ARQUEOLOXÍA EN TEMPOS DE NÓS
Mateo Fontán Couto
Promovido polo Museo Arqueolóxico de Ourense,
coordinado por Xulio Rodríguez González mais Avelino Rodríguez González e
editado pola Xunta de Galicia o libro Arqueoloxía
do noroeste peninsular en Tempos de Nós súmase á conmemoración do
centenario da emblemática revista galega. Este é un volume que posúe como
armazón as achegas de reputados especialistas na disciplina arqueolóxica, a cal
foi asumida polos membros da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos
como eido imprescindible para a conquista do pasado e a posta en valor da identidade
galega.
Esta publicación conta, pois, cun aval de prestixio na
redacción dos nove capítulos que a conforman, amais da presentación do
conselleiro Román Rodríguez González e o prólogo asinado polos coordinadores. O
conxunto dos textos dá 150 páxinas, ilustradas con interesantes fotografías e
sustentadas por cada autor coa bibliografía citada en cada capítulo. Así mesmo,
os cinco primeiros capítulos teñen claramente á figura de Florentino López
Cuevillas como protagonista mentres que os catro restantes debuxan o mapa da
actividade arqueolóxica no noroeste peninsular naqueles anos.
Arrinca esta expedición literaria co arqueólogo José María
Eguileta Franco que escribe «Nós e a prehistoria de Galicia: entre o
paleolítico e a Idade do Bronce», onde analiza os comezos da sistematización da
prehistoria galega máis remota a través dos membros de Nós e o SEG, con
Cuevillas á fronte.
No segundo capítulo é o profesor, arqueólogo e
antropólogo Francisco Calo Lourido o encargado de se referir ao insigne erudito
ourensán e as súas achegas fundamentais e, en moitos aspectos, fundacionais no
ámbito da cultura castrexa tendo como pano de fondo o tempo de edición da
revista Nós
Quen foi, entre outros varios cargos, director do
Museo das Peregrinacións, Bieito Pérez Outeriño, enfronta no terceiro capítulo
ao lector coas importantes achegas de Cuevillas ao tema da ourivaría prehistórica
nesta determinante área xeográfica que constitúe o noroeste da península ibérica.
Co título «Don Florentino López-Alonso Cuevillas colaborador
sobre o mundo romano na revista Nós» escribe
Francisco Fariña Busto, moitos anos director do Museo Arqueolóxico de Ourense,
o cuarto capítulo do libro. Amais do que reza o título, esta colaboración
denuncia o sucedido cunha ara dedicada a Bandua, hoxe desaparecida e antes
localizada no pazo dos Tizón, no lugar de Eiras.
Xosé C. Sierra Rodríguez, profesor e político que
desenvolveu importantes cargos tanto na Administración como en institucións
culturais, escribe sobre os traballos de índole etnográfica de Cuevillas. Estes
podían estaren integrados dentro dos arqueolóxicos o constituíren achegas
especificas. En todo caso, apreciamos nestas liñas o interese multidisciplinar
que, na procura do carácter etno-cultural galego, aplicaba o investigador,
calando nos seus discípulos.
Como xa se indicou, os capítulos finais están dedicados a describir os traballos arqueolóxicos levados adiante nos tempos de Nós, nas provincias galegas –agás a de Ourense, ben representada nas achegas devanditas e tamén noutra publicación de fai pouco tempo– e o norte portugués. Precisamente á arqueóloga e investigadora Teresa Soeiro corresponde o capítulo que fala da actividade arqueolóxica no norte do país irmán. Nestas interesantes páxinas paséanse nomes tan ilustres como os de Leite de Vasconcelos ou Eugenio Jalhay e dáse conta de asociacións, organismos e publicacións relevantes creadas na época, así como da colaboración entre estudosos galegos e portugueses.
O capítulo dedicado á provincia da Coruña asínao José María
Bello Diéguez, quen foi arqueólogo municipal e director do Museo Arqueolóxico e
Histórico Castelo de Santo Antón. Principalmente destaca na súa coidada achega
o legado de tres ilustres homes: Santiago de la Iglesia (e familia), Federico
Maciñeira e Ángel del Castillo.
Felipe Arias Vilas, arqueólogo que ocupou cargos significativos e desenvolveu varios proxectos, escribe sobre a arqueoloxía lucense na
etapa da Xeración Nós. Unha arqueoloxía desenvolta un tanto á marxe deste
senlleiro grupo e que atopa os seus fitos máis destacados nas achegas ao Lugo
galaico-romano e os traballos de Cuevillas, Fraguas e Mª Pura Lorenzana, en
especial sobre o patrimonio do Saviñao.
Dedicado a Pontevedra, o derradeiro capítulo corre a
cargo de Antonio de la Peña Santos, conservador dos fondos arqueolóxicos do
Museo Provincial. A actividade da Sociedad
Arqueológica, capitaneada por Casto Sampedro, xunto á fundación do Museo e
os traballos desenvoltos pola saga familiar dos Sobrino, a favor da
documentación e estudo da arte rupestre, serán os eixos sobre os que pivota o
texto.
Un libro que pon en valor o traballo, a través de dúas
décadas (1920-1940), no ámbito arqueolóxico en Galicia. Traballo dunha xeración
irrepetible cristalizada en publicacións como a revista Nós ou institucións como o SEG, que conseguiron poñernos no mapa
científico europeo. Coa lectura destas páxinas embarcamos nunha lúcida viaxe onde
asistimos á sistematización e desenrolo dunha disciplina fundamental á hora de
entendermos o máis tanxible daquilo que nos define, e que tivo en figuras como
Cuevillas, Bouza Brey, Xaquín Lorenzo e varios outros aos seus pioneiros paladíns.
Comentarios
Publicar un comentario