UN LEGADO POR DESCUBRIR

Mateo Fontán Couto

Edicións Morgante engade un título máis no seu haber, e o fai da man de Xosé Abilleira Sanmartín cun libro orixinal e mesmo diría necesario para estes tempos; lemos na portada: O legado clásico na nosa cultura. Unha mirada desde Pontevedra.

Este autor exerce como profesor de latín e grego no ensino secundario. Non resulta esta a súa primeira andanza editorial, pois ten obra recoñecida no estudo de figuras como Xoán Manuel Pintos ou Evaristo de Sela, e tamén co seu traballo sobre textos e autores grecolatinos e humanistas vertidos ao galego. Do mesmo xeito mostra interese no latín medieval, aportando mediante artigos datos e descubertas de gran valía; ao respecto non fai moito coordinaba un libro sobre o Foro de Pontevedra, documento do que é tamén tradutor ao noso idioma. En 2009 publicou xunto con Eloi Gestido o libro de texto para bacharelato de Literatura Universal.

Con esta nova obra Xosé Abilleira ofrécenos un ramallete de traballos co arrecendo da cultura clásica, mais tamén da medieval e da humanista. O latín e o grego son o fío condutor, os idiomas dos que o autor extrae a fervenza de datos que pon en valor.  As páxinas fálannos de cousas diversas cun pano de fondo galego como é Pontevedra. Podemos, por exemplo, viaxar ao medievo xunto aos frades do mosteiro de Lérez e coñecermos o nome do seu primeiro abade, ou podemos asistir a consagracións episcopais e saber doutros feitos alí acontecidos. Outras achegas acerca da Boa Vila alicerzan a idea deste traballo, algunhas delas realmente sorprendentes.

Comentarios a obras do peso histórico da  Historia compostelá, o Carmen Patriu Sive Pontevedra (do que o autor realizou tradución para Casal de Edicións); chiscadelas a grandes clásicos grecolatinos ou á Utopía de Thomas More, compoñen o mapa literario polo que o autor guíanos na procura dunha reflexión, un achado ou unha tradución ao galego. Do  mesmo xeito, varios personaxes e literatos saúdan desde estas páxinas: Xoán Manuel Pintos, Juan de Guzmán, Evaristo de Sela, Ovidio, Horacio, Avelino Gómez Ledo, Kavafis... Deles queda moito por descubrir, e este libro contribúe a iso; mesmo xorden personaxes míticos como Teucro ou Prometeo para axudaren na didáctica, xa que este é un libro de acentuado estilo docente.

Nestes incertos tempos onde o latín e o grego corren o perigo do exilio das aulas, estas lecturas cobran un valor engadido. Estamos ante unha escolma do legado e da pegada que a civilización grecorromana trasladou a Pontevedra..., a Galicia. Tamén ante unha reivindicación da nosa rica literatura medieval, así como da importancia do humanismo nas nosas letras. Un libro, en definitiva, moi aproveitable que deixa o sabor da erudición máis clásica, que é a que máis e mellor sabe.




Comentarios

Publicacións populares