha das máis vistosas da Semana Santa pontevedresa. Actualmente concorren a imaxe de Xesús Resucitado acompañado pola Confraría da Vera Cruz e Misericordia; a da Nosa Señora do Amor Fermoso portada pola confraría homónima, responsable da organización da procesión; san Xoán e a Magdalena escoltados pola Confraría da Nosa Nai da Maior Dor, a banda e representación da Confraría do Espírito Santo e portadores da do Noso Pai Xesús do Silencio. Saen desde templos diferentes para, máis adiante, reunirse nun belido Encontro e formaren unha soa comitiva cara á súa recollida na igrexa de San Xosé, no barrio de Campolongo.

Foto: Javier Cervera Mercadillo / Fonte: Diario de Pontevedra.


Artigo publicado no Diario de Pontevedra o 04/04/2021

Comentarios

Publicacións populares