Mateo Fontán Couto
As procesións de Semana Santa reúnen moitos compoñentes que van máis aló das imaxes que a protagonizan. Esta tradición secular
atesoura moito patrimonio que a fixo posible e dotárona do sentido evanxelizador
que persegue, ademais de enriquecela artísticamente. De forma desenfadada e axudados
por unha serie de fotografías queremos repasar algunhas das moitas pezas que formaron
parte da Semana Santa pontevedresa e que, coa sensibilidade adecuada, deberían
ser conservadas axeitadamente (as que non o están) e mesmo reintroducidas na medida do posible para, desta maneira, constatar o peso dunha celebración de tanta importancia na nosa cidade e o esforzo das confrarías e institucións por lle dar o realce que se merece.
Cruz de Guía
Nesta fotografía da Confraría do Silencio, que serviu de portada ao programa da Semana Santa de 1969, vemos a antiga cruz de guía que usaban, na que destaca a talla de Cristo Crucificado. Esta peza pertence ao patrimonio artístico da parroquial de San Bartolomeu e foi exposta na mostra por mor dos 300 anos da consagración da igrexa do Colexio da Compañía de Xesús de Pontevedra, en 2014.
|
(Foto: portada do programa de 1969) |
A anterior cruz de guía da Confraría do Espírito Santo (utilizada
tamén durante os viacrucis de Coresma) e as fermosas dalmáticas,
que a escoltaban, conformaban o "Frente Cofradía" desta
irmandade de orixe estudiantil. Tanto a cruz coma as dalmáticas
consérvanse no Museo Provincial de Pontevedra.
|
(Fotografía: Colección Fontán Portela)
ANXOS
Na antiga composición do Paso da Oración na Horta estaba un Neno Xesús reconvertido en anxo ao engadirlle ás de algodón. Seguindo a investigación de Ageitos Míguez sabemos que no 1953 subtitúese polo anxo que procesiona actualmente, obra dos irmáns Rivas. A imaxe do Cristo tamén fora mudada en 1952 pola actual (á súa vez antiga do Cristo coa Cruz ao Lombo). O anxo dos Rivas é unha fermosa escultura secundaria da nosa Semana Santa; foi restaurada en 1998 con grande acerto e a expensas da Confraría da Nosa Señora do Amor Fermoso. Do antigo "anxo" que sostiña un cáliz ignoro o seu paradoiro (se é que aínda se conserva).
(Fotografía: Museo de Pontevedra- Col. Pintos Fonseca) |
Continuando con anxos, podemos ver como nas andas da Virxe da Amargura (iconografía presente na Semana Santa pontevedresa dende 1959 ata 1962) aparecían dous portando lanzas, e un deles co que imaxino é unha esponxa picada na punta; ambos teñen xesto choroso. A Confraría do Silencio incorporaría nese ano de 1962 o Paso da Virxe das Angustias para a procesión do Santo Enterro, e noutra foto podemos observar no frontal do palio, que introducirían en 1968, o que podería ser un deses dous anxos, concretamente o da lanza núa. Na actualidade estes anxiños no comparecen en ningunha procesión aínda que un imaxina que ben poderían retornar ao palio das Angustias ou exornar ou completar (talvez o fixeron no pasado) imaxes como a da Santa Cruz, por exemplo.
(Fotos tomadas dos programas de man)
INSIGNIAS E AVEÑOS
Moitas confrarías tiveron diferentes insignias e aveños ao longo da súa historia que foron mudando por diferentes motivos. Aínda que serían bastantes os exemplos hoxe sinalaremos uns poucos, ilustrados polas imaxes.
Nazarenos da Confraría do Noso Pai Xesús coa Cruz ao Lombo (en orixe nomeada de Noso Pai Xesús Caído) portando cruces que, máis adiante, substituirían por farois. Tamén vemos como os máis cativos ían con capirote e carraca.
|
Fotografía / detalle: Museo de Pontevedra- Col. Pintos Fonseca
|
|
Vemos a cruz de guía do Silencio, saíndo pola fachada principal de Santa María, escoltada polos portadores de grandes farois vestindo as antigas dalmáticas e, detrás, os dous primeiros nazarenos de filas levando uns farolillos que hoxe non se ven.
|
(Foto tomada dun programa de man) |
Nos desfiles da Confraría do Espírito Santo saían farois e un bandeirín que poñía "Instituto de Pontevedra" (que vemos no detalle dunha antiga fotografía de Graña) facendo alusión á vinculación deste centro de ensino coa confraría. Tamén podemos apreciar unha foto onde se ve a beca co escudo do Instituto que levaban os confrades infantís; nesta mesma imaxe a fermosa naveta de plata (incensario) gardada no Museo, e na última foto as dúas insignias en forma de cruces broncíneas tamén conservadas no Museo e que, anos despois, substituíronse por réplicas, xa pertencentes a esta "Confraría do Instituto".
|
Fotografía / detalle: Graña. Colección Sánchez-Agustino
|
|
|
(Fotografía / detalle: Colección Fontán Portela)
|
|
(Fotografía: Mateo Fontán / 2005. Colección Fontán Portela)
|
AS ANDAS
As andas son ese soporte de madeira, máis ou menos profusamente decorado, apoiado en dúas varas grosas paralelas. Na nosa Semana Santa as imaxes sempre ían nestas padiolas; co tempo chegarían os tronos, a rodas.
As antigas andas da Semana Santa pontevedresa eran belidos exemplos de mobles procesionais. Algunhas eran sobrias, outras de madeiras nobles e escuras como a do Cristo dos Mareantes. Habíaas de estilo neogótico (Virxe das Dores) e as talladas con xeito (Ecce Homo). Era frecuente que as mesmas andas fosen as de imaxes diferentes, ao igual que ocurría cos farois, outro dos elementos artísticos a ter en conta.
Non é doado sabermos da orixe destas pezas. Inventarios ou libros de fábrica poderían ofrecer pistas. Máis triste resulta preguntarnos polo seu paradoiro... Salvo algunha excepción, foron esquecidas e algunhas de seguro xa perdidas. O idóneo sería a súa axeitada conserva pois forman parte do noso patrimonio artísitico, relixioso e mesmo etnográfico. Son testemuños que falan das nosas tradicións.
|
(Fotos tomadas de diferentes programas de man)
O CALVARIO |
Na programación reflectida na prensa e no programa de man sempre sae abrindo a Procesión Xeral do Santo Enterro o "Calvario". Tratábase dunha cruz plana da que penduraba un sudario, portada cada ano por un persoeiro civil. Nesta foto do emblemático Rafa no xornal El Pueblo Gallego, con data de 22 de abril de 1962, podemos apreciar a insignia do Calvario; e durante varios anos esa foi a peza que abría a comitiva o Venres Santo. Na actualidade trala cruz parroquial segue a se anunciar o Calvario, aínda que este distintivo xa non sae.
|
(Foto: Rafa / El Pueblo Gallego 22/4/1962) |
|
Noticia en El Pueblo Gallego 1/4/1958 |
Comentarios
Publicar un comentario